MARCHA POLO ENSINO PÚBLICO
O martes 27 de xuño ás 11:30 horas diante da Consellaría de Educación en Compostela
Promovemos unha marcha en defensa do ensino público esixindo menos ratios, mellores horarios docentes, educación presencial, atención á diversidade, cero peches de aulas…
As políticas do PP na Consellaría de Educación manteñen un camiño que dirixe o ensino público cara unha maior privatización, á progresiva redución da presencialidade nas ensinanzas de FP e para persoas adultas, á negativa a negociar melloras nas condicións laborais do profesorado ou a non dar todo o apoio preciso á diversidade nas nosas aulas mentres se pechan aulas e non moven un dedo para reducir ratios.
As organizacións convocantes, desde o sindicalismo docente e estudantil ao asociacionismo das familias nos centros educativos, levamos tempo demandando un cambio de rumbo e a necesidade de reforzar o ensino público. Recentemente insistimos na necesidade de facer fronte aos continuos ataques ao ensino público.
As previsións de peche de aulas en infantil e primaria polo descenso da matrícula, as decisións de expulsar unha parte do alumnado da FP presencial e dirixilo á oferta privada que promocionan sen escrúpulos son só novos ataques a un ensino que precisa que manteñamos a protesta e reaccionemos colectivamente.
Reaccionemos fronte as políticas educativas destes últimos anos, marcadas pola redución de profesorado e a negativa a reducir as ratios, provocando o peche de unidades e os agrupamentos de aulas de diferentes niveis educativos nas zonas rurais e aulas masificadas nos ámbitos urbanos.
Reaccionemos fronte a uns horarios que dificultan, se non impiden, a coordinación entre o profesorado e o tratamento da diversidade nas nosas aulas e que nos colocan no furgón de cola do estado.
Reaccionemos fronte á privatización e á aposta pola oferta a distancia fronte á presencialidade esencial no proceso de ensino aprendizaxe.
Desde CIG-Ensino, Anpas Galegas e Erguer, entidades integrantes da PLATAFORMA GALEGA EN DEFENSA DO ENSINO PÚBLICO, chamamos a participar na MARCHA POLO ENSINO PÚBLICO que terá lugar o 27 de xuño ás 11:30 diante á Consellaría de Educación para trasladar o que sente toda a comunidade educativa (familias, alumnado e profesorado) e que resumimos nos eixos que debe conter un Plan para a mellora do ensino público.
O plan de mellora que propomos desde a CIG-Ensino e ANPAS Galegas debe abordar, con carácter inmediato, as seguintes cuestións:
- Non ao peche de unidades e elaboración dun plan específico de apoio á educación no medio rural, na liña do presentado por ANPAS galegas recentemente en varias localidades do país: asumir o compromiso de non pechar aulas no curso 2023/24 nin de promover novos agrupamentos de aulas de diferentes niveis e negociación de medidas específicas que promovan a continuidade e a mellora dos servizos educativos nos concellos rurais.
- Redución de ratios de alumnado por aula. Negociar unha redución con carácter xeral das ratios en todas as etapas educativas, como xa veñen de facer case todas as CCAA, e promover, con carácter inmediato, desdobres en todos os niveis que permitan unha mellor atención educativa. Así mesmo, facilitar a implantación de PDC e ciclos de FP básica por todo o territorio, segundo a demanda dos centros educativos.
- Redución de alumnado por docente. A mellora na práctica docente pasa por reducir o número de alumnado ao que cada profesora ou profesor ten que impartir docencia.
- Redución do horario lectivo do profesorado. Galiza é, xunto con Madrid e Murcia, a única administración autonómica que non regulou a recuperación de horarios lectivos previos aos importantes recortes dos gobernos de Rajoy e Feijóo, que implicaron un claro deterioro nas condicións de traballo docentes e a falta de tempo para o realmente importante: a preparación das clases e a atención directa ao alumnado na aula.
- Melloras pedagóxicas e redución da burocracia. A burocracia debe deixar de ser un dos elementos que máis lastran a práctica docente, primando a coordinación pedagóxica e a participación de toda a comunidade educativa nas actividades que organizan os centros fronte a procesos de estandarización que están nas antípodas dun ensino transformador.
- A atención á diversidade, no centro da política educativa. Familias, alumnado e profesorado precisan dun aumento de recursos destinados a facer da inclusión non un mero lema senón unha realidade con todos os recursos. Formación específica, incremento de apoios docentes e maior dotación orzamentaria son elementos imprescindíbeis para que unhas aulas cada vez máis heteroxéneas e complexas poidan ter as mellores condicións para non deixar ninguén atrás, promover a educación en valores democráticos e atender a estabilidade emocional do alumnado.
- Mantemento da presencialidade en todas as ensinanzas, anulando a supresión ou transformación en modalidade a distancia dos ciclos fe FP en oferta ordinaria e modular e retirando o anteproxecto de Lei para a aprendizaxe ao longo da vida adulta que prevé centrar estas ensinanzas na modalidade a distancia, reducindo paulatinamente a oferta presencial en institutos e centros de adultos..