A CIG Ensino denuncia na mesa sectorial o uso dos centros plurilingües para atacar ao noso idioma

A Consellaría trasladou á Mesa Sectorial que van converter en permanente a orde de Centros Plurilingües, sen que transcorrese nin sequera un ano desde a posta en marcha experimental

A CIG-Ensino que xa presentou recurso contra a orde do ano anterior, estudará recorrer esta nova orde porque incide negativamente na aplicación da Lei de Normalización Lingüística e modifica as condicións de traballo do profesorado.

A CIG-Ensino denuncia que a Consellaría de Educación segue a súa folla de ruta contra o galego. Na Mesa Sectorial de hoxe 28 de abril, o Director Xeral de Educación trasladou que a orde de creación de Centros Plurilingües que hai menos dun ano que se puxo en marcha experimentalmente, convértese en permanente e definitiva con moi poucos cambios. O Director Xeral trasladou esta información sen dar conta dos resultados dese proxecto experimental, nin explicar cal foi a súa incidencia na redución do noso idioma nos centros, nin demostrar a incidencia na mellora na aprendizaxe de idiomas.

A CIG-Ensino reclamou a retirada desta orde por estar pensada única e exclusivamente para reducir a presenza do noso idioma e por non servir, en ningún caso, para mellorar a aprendizaxe dos idiomas e por introducir factores de discriminación entre os centros educativos. A CIG-Ensino propuxo unha vez máis as medidas necesarias para mellorar a aprendizaxe de idiomas que pasa necesariamente pola redución da rateo de alumnos por aulas, a realización de desdobres nas aulas de lingua estranxeira e o incremento do profesorado e dos recursos necesarios para a impartición de idiomas. Desde logo, non será por impartirlle as aulas de matemáticas en inglés (que porén non se poden impartir en galego) que o alumnado poida mellorar o seu idioma, pois loxicamente o profesorado terá que estar máis atento aos contidos matemáticos da súa aula, ca á calidade do idioma que emprega.

A CIG-Ensino esixiu que, en todo caso, as solicitudes dos centros para acollerse a esta orde deberán contar co acordo do Claustro e non do Consello Escolar, pois é o claustro de profesores o que ten que asumir a posta en marcha dos requisitos esixidos. É máis, a solicitude debe ir acompañada da aceptación voluntaria expresa do profesorado que impartirá en lingua estranxeira, de todo o profesorado do seu departamento e do profesorado do departamento da lingua estranxeira a impartir, pois todo el vai esta afectado pola aplicación da orde, pois será obrigado a impartir en lingua estranxeira, a ser titor dos cursos en que se aplique e a coordinar o programa.

O Director Xeral Mira Lema negouse a retirar esta orde, como tamén pretendeu negarse a escoitar as argumentacións da Central Sindical maioritaria no sector, interrompendo de xeito autoritario a intervención do Secretario Nacional da CIG-Ensino.

A CIG-Ensino que xa presentou recurso contra a orde do ano anterior, estudará recorrer esta nova orde porque incide negativamente na aplicación da Lei de Normalización Lingüística e modifica as condicións de traballo do profesorado. Lembremos que o obxectivo desta orde, a impartición en lingua estranxeira de até un terzo do horario lectivo, xa foi avaliada negativamente polo Consello Consultivo no seu día: “ese máximo dun terzo do horario podería resultar desproporcionado con relación ao horario que se dispensa ás dúas linguas oficiais… pode supor un sacrificio para a aprendizaxe tanto oral coma escrita das linguas oficiais, tendo en conta os mandatos e fins tanto do Estatuto de Autonomía de Galicia coma da Lei de normalización lingüística… e da Carta europea das linguas rexionais e minoritarias.” 

Volver