A CIG-Ensino denuncia o empeoramento das condicións de traballo do profesorado

Ao incrementarse as prazas itinerantes e con afíns na adxudicación de destinos provisionai

A CIG-Ensino denuncia que nas adxudicacións de destinos provisionais de profesorado de Primaria e Secundaria, para as que este luns remataba o prazo de reclamacións e en que se lle asignou destino para o curso que comeza en setembro a 5464 profesores e profesoras, pon en evidencia o empeoramento das condicións de traballo do profesorado.

Este empeoramento das condicións de traballo é consecuencia directa da política de recortes da Consellaría de Educación que vén denunciando a CIG-Ensino, recortes na dotación de profesorado que repercuten tamén na masificación das aulas e na imposibilidade de dar conta de todas as necesidades educativas. Empeoramento que finalmente acaba por incidir na calidade do ensino. 

A CIG-Ensino considera que o incremento dos postos en que o profesorado ten que impartir afíns, é dicir materias das que non é especialista, en máis dun 15% en Secundaria e en máis dun 11% en Primaria é unha evidencia do deterioro producido polos recortes. Estamos a falar de 882 profesores de Secundaria e 261 de Primaria que terán que impartir materias que non son aquelas polas que accederon ao seu posto actual, practicamente a quinta parte do profesorado que obtén destino nesta adxudicación. 

Increméntanse tamén as itinerancias, é dicir as prazas en que un profesor debe impartir docencia en máis dun centro. No caso de Secundaria en máis dun 100% pasando a ser 18 os postos itinerantes e en Primaria increméntase nun 21%, pois este curso son 69 profesores máis os que deberán compartir centro, unha situación en que se atopan 396 profesores e profesoras, case a quinta parte do profesorado de Primaria.

Os recortes da Consellaría fanse tamén patentes no feito de que nesta adxudicación segue habendo 267 profesores suprimidos ou desprazados por falta de horario. 

Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino, declarou que "a CIG-Ensino reclama da Consellaría que reduza o número de prazas itinerantes e con afíns e que incremente a dotación de profesorado dos centros, de acordo coas peticións que deles recibe e respectando os perfís que os centros solicitan e que están realizadas conforme ás súas necesidades, e isto antes de realizar a adxudicación definitiva". 

Anxo Louzao engade que "a CIG-Ensino tamén reclama que todas as vacantes existentes que deban ser cubertas para o vindeiro curso saian agora, minimizando e evitando un fenómeno que se vén producindo nestes anos e que non é aceptábel nin ten explicación: que despois de realizada a adxudicación definitiva saian novas vacantes ás que o profesorado concursante non pode acceder, téndose dado prexuízos importantes". 

 


Adxudicación de destinos provisonais.

Resolución provisional. Corpo de mestres.

Por ode de adxudicación. Ligazón

Por orde alfabética. Ligazón

Resolución provisional. Corpos de secundaria.

Por orde de adxudicación. Ligazón

Por orde alfabética. Ligazón

Reclamacións:

Do 6 ao 11 de agosto ambos inclusive.

Profesorado de secundaria: Fax: 981545484. Correo electrónico: persoal.secundaria@edu.xunta.es

Profesorado do corpo de Mestres: Fax: 881999241. Correo electrónico: persoal.primaria@edu.xunta.es

Resolución definitiva.

Corpo de mestres: 28 de agosto

Corpos de secundaria: 9 de setembro

Volver