A CIG-ENSINO denuncia novos recortes da Consellaría de Educación contra a nosa lingua
Unha vez máis a Consellaría recorta contra o galego.
A Consellaría de Educación publicou no DOG deste venres día 9 unha orde pola que se deixa sen efecto a Orde do 1 de marzo de 2011 que regulaba as bases para a concesión de subvencións para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares para niveis non universitarios. Segundo se argumenta na propia orde “A política orzamentaria .. exixe nestes momentos efectuar un axuste nos créditos inicialmente asignados …, ante os posibles incumprimentos, por parte do Estado, dos compromisos de achegas de anticipo do fondo …” En definitiva, a Consellaría de Educación aplícalle un novo e importante recorte á lingua galega, mais aproveita para facer política en contra do goberno do Estado, adxudicándolle a “culpa” deste incumprimento institucional.
Estamos falando de que a Consellaría de educación, no límite marcado pola Orde de 1 de marzo de 2011, seis meses de execución, anuncia que elimina unha subvención de 400.000€ para a elaboración e edición en galego de recursos didácticos curriculares e complementarios destes. A Consellaría adopta esta medida a 20 días de que remate o prazo previsto para que as editoriais que solicitasen esta subvención puidesen xustificala coa entrega dos materiais debidamente editados.
Unha vez máis a Consellaría recorta contra o galego. Non realizaron este axuste orzamentario nas subvencións aos centros privados, que como denunciamos recentemente acaban de recibir 220.000 € de subvención extra, a maiores do concerto educativo que xa teñen subscrito. A eliminación destas axudas, significa, por un lado, imposibilitar a existencia dos necesarios materiais curriculares e complementarios para a docencia de diferentes materias no noso idioma e, por outro, restarlle carga de traballo ás empresas editoriais galegas. Consideremos que ao non existir estas axudas moitas materias e ciclos formativos non poderán contar co material necesario para ser impartidos en galego ou para que o alumnado coñeza o vocabulario básico desa área profesional, no caso de FP.
Unha vez máis é a nosa lingua a que sofre os recortes, tal e como viñemos denunciando ao longo destes dous anos de goberno do PP na Xunta.
É inadmisíbel que os mesmos que tiran con libros de texto en galego, se excusen nun problema orzamentario para eliminar estas axudas. Teñen na súa man a solución, que modifiquen a orde coa que subvencionan a destrución dos libros en galego (Orde de 16 de maio de 2011 pola que se subvenciona a adquisición de libros en castelán para substituír os libros en galego de matemáticas e outras materias científicas, mais que non esgotaran o seu período de vixencia), xa que esa subvención ascendía a 1.100.428 €. Dito doutra maneira, a Consellaría dilapida un millón de euros para tirar libros en galego ao tempo que elimina 400.000 € para a elaboración de materiais curriculares en galego. O seu obxectivo queda patente: eliminar libros e materiais en galego.
Tamén atraso nas axudas aos Equipos de Normalización.
A isto teremos que sumar o atraso nas axudas aos castigados Equipos de Normalización, para os que parece que non está prevista publicar a convocatoria de axudas no inicio de curso, tal e como debería de ser. Todo apunta a que a convocatoria destas axudas pode atrasarse até finais de xaneiro, co que os centros verán inviabilizada a realización de actividades de normalización até case o terceiro trimestre, se os datos se confirman, ao non contar coa convocatoria de axudas e atrasarse inusitadamente a súa resolución e execución.
Estes datos confirman que a Consellaría ten por obxecto destruír: destruír o noso idioma, destruír o ensino público.