
A CIG-Ensino denuncia os numerosos erros e cambios nas oposicións deste ano
Solicita que a administración refaga nun só documento todas as correccións de erros para que ningunha persoa opositora poda verse prexudicada por non ler unha corrección de erros
Os erros comezaron o día do sorteo dos tribunais, cando a administración esqueceu sortear os tribunais especiais de lingua galega e lingua castelán para a acreditación do coñecemento das citadas linguas. No referente aos tribunais os erros continuaron coa publicación das direccións dos tribunais.
A estes erros hai que sumar os que se produciron na publicación dos tribunais onde a administración esqueceu facer públicosos tribunais das ensinanzas especiais, tanto nunha primeira publicación na súa páxina web como na posterior publicación no DOG.
Desde a CIG-Ensino solicitamos que, tendo en conta as numerosas correccións de erros publicadas durante todo o proceso, a administración faga público un novo documento no que figure a distribución dos tribunais e as direccións correctas destes, para evitar posíbeis erros en canto á presencia do persoal opositor nos tribunais que lle pertencen cos graves inconvenientes que isto pode traer.
Cambios no desenvolvemento das probas en varias especialidades.
As alteracións chegan a afectar mesmo ao desenvolvemento das probas. Así o venres 14, a menos de 10 días do comezo das oposicións, a administración varía mediante a publicación dunha corrección de erros no DOG a proba práctica para o persoal opositor da especialidade de Informática e de Inglés para as Escolas Oficiais de Idiomas (EOI), o que só cabe entender como un cambio de criterio que non se debe adoptar en datas tan próximas ao comezo do proceso, xa que o único que provoca é inseguridade nas persoas opositoras. A Consellaría de Educación faría ben en aceptar moitas das propostas que desde a CIG-Ensino lle temos trasladado para mellorar o proceso selectivo, comezando por adiantar todos os prazos, tamén a constitución dos tribunais, para evitar os cambios de última hora.