A CIG ENSINO denuncia que a Consellaría acelera o funcionamento dos Centros Integrados de FP como empresas privadas

A CIG Ensino denunciou desde o primeiro momento que a creación dos Centros Integrados de FP era o mecanismo para introducir na Consellaría de Educación o sistema de funcionamento da empresa privada

A CIG-Ensino esixe que a formación se realice de acordo co profesorado destinatario da mesma e sendo elaborada e impartida pola propia Consellaría. Por este motivo promoverá unha campaña nos centros afectados para trasladarlle á Administración a oposición das e dos traballadores destes centros ás imposicións antidemocráticas da Consellaría, ao tempo que estudará as medidas legais que correspondan contra estas imposicións.

A CIG Ensino denunciou desde o primeiro momento que a creación dos Centros Integrados de FP era o mecanismo para introducir na Consellaría de Educación o sistema de funcionamento da empresa privada. Por este motivo a CIG-Ensino opúxose a este modelo de centros dos que desaparece a democracia interna e nos que se instala o dirixismo, sen ter en conta a opinión dos seus traballadores e traballadoras.

Este curso comezou coa xeralización do incremento das sesións lectivas a 60 minutos, destinado fundamentalmente a reducir o número de docentes necesarios para impartir nun ciclo. Cabe sinalar tamén que, en relación aos horarios, nalgún caso en que foron vulnerados os dereitos do profesorado, este recibiu da inspección a resposta de que nada se podía facer e que considerase que o seu centro ía funcionar como unha empresa privada. Para a CIG-Ensino é inadmisíbel que con este argumento se pisen os dereitos das traballadoras e os traballadores e declara que adoptará as medidas oportunas cando sexa necesario.

Días despois, comprobouse unha vez máis a imposición do modelo da empresa privada a través dunha das instrucións remitidas aos centros. Nelas a Consellaría obriga ás direccións a convocar claustros extraordinarios para a realización dunha actividade de formación. A CIG-Ensino considera que non se poden terxiversar as funcións dos claustros converténdoos agora nun mecanismo para obrigar o profesorado ao que a Consellaría lle pareza. Os claustros son órganos colexiados de participación que teñen unhas funcións determinadas, malia terlles retirado toda capacidade de decisión na organización do centro. Convertelos en procedementos para impor e obrigar dunha forma dirixista e antidemocrática é absolutamente inadmisíbel. Ademais, con este procedemento a Consellaría impón unha vulneración da lexislación ao convocar a ese claustro o persoal de Administración e servizos que non forma parte dese órgano colexiado. Tamén a vulneración da Orde pola que se desenvolve o Regulamento orgánico dos centros integrados de formación profesional, na que se establecen os procedementos para elaborar e realizar o programa de formación do profesorado de cada centro, que deberá ter en conta as propostas do claustro.

A CIG-Ensino só podería considerar a obrigatoriedade a realizar determinado tipo de formación sempre e cando se realizase en horario lectivo e fose elaborada e impartida pola propia Consellaría. Non é o caso, estamos falando de que a Consellaría obriga o profesorado a realizar unha formación que non está deseñada nin elaborada pola Consellaría, senón que vai ser impartida por unha empresa privada, a consultora Alvarez Real, algo que é totalmente inadmisíbel. Non é de recibo que unha Administración que recorta unha e outra vez recursos no ensino público utilice o diñeiro de todas e todos para pagarlle a empresas privadas para que realicen traballos que lle corresponden a Administración. Evidentemente estamos ante un caso de privatización da formación, despois de que a mesma Dirección Xeral reducise drasticamente a estrutura de formación do profesorado.

A CIG-Ensino esixe que a formación se realice de acordo co profesorado destinatario da mesma e sendo elaborada e impartida pola propia Consellaría. Por este motivo promoverá unha campaña nos centros afectados para trasladarlle á Administración a oposición das e dos traballadores destes centros ás imposicións antidemocráticas da Consellaría, ao tempo que estudará as medidas legais que correspondan contra estas imposicións.

  • A CIG ENSINO denuncia que a Consellaría acelera o funcionamento dos Centros Integrados de FP como empresas privadas
  • A CIG ENSINO denuncia que a Consellaría acelera o funcionamento dos Centros Integrados de FP como empresas privadas

Volver