A CIG-Ensino denuncia o desnorte da Consellaría de Educación no relacionado cos libros de texto
Esixe a gratuidade universal dos libros e do material escolar
A CIG-Ensino reclamoulle á Consellaría de Educación na mesa sectorial do día 2 de xuño que non se modifiquen os libros de texto, non só como medida de aforro para as familias, senón tamén porque a LOMCE é unha lei efémera e sen futuro, polo que os centros e as familias acabarían cargando cuns libros que deixarían de estar vixentes en poucos meses.
Por outro lado, cómpre considerar que no caso de secundaria é de todo punto inviábel o cambio de libros, ao non estar aprobado o currículo correspondente que todo indica que non publicará até o mes de agosto, un currículo que foi rexeitado polo Consello Escolar de Galiza neste pasado mes de maio, despois dunha emenda á totalidade presentada pola CIG-Ensino e outros membros do Consello.
Ao mesmo tempo a CIG-ENSINO reclama a gratuidade universal dos libros, mediante o sistema préstamo, e de todo o material escolar; gratuidade que debe ser universal e, por tanto, abranguer tamén o material e os libros de educación infantil. Así mesmo, para reducir o traballo burocrático e administrativo do profesorado é urxente e necesario que se doten os centros de persoal administrativo necesario, de tal xeito que non se sobrecargue o profesorado con tarefas que non lle corresponden.
Finalmente, a CIG-ENSINO considera que a actual normativa sobre axudas para os libros é discriminatoria para moitas familias. Por iso, exixe a derrogación da orde que vén de publicar a Consellaría, que restabeleza o modelo de préstamo de libro de texto, asegure a gratuidade universal, tanto dos libros de texto como do material escolar, no ensino obrigatorio e en educación infantil e dote todos os centros de persoal administrativo