A CIG-Ensino denuncia que a Consellaría de Educación discrimina o alumnado do rural

O alumnado escolarizado en máis dunha vintena de unitarias do rural non ten profesorado especialista de Educación física e/ou Música

A diferente atención educativa entre o alumnado dependendo da súa zona de residencia é unha realidade en todas as etapas educativas, coa evidencia dun medio rural claramente prexudicado na oferta educativa. Un estudo elaborado pola CIG-Ensino detectou que máis dunha vintena de escolas unitarias con alumnado de primaria están discriminadas ao carecer do profesorado especialista en Educación Física e/ou Música co que si conta o alumnado escolarizado en centros con máis unidades.

Do informe sindical despréndese que hai 15 unitarias da provincia de A Coruña e 3 da provincia de Lugo con alumnado escolarizado en primeiro ciclo de educación primaria que non teñen docentes especialistas de Educación Física nin Música, materias de carácter obrigatorio nestes cursos. Son as unitarias de Rorís, Larín de Arriba, A Lagoa, Camelle, Tabeaio, Brens, Pazos, Bemantes, Olas, Visantoña, Pousada, Ombre, Seráns, Torres e Castromil, todas na provincia da Coruña así como  as escolas  Antía Cal Vázquez,  Nogais, e Eduardo Cela na provincia de Lugo. Existen tamén outros 4 centros da provincia de Lugo (Lousada, Ricardo Gasset, Uxío Novoneira e Samos) que non contan con especialista de Música.

Ao proceso de peche continuado durante a última década de escolas nas zonas rurais do país únese, por tanto, un trato discriminatorio nestas unitarias, o que fai que se evidencie que as pretendidas políticas de defensa do rural por parte do goberno do partido popular na Xunta de Galiza son propaganda baleira de medidas efectivas.

Da información recabada pola CIG-Ensino destaca tamén as demandas que nos trasladan as mestras e mestres ao cargo de escolas unitarias en referencia ás carencias  de profesorado para a atención da diversidade, xa que a atención por parte dos departamentos de orientación compartidos e xa sobrecargados de traballos nos propios centros base non é suficiente , quedando as unitarias nun papel secundario.

Desde a CIG-Ensino esiximos, de novo, unha atención diferenciada e preferente ao ensino rural galego, con políticas que eviten o peche de aulas, que garantan un trato en igualdade de condicións ao longo de todo a vida escolar do alumnado.

Volver