A CIG-Ensino denuncia o abandono na xestión da protección da saúde dos docentes galegos por parte da Consellaría de Educación
A día de hoxe os centros educativos públicos galegos non recibiron as máscaras que obrigatoriamente ten que entregar a Consellaría e segue sen facerse a avaliación de riscos de todos os centros educativos
No outono pasado a CIG-Ensino presentou unha denuncia diante da Inspección de Traballo (ITSS) da Coruña ante a inacción por parte da Consellaría no cumprimento da normativa de Prevención de Riscos e Saúde Laboral. Foi despois de que se lle dera traslado en múltiples ocasións e diferentes ámbitos como a Mesa Sectorial, dos deberes da Administración coas súas empregadas e empregados públicos e de comprobar o inmobilismo desta.
Entre as demandas trasladadas estaban a obrigatoriedade de proporcionar máscaras ao seu persoal, determinando os casos en que estas deberan ser de especial protección e lembrando, que é obriga da empresa, neste caso nin máis nin menos que a propia Xunta, facer unha avaliación de riscos de todos e cada un dos centros e regulando as condicións que permitan as oportunas adaptacións dos postos de traballo.
Un ano despois da primeira denuncia da CIG-Ensino
No sindicato maioritario do ensino público comprobamos como no Protocolo de adaptación ao contexto da Covid-19 nos centros de ensino non universitario de Galiza para o curso 2021-2022 segue sen indicarse expresamente, como se indicaba na resolución da ITSS, que a Consellaría debe proporcionar máscaras dun maior nivel de protección (FFP2) a aquel profesorado exposto a un maior nivel de risco.
Por se todo isto fose pouco, a día de hoxe os centros educativos públicos galegos non recibiron as máscaras que obrigatoriamente ten que entregar a Consellaría, nun exercicio de desidia e de irresponsabilidade. Hai centros nos que se compraron máscaras con cargo aos propios fondos do centro e outros nos que o propio profesorado asume os gastos da compra.
“É alarmante e moi preocupante que un ano despois constatemos que non se está proporcionando ao profesorado o material de protección necesario e que ademais é obrigatorio, como quedou constatado de forma contundente co requirimento da Inspección de Traballo”, insistiu Suso Bemello.
Avaliación de riscos dos centros educativos
A autoridade laboral mostrou a mesma contundencia coa necesaria avaliación de riscos dos centros, obrigatoria máis alá da situación de pandemia, e que así se tiña esixido por parte da CIG nas poucas reunións que se fixeron do Comité Intercentros de Seguridade e Saúde Laboral (CISSL). Na reunión coa inspectora resultou ridícula a aportación de unicamente 24 avaliacións de centros educativos entre 2019 e 2021 dos máis de mil que temos en Galiza dependentes da administración autonómica e que non se lle dera resposta dalgunhas cuestións recollidas nesas avaliacións ao non presentarse o técnico responsábel de CUALTIS que estaba citado.
Tanto na última reunión na Inspección de Traballo como na Mesa Sectorial e no CISSL a Consellaría deu resposta á demanda da CIG-Ensino e da propia autoridade laboral, ao respecto dos plans de prevención, indicando que se procedería de inmediato á licitación dun concurso para a avaliación de riscos de todos os centros educativos. Porén, un mes despois de comezar o curso escolar e máis de tres meses despois de informar desa licitación non se deu ningún tipo de avance e seguimos sen ter comunicación nin concreción de ningún prazo ao respecto.
A CIG-Ensino loita pola protección da saúde nos centros educativos
Ante esta situación de incumprimento dos compromisos e de falta do máis mínimo rigor pola protección da saúde de todo o persoal dos centros educativos a CIG-Ensino diríxese ao Conselleiro de Educación para que rectifique xa o abandono na xestión da protección da saúde e que se tomen con carácter inmediato as medidas necesarias para que todo o profesorado dispoña das máscaras necesarias a través dunha compra centralizada.
O secretario nacional da CIG-Ensino comunica ao responsable da administración educativa que “a falta de interlocución nesta materia e ante a negativa da administración a modificar o Protocolo e a proceder á avaliación de riscos comprometida, non nos deixaría outra opción que recorrer á vía xudicial, algo que non debería ser necesario se a administración educativa fixese o seu cometido”.