A CIG ENSINO denuncia o atraso do pagamento, por parte da Consellaría, aos colaboradores dos comedores escolares

Estes días cumprirase un mes de atraso no cobro do primeiro trimestre xa denunciado pola CIG Ensino en Mesa Sectorial

A CIG Ensino denuncia publicamente que a Consellaría de Educación aínda non pagou as cantidades asignadas aos colaboradores dos comedores escolares xestionados pola Consellaría de Educación nin ao profesorado que coordina o servizo. Nestes días cumprirase un mes de atraso no pagamento correspondente ao primeiro trimestre, é dicir, este persoal non cobrou nada desde o inicio do curso, e moitas veces esta actividade xéralle gastos.

A CIG-Ensino preguntou por este atraso na pasada Mesa Sectorial sen que a Consellaría se dignase responder e sen que dese a máis mínima mostra de preocupación. As persoas colaboradoras dirixíronse ás Delegacións e non foron debidamente atendidas, recibindo respostas desprezativas que insistían na voluntariedade da súa función.

A Consellaría respondeu na súa web, como é habitual, tamén no mesmo ton desprezativo e escusándose en problemas de fusión entre a Consellaría de Cultura e Educación. Mais é unha explicación inaceptábel, pois a realidade é que os atrasos nos pagamentos aos centros públicos, sexa no servizo de comedor, sexa nas convocatorias de axudas ás ANPAS, sexa nas axudas á normalización, estanse a converter nun feito cotiá. Na realidade un elemento máis de ataque ao ensino público, pois situacións como estas soamente conducen ao seu deterioro.

O persoal colaborador dos comedores escolares son, habitualmente, nais e pais do alumnado que teñen que comprometerse por escrito a desenvolver o seu labor de xeito altruísta. Mais está establecido un pagamento en concepto de compensación, porque moitas destas persoas poden ter gastos derivados desa colaboración, de transporte por exemplo. A cuestión é que os comedores dependentes da Consellaría funcionan grazas ao voluntarismo destes colaboradores e que se determinasen cesar nesa colaboración, os comedores veríanse abocados ao peche ao non contar con persoal que atendese os nenos e nenas.

É inadmisíbel que na actual situación de crise económica haxa colaboradores do servizo de comedor que teñen que poñer diñeiro do seu peto para prestar este servizo e procurar así que o comedor funcione, mentres a Consellaría esgrime unha escusa inaceptábel e atrasa os pagos.

No seu día, a CIG Ensino defendeu que o Decreto que regula o servizo de comedor tiña que recoller que este servizo debería ser atendido con persoal específico, dependente da Consellaría, mediante unha relación contractual. Mais, a Administración non recolleu a nosa proposta e o Decreto establece que o comedor será atendido por persoal colaborador.

Os atrasos nos pagos dos comedores xa afectaron ao servizo no final do curso pasado, pois no mes de xullo moitos centros seguían sen percibir as partidas correspondentes, o que provocaba que moitos centros se atopasen con graves dificultades para poder pagar os seus provedores. Á maioría dos centros debíaselles entre 10.000 e 20.000 euros e, nalgúns casos, máis de 30.000 euros. Nesta situación, os centros vense moi prexudicados na súa contabilidade e na súa imaxe. Algúns centros buscan a maneira de pagar estas débedas, mais isto pode dar lugar a desfases orzamentarios á hora de pechar as súas contas no fin de curso.

A CIG-Ensino esixe o aboamento inmediato das contías establecidas para o profesorado que coordina o servizo e para o persoal colaborador, do contrario está en perigo o mantemento do servizo.

Volver