A CIG-Ensino denuncia comportamentos irregulares na presentación de candidaturas e chama ao xogo limpo nas eleccións sindicais

O sindicato lamenta que se volvan producir actuacións impropias de quen pretenden representar o profesorado

O 4 de novembro remataba o prazo para presentar candidaturas ás eleccións sindicais ao ensino público. Nos nove días nos que permaneceu aberto este prazo, as diferentes organizacións sindicais que concorremos a estas eleccións tivemos a posibilidade de presentalas. O martes día 8, logo da revisión por parte das mesas coordinadoras provinciais, proclamaranse provisionalmente, abrindo a continuación un prazo de reclamacións até o luns 14 para que ao día seguinte, 15 de novembro sexan definitivas.

Nesta ocasión, como xa aconteceu hai catro anos, asistimos ao espectáculo vergoñento de ver como hai organizacións sindicais que enganaron a compañeiros e compañeiras docentes para que asinasen un documento sen informalas de que iso implicaba formar parte dunha candidatura, nun exercicio de captación impropio de calquera organización sindical minimamente seria e respectuosa cos principios democráticos máis básicos 

Falsidade documental e outras prácticas irregulares.

Xa se detectou nestes días unha falsidade documental, neste caso grazas a un erro formal do propio sindicato que presentou a candidatura, aparecendo unha sinatura falsificada, algo sumamente grave e que debería levar a unha revisión polo miúdo do conxunto da candidatura para saber se existen máis casos de falsificación.

En todas as provincias temos o caso de profesorado que en ningún momento deu o seu consentimento a formar parte dunha candidatura e que aparece nela. Nalgúns casos foron sinaturas recollidas nunha concentración promovida por un sindicato; noutros casos por persoas que afirmaban, cando recollían sinaturas de compañeiras e compañeiras do centro, que pedían o apoio para se poderen presentar elas.

Estes comportamentos fraudulentos, propios da falta de escrúpulos e da carencia do máis mínimo respecto pola democracia e o que implica querer representar ás traballadoras e traballadores do ensino público, son minoritarios e non poden nin deben arroxar ningunha sombra de dúbida sobre a limpeza e o respecto que a maior parte das organizacións sindicais estamos demostrando nestas eleccións, como en todas as anteriores.

As lexítimas discrepancias que podemos ter os diferentes sindicatos nunca nos deben levar a prácticas de estafa e engano como as que asistimos estes días nas revisións das candidaturas nas mesas coordinadoras. Mais nalgúns casos chove sobre mollado e demóstrase que hai tácticas noxentas que non son produto dun erro puntual dunha persoa senón que forman parte dunha clara intencionalidade: todo vale para poder presentarse a unha eleccións. Lamentamos profundamente ter que compartir espazos e competición sindical con quen non amosan un mínimo respecto polo xogo limpo e apelamos a unha reflexión crítica e a emendar este tipo de actitudes que non deberan ter cabida cando está en xogo a defensa do persoal docente e do ensino público galego.

Volver