A CIG-Ensino denuncia na Inspección de Traballo que se incumpre a Lei de PRL ao respecto das avaliacións de vulnerabilidade do profesorado

Neste momento o persoal docente que solicitou que se avaliara a súa situación de risco pola COVID-19 está a recibir respostas idénticas e asinadas nalgún caso por persoal facultativo que non é especialista en Medicina do Traballo

Así mesmo, e malia a situación que se está vivindo agora mesmo nos centros e de térselle solicitado en reiteradas ocasións, a Consellaría segue sen convocar aos Comités provinciais e ao Comité Intercentros de Seguridade e Saúde Laboral.

A Consellaría de Educación segue facendo oídos xordos á maior parte das demandas do profesorado con respecto á xestión da crise sanitaria nos centros educativos, mesmo incumprindo a Lei de prevención de riscos laborais nas formas e no fondo da súa actuación. Ao longo deste mes moito profesorado (a Consellaría non facilita os datos de cantas solicitudes se presentaron) está recibindo resposta á solicitude de vulnerabilidade especial fronte á Covid-19 e estase a cumprir o mesmo patrón na actuación da administración. Por un banda, están a recibir a mesma contestación “tipo” sen referirse especificamente á situación persoal de cada docente. E por outra non se lle están requirindo informes médicos nin  ningunha documentación para facer unha avaliación real da situación de especial sensibilidade de cada persoa como se pode comprobar neste documento ao que tivo acceso a CIG-Ensino. Pero ademais, tamén constatamos que estas resolucións no caso de proceder directamente da administración están sendo asinadas pola inspección médica das Xefaturas Territoriais que, cando menos na da Coruña, non está especializada en Medicina do Traballo, como obriga a normativa de prevención.

Noutras ocasións a resolución emítese desde a entidade privada que a Xunta vén de contratar para realizar esta avaliación pero de novo faise sen levar a cabo unha avaliación previa das condicións de saúde ou específicas do posto de traballo do persoal solicitante, como tamén se pode apreciar nesta ligazón. 

A CIG-Ensino ve nesta actuación unha vulneración clara da Lei de Prevención de Riscos Laborais  e por iso presentou unha denuncia ante a Inspección de Traballo da Coruña para que actúe en consecuencia ante a actitude da Consellaría quen, por certo, e malia esixírselle por escrito e de forma presencial en reiteradas ocasións, segue sen convocar os Comités provinciais e o Comité Intercentros de Seguridade e Saúde Laboral para analizar todas as casuísticas que se están a producir nos centros este comezo de curso por mor da pandemia, o que demostra o desleixo da administración ao respecto das condicións de seguridade de profesorado e alumnado.

CIG Informa sobre a denuncia na Inspección de traballo por material de protección e avaliacións de vulnerabilidade

Documento


Volver