
A CIG-Ensino denuncia o plan para ampliar a privatización da universidade galega da man da Xunta e o Concello da Coruña
Confírmase a denuncia feita pola CIG-Ensino hai 4 anos cando o sindicato apuntou a CESUGA e o lobby empresarial coruñés como o seguinte paso na extensión da oferta universitaria privada
Vai facer agora catro anos a CIG-Ensino, na liña da súa posición abertamente contraria á autorización da universidade vinculada a Abanca, xa avanzou que a seguinte peza no xogo do debilitamento da rede universitaria pública galega sería para consolidar, como universidade, o proxecto de CESUGA, actualmente respaldado por unha parte destacada do empresariado coruñés.
O que naquel momento non se sabía era que o PSOE coruñés ía saír a amadriñar o proxecto, fortalecendo deste xeito o histórico respaldo á privatización do sistema universitario galego promovido polo PP desde a Xunta de Galiza.
A Lei 6/2013 do Sistema universitario de Galiza xa foi incumprida polo goberno do PP encabezado por Feijóo que agasallou aos irmáns Escotet coa autorización dunha universidade que non cumpría no seu proxecto o que a lei fixa como un requisito para a creación e recoñecemento dunha universidade en Galiza, sexa pública ou privada: que o catálogo de titulacións ofertadas sexa complementario e non reiterativo respecto das titulacións preexistentes e consolidadas no SUG. A realidade a día de hoxe é que o que xa non se disimulaba no proxecto menos se esconde nas ampliacións de titulacións, sendo totalmente redundantes coa oferta pública (Psicoloxía e Dereito). Tampouco se garante na Universidade Internacional de la Empresa un dos obxectivos recollido na Lei, "a promoción do galego, lingua oficial e propia de Galiza”. Tampouco ofrece ningún programa de doutoramento, cando a lei galega fixa a obriga de ofertar dous como mínimo.
CESUGA, unha empresa que leva máis de dúas décadas operando na cidade da Coruña baixo o paraugas de diferentes universidades de fóra, actualmente vinculada coa Universidade San Jorge do arcebispado de Zaragoza, é desde hai anos a aposta dun importante lobby empresarial coruñés que viu con malos ollos que Feijóo concedese o “premio” como primeira universidade privada a Escotet, a quen xa lle regalara previamente o aforro de miles de galegos e galegas, coa entrega das antigas caixas de aforro. A oferta de CESUGA non pretendeu nunca ser alternativa e complementaria, ofertando só titulacións de Grao (ningún doutoramento) coincidentes coa oferta pública.
Xunta e Concello da Coruña, movidos polos mesmos intereses
A CIG-Ensino denuncia este novo intento de avanzar nunha oferta privada totalmente coincidente coa oferta pública xa existente e entende que non se lle debe conceder esa autorización, así como se debería actuar de oficio contra a universidade de Abanca. A responsabilidade última do que aconteza coa que pretende ser a segunda universidade privada do país recaerá na Xunta de Galiza, que cos antecedentes coñecidos, deixa poucas dúbidas sobre o que fará. Con todo, o sindicato lamenta o lamentábel espectáculo propiciado pola alcaldesa da Coruña, co seu entusiasta apoio a unha entidade que pretende competir coa oferta pública da cidade, co único fin de lucrarse e promover unha universidade elitista e segregadora.
Por outro lado, o sindicato acusa ao goberno central de non ter tomado ningunha iniciativa nos últimos anos para poñer couto a un proceso de privatización escandaloso no sistema universitario español. Nin na lexislatura anterior cos ministros Castells e Subirats nin despois coa ministra Morant se ten feito absolutamente nada para limitar a creación de entidades cun baixo nivel educativo e cunha voracidade lucrativa fóra de si.
Neste sentido, a CIG-Ensino considera que os intereses creados e postos en evidencia nestes últimos días non fan máis que demostrar que o negocio das titulacións universitarias, sempre cun claro apoio político sen escrúpulos detrás (en moitas ocasións premiado despois con portas xiratorias de acceso a negocios privados) é o que manda. Contra este negocio, o sindicato oponse totalmente e defende unha universidade pública, gratuíta e de calidade.