
A CIG-Ensino denuncia ante a Inspección de Traballo as ilegalidades durante a folga indefinida en Beatriz Seijo Art Studio + Gallery
O sindicato remitiulle o escrito á autoridade laboral ao vulnerarse o dereito á folga das traballadoras substituíndoas por persoal interno, como determinan diversas sentenzas do Tribunal Constitucional e do Tribunal Supremo
No sétimo día de folga indefinida celebrouse de novo unha concentración ás 12 da mañá diante da empresa en Santa Marta e convócase a toda a comunidade educativa e persoas interesadas a unha aula aberta creativa ás 17 horas no mesmo sitio na que explicarán os motivos que levaron a convocar esta acción. De non producirse ningún avance nas negociacións anunciarán novas mobilizacións.
A CIG-Ensino remitiulle un correo á xerencia da empresa Beatriz Seijo Art Studio + Gallery anunciando que ía presentar denuncia ante a Inspección de Traballo por vulneración do dereito á folga das traballadoras. Cando se cumpren 7 días do inicio da folga indefinida, secundada polo 90% do persoal docente e o 80% do persoal total, constátase que a dirección da empresa está substituíndo por persoal interno as compañeiras en folga, concretamente durante as clases de creatividade infantil celebradas o mércores, venres, sábado e onte luns, e tamén as aulas de creatividade xuvenil (pasado xoves día 12).
No escrito dirixido á Inspección de Traballo explícase que se lle pediu á empresa que cesara esta actitude de abuso e vulneración do dereito á folga lembrándolle que varias sentenzas do Tribunal Constitucional indican expresamente que non se pode realizar esta substitución do persoal en folga por traballadores e traballadoras internos. En concreto, as STC 123/1992 e a STC 033/2011 sentan xurisprudencia sobre este asunto: «a substitución do traballo que debían desempeñar as/os folguistas por parte de quen en situacións ordinarias non ten asignadas tales funcións, nula ou aminora a presión exercida lexitimamente polos traballadores en folga a través da paralización do traballo» Así mesmo, a STC 123/1992 consideraba "ilícita a medida de substitución dos traballadores en folga por quenes non a secundaron» e outra máis recente do TS (STS 3 de febreiro de 2021 rec. 36/2019) recolle tamén na súa literalidade este feito.

O comité de folga insta a empresa a cesar esta actitude e a sentar, desde a boa fe negociadora, para intentar solucionar un conflito que satisfaga as partes e poder así reiniciar a actividade da empresa con total normalidade. Insiste en que é preciso readmitir a traballadora despedida, que estivo un ano como falsa autónoma prestando funcións para a empesa, modificar a categoría profesional das traballadoras que son profesoras titulares de creatividade infantil e que están contratadas por categorías inferiores como a de monitoras, regularizar a antigüidade, a xornada e o rexistro horario de todo o persoal, equiparar salarialmente a todo o persoal que realiza as mesmas función, así como reducir as rateos nas aulas e contar cun plan de seguridade para as distintas actividades que se levan a cabo no centro.
Esta mesma tarde, as traballadoras en folga volverán celebrar ás 17h, unha aula aberta reinvindicativa e, de non acadarse ningún avance, anunciarán novas mobilizacións para os vindeiros días.