A CIG-Ensino denuncia que a Consellaría de Educación desenténdese da materia de lingua portuguesa na selectividade

Seguen a defender un ensino de costas ao noso entorno social e económico máis próximo

A CIG-Ensino denuncia que a Consellaría de Educación se desentende da materia de lingua portuguesa na selectividade. Nas probas de selectividade, o alumnado pode optar por realizar as probas de lingua estranxeira no idioma da súa preferencia entre portugués, alemán, francés, italiano e inglés. Para iso, a Consellaría ten que autorizar a creación dun grupo de traballo que será o encargado de realizar a proposta de probas a realizar e toda a documentación necesaria para que o alumnado poida examinarse.

Pois ben, para as probas deste ano, a Consellaría non autorizou a creación dos grupos de traballo de portugués (ou italiano, ou alemán), polo que non hai materiais nin ningún tipo de información a respecto dos exames, mentres que en lingua estranxeira para inglés ou francés si existe grupo de traballo, podéndose consultar na páxina da CIUG a estrutura da proba.

Para a CIG-Ensino trátase dunha desconsideración co alumnado, pois é unha evidencia que, deste xeito, non están en igualdade de condicións. O pasado ano, foron 40 alumnos e alumnas os que optaron pola realización desta proba de portugués, o que podemos considerar un número importante.

A materia de lingua portuguesa é de grande importancia para a CIG-Ensino e por iso propoñemos que se incremente a súa impartición a todos os centros escolares do país, porque, non só abre moitas portas a nivel formativo ao alumnado galego, pois ao ser unha lingua tan próxima, pódese acadar unha grande competencia en pouco tempo, senón que ademais é unha materia que serve para potenciar e incrementar o coñecemento do galego.

A CIG-Ensino denuncia que o parvadas e as fixacións desta Consellaría están a limitar as posibilidades formativas do alumnado galego que, a dous meses das probas de selectividade, non ten as mesmas posibilidades de preparación para as distintas materias, estando en inferioridade de condicións quen queira examinarse de portugués.

A CIG-Ensino vai esixir da Consellaría que se autorice, con carácter de urxencia, un grupo de traballo para portugués, de xeito que se acelere a tramitación da documentación necesaria para que o alumnado que o desexe poida examinarse desta materia.

Volver