A CIG-Ensino denuncia enchufismo na convocatoria de asesores da consellaría de educación

Mesa Sectorial do 28 de maio de 2010

O Secretario Nacional da CIG-Ensino denunciou hoxe na Mesa Sectorial que a Consellaría de Educación presentou no último momento, con menos de 12 horas de antelación á Mesa sectorial, unha proposta de prazas para asesores, que na súa maioría é absolutamente inasumíbel e enchufista, pois é evidente que xa teñen pensadas as persoas que van ser seleccionadas. Na mesa sectorial de hoxe tratouse tamén o calendario escolar para o vindeiro curso A CIG-Ensino tamén esixiu que a Xunta recorra o Decreto que rebaixa os salarios das traballadoras e os traballadores do sector público.
 
A CIG-Ensino denuncia enchufismo na convocatoria de asesores da consellaría de educación
Na mesa sectorial de hoxe tratouse tamén o calendario escolar para o vindeiro curso
A CIG-Ensino tamén esixiu que a Xunta recorra o Decreto que rebaixa os salarios das traballadoras e os traballadores do sector público.
 
O Secretario Nacional da CIG-Ensino denunciou hoxe na Mesa Sectorial que a Consellaría de Educación presentou no último momento, con menos de 12 horas de antelación á Mesa sectorial, unha proposta de prazas para asesores, que na súa maioría é absolutamente inasumíbel e enchufista, pois é evidente que xa teñen pensadas as persoas que van ser seleccionadas.
Esta proposta da Consellaría é absolutamente escandalosa porque, mentres, se reduce nun 26% o número de asesores dos CEFOREs, o que trouxo xa como consecuencia a redución de cursos de formación: en Santiago reducíronse 7 cursos e 22 grupos de traballo, en Ferrol pasouse de 10 proxectos de formación e atención a centros a 4, en Ourense reducíronse 7 cursos e en Vigo 11, entre outros, cuestión alarmante, cando están quedando centos de profesores/as sen praza nos cursos que solicitan e que se lle esixen para a súa carreira docente. E logo o Delegado da Coruña xustifica o favoritismo coa concertada no proxecto Abalar insultando ao profesorado ao dicir que non quere formarse, falso.
A CIG-Ensino denunciou na Mesa sectorial, exemplificando praza a praza, que a Consellaría ten a desfachatez de presentar unha proposta que está feita para persoas concretas e non recolle uns criterios obxectivos básicos para o desenvolvemento desas prazas. Primeiro pídense perfís diferentes para prazas semellantes, así nuns casos pídese unha titulación relacionada co posto, mais noutros casos non, nalgúns casos pídese experiencia, mais noutros non, hai casos en que se pide certificado de función directiva, cando non son postos para exercer a dirección, ou pídense requisitos comúns que pode cumprir calquera profesor para prazas que son moi específicas… ante isto a CIG-Ensino manifestou o seu máis enérxico rexeitamento.
Á Consellaría xa non lle chega con manter unha entrevista con 6 puntos que pode trastocar calquera baremación obxectiva, senón que para asegurar que contrata os seus, failles os perfís a medida. A CIG-Ensino xa adiantou que vai facer un estudo para demostrar que, efectivamente, estas prazas están dadas.
Ademais a CIG-Ensino manifestou a súa preocupación polo alto número de prazas convocadas, 27, con estes criterios, xustamente nunha época en que o que prevalecen son os recortes, mais os recortes para os centros públicos e para o profesorado, para a súa formación, tan necesaria, mais non para rodearse de persoal da súa confianza.
Ante a actitude non dialogante e prepotente da Consellaría a CIG-Ensino deu un prazo dunha semana para que se convoquen as prazas de cefores e servizos centrais, así como todas aquelas que neste momento están en situación irregular, se non é así, emprenderemos accións legais.
En canto ao calendario escolar, a CIG-Ensino denunciou que a orde presentada mantén un cambio regresivo: a eliminación da xornada matinal reducida en xuño e setembro. Desde a CIG vimos reclamando reiteradamente que se recupere a xornada reducida en xuño e setembro, unha demanda que no seu día avalou o 78% do profesorado que participou moi amplamente nas mobilizacións realizadas. É unha cuestión fundamental desde un punto de vista pedagóxico e laboral, pois hai que considerar o cansazo do alumnado en xuño e a adaptación ao ritmo de aprendizaxe en setembro.
Ademais, a CIG propuxo que se manteñan as datas de inicio deste curso, 10 e 17 de setembro para primaria e secundaria respectivamente, de maneira que o inicio de curso se realice debidamente, considerando que previamente teñen que estar resoltas as probas de setembro, as súas avaliacións e matrículas, etc. Que a semana santa se inicien o xoves santo e sexan até o 2 de maio e que o mércores de cinza se manteña como festivo, de maneira que o calendario escolar non supere os 175 días lectivos que están establecidos na LOE. A Consellaría aceptou a proposta do mércores de cinza e comprometeuse a que o calendario terá 175 días, ben sexa recollendo a nosa proposta para as datas de inicio ou para as da semana santa.
Finalmente no apartado de varios a CIG esixiulle á Consellaría que presente recurso contra o Decreto para a redución do déficit por invasión de competencias. En todo caso a Administración galega aínda non ten decidido definitivamente se aplica ou non o recorte salarial ao complemento específico que é o da súa competencia.

Volver