A CIG-ENSINO denuncia que a Consellaría consolida os ataques ao noso idioma a través dos centros plurilingües

A CIG-Ensino pediu a retirada da orde

A Consellaría trasladou hoxe na Mesa Sectorial que converten en permanente a orde de Centros Plurilingües, sen que transcorrese nin sequera un ano desde a posta en marcha experimental

A CIG-Ensino denuncia que a Consellaría de Educación segue a súa folla de ruta contra o galego. Na Mesa Sectorial de hoxe 28 de abril, o Director Xeral de Educación trasladou que a orde de creación de Centros Plurilingües, que hai menos dun ano que se puxo en marcha experimentalmente, convértese en permanente e definitiva con moi poucos cambios. O Director Xeral trasladou esta información sen dar conta dos resultados dese proxecto experimental, nin explicar cal foi a súa incidencia na redución do noso idioma nos centros, nin a incidencia na mellora na aprendizaxe de idiomas. Unha vez máis asistimos á utilización dos recursos públicos ao servizo da ideoloxía do partido no goberno, empeñado en crear unha cortina de aparente compromiso cos idiomas estranxeiros, mellor sería dicir co inglés, que oculta unha intención máis profunda que é a de invisibilizar o noso idioma e profundar na desgaleguización das xeracións máis novas.

 

En primeiro lugar a CIG-Ensino denunciou a teima da Consellaría de Educación en atacar a nosa lingua. Cando aínda non transcorreu nin sequera un curso desde a súa posta en marcha, dáselle permanencia a unha orde contra a que a CIG-Ensino xa presentou recurso o pasado ano. De acordo con isto a CIG-Ensino reclamou a súa retirada, polos seguintes motivos:

Ø    Porque ten a clara finalidade de reducir a presenza do galego no ensino. Con esta orde preténdese continuar na colonización e na marxinación do noso idioma propio.

Ø    Porque non se adoptan medidas que son absolutamente necesarias para incentivar a aprendizaxe dun idioma.  

Ø    Porque esta norma establece unha barreira selectiva e segregadora para o alumnado, pois dá lugar á clasificación dos centros e do seu alumnado desde un punto de vista elitista e contrario á equidade e á igualdade.

Ø    Porque é un dos instrumentos da Consellaría para favorecer os centros privados.

Ø    Porque estamos ante unha auténtica aberración pedagóxica.

Ø    Porque modifica as condicións de traballo do profesorado.

 

A Administración negouse a retirar a orde a través do Director Xeral Mira Lema, quen tamén  pretendeu negarse a escoitar as argumentacións da Central Sindical maioritaria no sector, interrompendo de xeito autoritario a intervención do Secretario Nacional da CIG-Ensino.

 

A CIG-Ensino manifestou que esta orde está nas antípodas do que se debe facer na aprendizaxe das linguas estranxeiras, xa que o seu obxectivo verdadeiro, como demostrará a experimentación destes meses, é a redución da presenza do noso idioma no ensino e afondar no prexuízo de que dominar unha lingua estranxeira está en contradición co coñecemento do noso idioma.

 

A CIG-Ensino manifestou a súa preocupación ante o feito de que se presenta a orde como un garante da aprendizaxe das linguas estranxeiras, cando o que cómpre para iso son outro tipo de medidas, medidas que terían consecuencias positivas como:

Ø    redución de rateos,

Ø    desdobres das aulas de idiomas,

Ø    dotación de máis profesorado especialista e máis recursos.

 

Esta orde non vai supor maior destreza para o alumnado, senón que vai ser un elemento de confrontación entre os centros.

 

Desde a CIG-Ensino lembramos que o Consello Consultivo xa manifestou no seu día que: “ese máximo dun terzo do horario podería resultar desproporcionado con relación ao horario que se dispensa ás dúas linguas oficiais… pode supor un sacrificio para a aprendizaxe tanto oral coma escrita das linguas oficiais, tendo en conta os mandatos e fins tanto do Estatuto de Autonomía de Galicia coma da Lei de normalización lingüística… e da Carta europea das linguas rexionais e minoritarias.” Unha vez máis, en contra do recollido no informe do Consello Consultivo e a pesar da claridade coa que queda dito, a Consellaría volve impor a implantación dun terzo en inglés, co obxecto de sacrificar a presenza do galego.

 

Ao analizarmos a orde  comprobamos que ten ademais o obxectivo de “Fomentar a pluralidade lingüística e cultural nos centros educativos para lograr a plena integración do alumnado nun contexto cultural e económico globalizado”, cando o que precisa o alumnado galego é inserirse na súa cultura propia. Estamos ante uns gobernantes acomplexados que non saben que o único xeito que temos de sermos universais e de achegar algo á humanidade é mediante o coñecemento e a difusión da nosa cultura propia. Un complexo que lles impede aceptar a proposta da CIG-Ensino de que a lingua de acompañamento nestas materias sexa o galego.

 

Para a CIG-Ensino é imposíbel que se poida impartir un terzo das materias en lingua estranxeira, a non ser que partamos de que é un ensino para privilexiados… Preguntamos, como se lle poden explicar as matemáticas en inglés a un neno de 1º de Primaria? Mais non lle poden explicar en galego?. Por outro lado entendemos que o nivel idóneo para que o profesorado poida asumir esas ensinanzas é o C1, é dicir un nivel que lle dea un grao de desenvolvemento necesario para centrarse na materia que imparte e non tamén na lingua que usa.

 

Consecuencias nas condicións de traballo do profesorado:

A CIG-Ensino criticou esta orde tamén porque supón a modificación das condicións de traballo do profesorado. A posta en marcha da orde o pasado ano provocou a modificación da orde de elección de grupos e horarios. Pois ben, a orde presentada hoxe recolle ademais as seguintes modificacións das condicións de traballo:

Ø    A obrigatoriedade para o profesorado especialista de idiomas de:

o   Coordinar o programa, para o que a Dirección nomeará unha persoa coordinadora que só terá unha redución dunha hora por nivel educativo implicado no proxecto até un máximo de tres. A CIG-Ensino manifestou que esta persoa terá unha sobrecarga de traballo.

o   Ser, preferentemente, o titor ou titora dos cursos en que estea implantado o programa o que entra en contradición coas normas seguidas para o nomeamento das titorías en Primaria.

Ø    A obrigatoriedade para o profesorado implicado de participar nas actividades de formación que programe a Consellaría, a maiores do seu horario lectivo

Ø    O centro terá que planificar e realizar actividades extraescolares e complementarias plurilingües.

Ø    A persoa coordinadora do Equipo de Normalización terá que coordinarse coa persoa coordinadora do programa.

Ø    A modificación na cobertura das substitucións, para o que xa modificaron a addenda de interinos, por certo sen convocar á CIG-Ensino, e na que se recolle que de cada especialidade se elaborará unha segunda listaxe coas persoas que teñan o nivel B2 para dar cobertura ás substitucións en centros en que esa materia se imparta en lingua estranxeira, proposta á que a CIG-Ensino se opuxo no seu día por vulnerar a orde xeral da listaxe de persoas interinas e substitutas, e que agora vai ser aplicada coa conformidade dunha minoría sindical integrada por CCOO e ANPE.

Tamén para as vacantes que se produzan a Consellaría establece que “asegurará que ... se cubran con profesorado coa debida competencia lingüística.

 

Por todos estes motivos a CIG-Ensino esixiu da Consellaría que as solicitudes dos centros para acollerse a esta orde deben contar coa seguinte documentación:

Ø    Certificación da aceptación do Claustro de profesoras e profesores. Á CIG-Ensino non lle parece correcto que se pida a conformidade do Consello Escolar, sen que o Claustro, que é quen vai ter que aplicar a orde, manifeste espresamente e sexa preceptiva a súa conformidade. A Consellaría negouse argumentando que se nun centro os pais e algún profesorado están de acordo en ser centro plurilingüe, non poden ver impedidas as súas aspiracións pola desconformidade dun claustro ou o departamento implicado.

Ø    Aceptación voluntaria e expresa do departamento da materia que se vai impartir en lingua estranxeira.

Ø    Aceptación voluntaria e expresa do departamento de linguas estranxeiras.

Ø    Aceptación voluntaria e expresa de todo o profesorado implicado.

 

En definitiva, a CIG-Ensino esixiu que quede constancia efectiva de que todo o profesorado afectado no momento de realizar a solicitude ou no futuro da continuidade do programa manifeste que coñece as obrigas ás que se somete (de formación e de coordinación) e que as acepta.  A Consellaría non aceptou estas propostas.

 

Para a CIG-Ensino, ante os obxectivos de invisibilizaciòn do noso idioma que persegue esta orde e porque tampouco é unha proposta acaída para mellorar a aprendizaxe de idiomas, o máis lóxico seria non entrarlle no xogo a consellaría.

 

A CIG-Ensino, en canto esta orde sexa publicada, estudará a presentación de recurso polo ataque que significa ao noso idioma e pola modificación das condicións de traballo do profesorado.

Volver