A CIG-Ensino denuncia o nomeamento a dedo de profesorado para a especialidade de Dirección de Orquestra
A CIG-Ensino valora positivamente a creación da nova especialidade pero esixe que se cumpran as normas de contratación de profesorado
A CIG-Ensino vén batallando desde hai tempo para conseguir a creación da especialidade de Dirección de Orquestra nos conservatorios superiores de música de Galiza. “A carencia desta especialidade levounos a tomar diferentes iniciativas e campañas, como, por exemplo, a recollida de sinaturas de músicos e músicas, co obxecto de que o proxecto de Decreto de ensinanzas artísticas superiores de grao de música recóllese a creación da especialidade de Dirección de Orquestra –explica Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino.
Esta demanda foi recollida, a través dunha emenda da CIG-Ensino, no Ditame que o Consello Escolar de Galiza (CEG) emitiu sobre o dito decreto o día 28 de abril de 2011. Malia o ditame favorábel do CEG á implantación da especialidade, a Consellaría de Educación sempre se resistiu á súa creación.
Sorprendentemente, a Consellaría agardou ao mes de agosto deste ano para anunciar na páxina web a implantación da especialidade de Dirección de Orquestra no Conservatorio Superior de Música da Coruña para o curso 2014-2015. A CIG-Ensino, aínda valorando como positivo que por fin se creara esta especialidade, ten que denunciar e rexeitar o procedemento seguido para póla en marcha.
“Ao ser de nova implantación en Galiza e non haber funcionarios e funcionarias de carreira titulares da especialidade nin listaxe de interinos e interinas, a Consellaría decidiu nomear o profesorado mediante un procedemento de nomeamento irregular e ilegal (a dedo), á marxe da normativa estabelecida para os nomeamentos e contratación do profesorado”, denuncia Anxo Louzao que engade que Educación debería ofertar esta praza ao profesorado funcionario titulado en Dirección de Orquestra, mediante un sistema semellante ao que se arbitrou para adscribirse aos conservatorios superiores de música, ou de abrir, de ser necesario, unha listaxe de interinos e interinas en posesión desta especialidade. Así mesmo, o lóxico e normal sería ter elaborado o currículo da especialidade, xa que hai preto de catro anos que a CIG-Ensino vén solicitando a súa implantación.
A CIG-Ensino, que loitou pola creación desta especialidade e que por tanto valora positivamente a súa posta en marcha, non pode deixar de denunciar que estamos ante unha situación incorrecta e ilegal. Por iso, esixe que se oferte a praza a todo o profesorado en activo que estea en posesión desta especialidade e, de ser necesario, que se abra unha listaxe de interinidades desta especialidade.