A CIG-Ensino denuncia que a Consellaría de Educación dilapida orzamentos para reducir a presenza da nosa lingua
Ula Crise?
A Consellaría está disposta a malgastar entre 5 e 8 millóns de euros para cambiar os libros de texto que non esgotaron os catro anos de vixencia
A CIG-ENSINO DENUNCIA QUE A CONSELLARÍA DE EDUCACIÓN DILAPIDA ORZAMENTOS PARA REDUCIR A PRESENZA DO NOSO IDIOMA
A Consellaría está disposta a malgastar entre 5 e 8 millóns de euros para cambiar os libros de texto que non esgotaron os catro anos de vixencia
A CIG-Ensino denuncia que A Consellaría de Educación está a dilapidar os seus orzamentos en contra do noso idioma.
Nestes días a Dirección Xeral de Educación e FP está a enviar aos centros educativos unha publicación sobre prevención de riscos laborais para ser distribuída entre o profesorado de Formación profesional, integramente redactada en español. É absolutamente inadmisíbel que a Consellaría de Educación incumpra de xeito tan grave non só o seu deber de promover o noso idioma e garantir a existencia de material formativo en galego, senón mesmo as súas propias normas de equilibrio. Publicar integramente en español un manual que ten utilidade pedagóxica nos ciclos formativos é incumprir o artigo 9º do seu Decreto de Plurilingüismo no que se recolle: que “Na formación profesional específica, … se establecerá unha oferta equilibrada … que garanta que o alumnado acade a competencia lingüística propia do nivel nas dúas linguas oficiais. En todos os módulos garantirase que o alumnado coñeza o vocabulario específico nas dúas linguas oficiais.” Pois ben, dificilmente se pode dar cumprimento a este artigo se a propia Consellaría de Educación cando fornece materiais non o fai tamén en galego, de xeito que quede garantida a adquisición de vocabulario específico no noso idioma e sirva como ferramenta para acadar a competencia plena en galego. Esta actitude da Consellaría dános a entender que non só elaboraron un Decreto destinado a reducir a presenza do noso idioma no ensino, senón que mesmo están dispostos a incumprir o seu propio Decreto, para que esa redución sexa aínda maior.
Esta actitude da Consellaría é antipedagóxica e ilegal, e redunda unha vez máis no desamparo do profesorado. A CIG-Ensino vai esixirlle por escrito ao Conselleiro de Educación que rectifique urxentemente e publique o mesmo manual na nosa lingua, tal e como debería ter sido publicado desde o primeiro momento.
Por outro lado a CIG-Ensino denuncia outra medida adoptada pola Consellaría de Educación contra a nosa lingua e que, ademais, se traduce no malgasto de diñeiro público. A Consellaría acaba de anunciar na súa web que amplía a axuda para a adquisición de libros para cambiar os textos de matemáticas, física e química e tecnoloxía, cando neste momento os libros destas materias non esgotaron o seu período de vixencia, pois non transcorreron os catros anos estipulados par a súa renovación.
A Consellaría de Educación e a Xunta de Galiza que tanto falan de contención no gasto non teñen ningún reparo en dilapidar fondos públicos, o diñeiro de todas e de todos, en reducir a presenza do noso idioma. Porén non son igual de espléndidos á hora de atender as necesidades básicas do ensino cubrindo baixas, enviando aos centros o profesorado suficiente, etc., mentres tiran uns libros que aínda son útiles porque están en galego e para a Xunta iso é unha prioridade. Cambiar este ano os libros de texto que están vixente para o curso que vén, e en varios casos tamén para o seguinte, supón un gasto de entre cinco e oito millóns de euros, concretamente de entre 5.743.760 € e 8.203.610 € dependendo das materia sen que se cambie o libro.
A CIG-Ensino vai esixir que os libros que non esgotaron o seu período de vixencia permanezan nos centros, por canto considera absolutamente obsceno que no contexto actual se adopte unha medida que supón un dispendio innecesario de diñeiro público, ademais dun gasto para as familias que non se poden acoller á gratuidade.