A CIG-Ensino denuncia a supresión de preto de 2.000 prazas presenciais de FP e un incremento dun 136% da dual e dun 74% da oferta a distancia con respecto ao curso actual

Na reunión do Consello Galego de FP o sindicato volveu pedir a dimisión da directora xeral quen confirmou que só poderán rematar presencialmente as ensinanzas que cambian a distancia quen este ano curse ciclos ordinarios, pero non así modular.

  • Segundo un estudo comparativo feito polo sindicato das dúas ofertas, o número de prazas en ciclos ordinarios descenderá o vindeiro curso en 624 e en modular presencial en 1199. Pola contra, sobe en 2.327 prazas na oferta dual e en 3.050 na modalidade online.
  • A CIG-Ensino solicitou explicacións sobre como se están gastando os 900 millóns de euros da Estratexia Galega de FP previstos desde 2022 a 2024 e alertou de que se están desviando tanto a centros privados como a unha expansión da dual que, nalgúns casos, chega a impartirse case integramente nas instalacións das empresas.
  • A directora xeral non negou estas cifras indicando que “a Consellaría considera a oferta dual presencial e prioritaria e que se se incrementa ostensibelmente non se pode falar de redución da presencialidade”, á vez que insistiu en que non recibiron escritos por parte dos centros en contra dos cambios á modalidade online. A única rectificación neste sentido foi deixar a decisión do profesorado que, segundo ela, “descoñece a normativa” que, se hai acordo co alumnado, a oferta a distancia pode impartirse 100% presencialmente. A CIG-Ensino considera esta proposta “totalmente inviábel” porque non é posíbel atender presencialmente a unha matrícula de 50 persoas, que é a que teñen os ciclos a distancia, nin existe espazo físico nos centros, e anima a seguir enviando por escrito as queixas e demandas á Dirección Xeral e a mobilizarse para manter a oferta modular presencial.

A continuación reprodúcese a intervención da CIG-Ensino no Consello Xeral de FP e as respostas da directora xeral:

OFERTA IMPOSTA

Desde a CIG amosamos o noso rexeitamento á proposta de Orde pola que se actualiza a oferta de formación profesional para o curso académico 2023-2024 e esiximos a súa retirada e rectificación por varias cuestións fundamentais:

- En primeiro lugar por tratarse dunha proposta totalmente pechada e imposta unilateralmente pola DXFP, desoíndo ao conxunto da comunidade educativa (centros educativos, profesorado e alumnado). Neste sentido volvemos insistir en que todo o que ten que ver coas condicións laborais docentes e coa ordenación académica destas ensinanzas ten que pasar previamente pola Mesa Sectorial, verdadeiro órgano de negociación da representación sindical docente coa administración.

A directora xeral insistiu en que a oferta de FP atinxe a moitos sectores sociais, empresariais e da administración galega e que nunca se levou á Mesa Sectorial porque o órgano que a ten que validar é o Consello Galego de FP.

Desde a CIG-Ensino lembramos que este é un mero organismo consultivo e que a potestade de ter en conta o que se propón só lle compete á administración.

Non é casual que fose a partir da denuncia da CIG-Ensino cando a Dirección Xeral de FP, o pasado luns 12, lle enviou este proposta aos centros de ensino, aos que lles daban 24 horas para “opinar”. Esta actitude autoritaria e despótica, por parte da directora xeral de FP e por parte do conselleiro, foi o que levou á CIG, sindicato maioritario no ensino público, a esixir a dimisión da primeira (que reiteramos esta mañá), “a menos que se rectifique e se atenda as demandas dos centros”. 

Neste sentido, apelamos a que fagan unha reflexión sobre os seus actos e as súas consecuencias: se a DX de FP e a Consellería de Educación pensan que hoxe se vai acalar todo o malestar manifestado estes días pola comunidade educativa na meirande parte dos centros que imparten FP en Galiza, traendo esta proposta ao Consello Galego de FP como un mero trámite, advertímoslles que isto non vai ser así. Alumnado e profesorado responderon contundentemente, e vano seguir facendo a menos que haxa unha rectificación en toda regra.

Do contrario, verán como algúns dos ciclos que sofren modificacións reducirán a súa matrícula o vindeiro curso e estarán incumprindo os seus propios compromisos marcados na Estratexia FP Galicia 2030 que, lembremos, foi aprobada polo Consello da Xunta en febreiro de 2022, e na que se ían investir 900 millóns de euros ata 2024. Desde os centros educativos non se entende como se están gastando estes fondos cando é unha queixa xeral que viron diminuídos os orzamentos tanto para gastos de funcionamento como para material para os distintos departamentos.

DESMONTANDO A PROPAGANDA DO PP: INCREMENTO GALOPANTE DA PRIVATIZACIÓN

Por outra banda, e no que ten que ver co contido da proposta que se presenta, a CIG-Ensino foi profundamente crítica coa mesma polos seguintes motivos:

Escurantismo nas cifras e fondos destinos para a oferta privada e concertada

Estudados os datos que avanzou a Xunta de Galiza, (oferta presentada a este CGFP así como o dossier publicado o pasado venres día 16 de xuño e o 13 de xuño de 2022) fálase da creación de 4.500 prazas novas das, por certo, 9.500 que anunciara Rueda para os dous próximos cursos. Porén, faltan aínda 5.000 para acadar os obxectivos marcados pola Xunta.

Asemade, nos documentos aportados pola consellaría e pola DX non se achegan os datos relativos á oferta autorizada en centros privados e/ou concertados. Desde a CIG-Ensino insistimos en que se traia ao Consello Galego de FP, ademais de negociarse na Mesa sectorial, a relación de prazas que se van autorizar nos centros privados e concertados, desglosada por modalidades e por centros para o vindeiro curso. Como xa denunciamos, os fondos destinados aos concertos e ao ensino privado nestas ensinanzas superaron os 26,5 millóns de euros este curso.

A Consellaría ten que dar datos claros de como se están a investir os fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia destinados á FP e garantir que estes non estean desviándose para sufragar estes centros e de paso a empresas privadas. Polo que vai transcendendo estes días na prensa centros privados e concertados van impartir ciclos que se lle negan ao ensino público, entre outras cuestións porque están deseñados a medida da demanda das empresas. O último exemplo, unha gran empresa da sanidade privada anuncia un Ciclo superior en diagnóstico médico que se impartirá PRESENCIALMENTE en horario de tarde nos Maristas de Ourense.

A directora xeral non dá datos das novas autorizacións a centros privados limitándose a dicir que se coñecerá o día que se abra a matrícula, a partir do venres 23, e sobre este caso concreto que denuncia a CIG-Ensino comenta que non foi autorizado pola Consellaría senón por outra administración territorial, dado que é unha empresa con implantación noutras CCAA. Desde o sindicato amosamos a nosa perplexidade con que a administración galega non faga valer as súas competencias para que estes casos non se poidan producir e Eugenia Pérez limítase a indicar que estudarán este caso en particular.

A dualidade: incremento de financiamento das empresas

Como anticipamos, como agardabamos, e como a propia Consellaría non oculta (porque neste tema tamén responde lealmente aos intereses da patronal) o incremento da modalidade dual é a súa “prioridade” e así o destacou na súa intervención a propia directora xeral. Segundo a análise que fai a CIG-Ensino da oferta as prazas en formación dual aumentan un 136% este ano, en concreto, 46 ciclos máis, pasando de 119 a 173.

No que mente e manipula a Consellaría é na taxa de inserción laboral desta modalidade, chegando a falar dun 100%. De onde sae esta estatística? Os datos que nos indican desde os centros non van nesta liña. De feito apenas hai alumnado que quede na mesma empresa na que cursa os estudos na modalidade dual.

A directora xeral comenta que vai haber algunha modificación da oferta traída hoxe ao CGFP no sentido de incrementar a formación en dual, “a petición do sector e dos centros”, e insiste na propaganda das reunións que celebraron ao abeiro do Plan Conecta FP desde febreiro por todo o país, motivo polo cal non puideron presentar antes esta “proposta”.

Substitución da presencialidade pola oferta online

Por outra banda, e quizais unha das cuestións máis lesivas e diferenciais desta oferta con respecto a anos anteriores e ao que se fai noutros territorios, é o incremento da oferta a distancia (o propio Rueda sinalou que se incrementa nun 74%, o que se traduce segundo o estudo da CIG-Ensino en 3050 prazas máis e en 68 ciclos a maiores), algo que se fai a cambio de reducir a oferta presencial.

Da análise dos documentos da Consellaría tíranse conclusións absolutamente lapidarias. ELIMÍNANSE preto de 2000 prazas na oferta Presencial con respecto ao curso pasado, é dicir, desaparecen máis de 70 ciclos e 600 prazas na oferta ordinaria e mais de 40 ciclos e case 1200 prazas na oferta de adultos. Neste último caso é moi significativa a redución do número de prazas, un 27%.

A CIG-Ensino afeoulle á directora xeral que mencionaran canto se incrementa a modalidade online pero non canto diminúe a presencial, “a única que garante unha atención educativa e unha formación eminentemente práctica e competencial de calidade”.

O conselleiro e máis a directora xeral menten cando din que o cambio de ciclos a distancia foi unha demanda dos propios centros – algo que a directora xeral volveu remarcar hoxe- e a resposta téñena na reacción que se viu o pasado venres e nos acordos de claustro e departamento que lles foron transmitidos estes días por parte da comunidade educativa. Insistimos en coñecer se na oferta privada e concertada se dá esta mesma tendencia ou se se está expulsando do sistema público ao alumnado que queira cursar esta formación presencial cara eses centros.

Ademais, tal e como se incidiu estes días desde os centros, a teleformación debe ser un recurso excepcional e para un determinado perfil de persoas, dado que afonda na fenda dixital xa existente (tanto a nivel territorial como de recursos socioeconómicos e de manexo das ferramentas informáticas) e contribúe a illar a mocidade e a privala do ámbito de socialización que supón asistir a un centro educativo.

O profesorado tamén se rebela contra esta transformación porque “a nosa función non é a de ser youtubers ou streamers”. O valor da educación e da profesión docente está no contacto humano e no acompañamento do alumnado, alén do desenvolvemento curricular que nin de lonxe se pode levar a cabo do mesmo xeito de maneira online.

“Destápase tamén a mentira neste caso do presidente Rueda que o xoves aseguraba que todos os ciclos que este ano comezaran en presencial se ían poder finalizar nesta modalidade. O conselleiro desmentíao ao día seguinte  matizando que só rematarán os estudos presencialmente o alumnado matriculado nos 7 ciclos ordinarios que pasan a distancia (non sabemos se isto é unha nova desautorización a quen debería pintar algo como presidente da Xunta ou son estratexias para enganar a comunidade educativa)”, sinala Xosé Nogueira.

A ocurrencia da directora xeral para os centros afectados polo paso á oferta online

Por se non escoitou a Consellaría suficientemente os argumentos dados estes días cómpre salientar algúns casos que son absolutamente rechamantes:

  • As familias máis prexudicadas por este cambio son a de Servizos á Comunidade, Administración e Xestión e Informática. Isto vai ter unha afectación moi importante de cara ao alumnado, como xa se incidiu, pero tamén de recorte de profesorado. 
  • Nomeadamente a primeira recibe un trato especialmente despectivo, e non é curioso que sexa das máis feminizadas. Ademais de que con esta decisión a Xunta lanza a mensaxe de que a atención e os coidados a menores e persoas maiores ou vulnerábeis, é algo que non merece recoñecemento social nin educativo, cómpre sinalar que desaparece por completo toda a oferta presencial pública do CS de Promoción da Igualdade Xénero, o cal é algo que podemos interpretar como un acto ideolóxico e premeditado. Non é preciso que ao PP galego lle marque o camiño a extremadereita, xa o fai pola súa propia iniciativa. Os centros máis afectados por estes recortes son os CIFPs Ánxel Casal, A Xunqueira e o Compostela, así como o IES de Chapela.
  • No IES de Teis de Vigo, no Fernando Wirtz da Coruña e no San Clemente de Compostela transfórmase toda a oferta modular presencial de adultos de informática en distancia.
  • A este respecto podemos dar por feito que este é o camiño trazado pola Dirección Xeral de FP para a conversión das ensinanzas para persoas adultas na modalidade online, con todos os prexuízos que temos denunciado desde o primeiro momento en que coñecemos as intencións da Consellaría. 

Neste punto a directora xeral confirma o que indicou o conselleiro o pasado venres. Tan só poderán rematar o vindeiro ano presencialmente as persoas matriculadas nos ciclos ordinarios “porque se ofertan completos” que segundo datos da propia Consellaría só son 7 titulacións. Pola contra, na modalidade modular pasa todo a distancia. Neste sentido indicou que estes cambios viñeron motivados “tanto pola petición dos centros, como polo escaso número de matrícula ou pola taxa de abandono da FP ao atopar o alumnado traballo”. Ademais insistiu en que non tiñan constancia por escrito do descontento dos centros a este respecto.

Sobre exemplos concretos, a respecto do CS de Promoción de Igualdade teimou en dicir que non ten demanda presencial senón a distancia porque non é unha formación de primeira opción senón complementaria para moitas persoas que xa teñen outras titulacións. En canto ao ciclo de Mediación comunicativa no caso do CIFP Ánxel Casal tamén sinalou que non ten matrícula en modular, porque se oferta tamén en ordinario e que ao cambiar o currículo do anterior ciclo de Linguaxe de Signos ao actual non ten tanta demanda. A CIG-Ensino considera unha aberración impartir a distancia un ciclo no que moitas das persoas matriculadas teñen discapacidade auditiva e rebatemos todas estas afirmacións, así como que a taxa de permanencia na modalidade a distancia é do 75%, algo que é facilmente contrastábel en calquera ciclo, e animamos aos centros afectados a que lle envíen á Dirección Xeral as súas demandas por escrito e a seguir mobilizándose, xunto co alumnado, para manter a presencialidade nos ciclos que se pretenden transformar.

A directora xeral aludiu a que “se resistían a converter en distancia aquelas ensinanzas que non se podían axeitar polo seu contido eminentemente práctico e a que había moita máis demanda nestes intres en distancia que en modular presencial”. Chegou a dicir incluso que había centros que lles pedían que as titorías de distancia fosen tamén online”. Porén, contradiciuse ao afirmar tamén que moitas persoas remataban matriculándose a distancia porque non obtiñan praza nos ciclos ordinarios ou modulares presenciais, o que demostra unha actitude de manipulación e mentira patolóxica pola súa parte.

En lugar de amosarse partidaria de escoitar o clamor expresado pola comunidade educativa o que fixo é acusar ao profesorado “de descoñecer a normativa que regula a FP a distancia, na que se di que o mínimo que se debe impartir presencialmente é o 25%, polo que excepcionalmente se hai acordo nos ciclos afectados por este cambio se podería ampliar a presencialidade ao 100%”. Para iso comprometeuse a incorporar unha cláusula dentro da Orde pola que se aproba a oferta na que se faga alusión a esta posibilidade.

A CIG-Ensino considera esta proposta totalmente inviábel tendo en conta que require a unanimidade do alumnado matriculado, e suporía un problema de xestión interna relevante tanto pola falta de espazo como pola imposibilidade de atender presencialmente de forma correcta a 50 alumnos e alumnas. Por iso, a única solución que vale é a de manter a oferta existente, tal e como demandan os centros afectados.

Outras demandas dos centros sen atender

Por concluír, son moitas as solicitudes de implantación de ciclos que os centros levan dirixindo durante anos á Consellaría e, que nesta ocasión, cando todo parecía favorábel pola concesión dos fondos Next Generation, volven desatenderse. Eis aquí só algúns exemplos que nos fixeron chegar os departamentos ou centros desde o venres pasado:

  • CS Xestión de Aloxamentos Turísticos e CS Guía, información e asistencia turística en Vilagarcía para dar resposta ás demandas do tecido turístico do Salnés.
  • CS de Peiteado e CS de Caracterización e Maquillaxe profesional en Santiago de Compostela. Concédese este último en Vigo, onde xa existía a única oferta de toda Galiza nun centro privado, e non na capital galega onde se radican a maior parte das produtoras audiovisuais, as sedes das televisións galega e española e se centralizan os espectáculos escénicos e musicais, eventos, congresos...
  • No IES A Xunqueira I non concederon o CS de Laboratorio Clínico e biomédico.
  • Módulo de Negociación a Distancia no IES A Guía de Vigo para facilitar que o alumnado do CS de Transporte e Loxística poida obter tamén o CS de Comercio Internacional.
  • Oferta da familia de Hostelaría e Turismo de acordo ás demandas de centros e do sector en Ribeira e de Cultivos Mariños en Boiro. 

A directora xeral lembrou que se lles pedira aos centros en NOVEMBRO! -mentres que ás empresas aínda lles están atendendo as demandas esta mesma semana como unha nova dual para a compañía Nervión nas Pontes- que enviaran as súas solicitudes de novos ciclos e que estas foron examinadas pola inspección educativa de acordo ás características e espazos dispoñíbeis nos mesmos. En calquera caso pediulle á CIG-Ensino que lle entregara todas as incidencias das que tivera noticia, como así o faremos, aínda sen ningunha esperanza de que se vaian ter en conta.

CIG
RELACIÓN DE CENTROS AFECTADOS POLA CONVERSIÓN DE OFERTA PRESENCIAL EN DISTANCIA

PROVINCIA

CONCELLO

CENTRO

RECORTES E CAMBIOS IMPOSTOS

A CORUÑA

A CORUÑA

CIFP ÁNXEL CASAL

A oferta modular presencial de Mediación Comunicativa, Integración Social e Educación Infantil pasa a distancia 

A CORUÑA

A CORUÑA

IES FERNANDO WIRTZ

A oferta modular presencial pasa a distancia: un ciclo de Xestión administrativa, 1 de Administración de sistemas informáticos, un de Desenvolvemento de aplicacións web e 1 de Administración e finanzas

A CORUÑA

A CORUÑA

CIFP PASEO DAS PONTES

A oferta modular presencial do CS de Patronaxe e Moda pasa a distancia.

A CORUÑA

A CORUÑA

IES URBANO LUGRÍS

A oferta modular presencial pasa a distancia: dous grupos de Instalacións de telecomunicación e un de mantemento electrónico

A CORUÑA

FERROL

CIFP LEIXA

A oferta presencial de Igualdade pasa a distancia. Xunto coa eliminación do mesmo ciclo en Pontevedra (A Xunqueira) non se poderá cursar presencialmente en Galiza ciclo de superior de igualdade de xénero.

A CORUÑA

FERROL

CIFP RODOLFO UCHA

Toda a oferta modular pasa a distancia 

A CORUÑA

SANTIAGO

CIFP COMPOSTELA 

A oferta modular presencial de Infantil pasa a distancia

A CORUÑA

SANTIAGO

CIFP POLITÉCNICO

A oferta ordinaria presencial pasa a distancia: Curso Especialización en Ciberseguridade

A CORUÑA

SANTIAGO

IES AS FONTIÑAS

A oferta modular presencial pasa a distancia: dous ciclos, Xestión Administrativa e Administración e Finanzas

A CORUÑA

SANTIAGO

IES SAN CLEMENTE

Toda a oferta modular pasa a distancia 

LUGO

LUGO

IES MURALLA ROMANA

Suprimen a modalidade presencial de ciclo superior de Administración e Finanzas

OURENSE

OURENSE

CIFP A FARIXA

A oferta ordinaria presencial pasa a distancia: un grupo de axencias de viaxes e guías de viaxe

PONTEVEDRA

MARÍN

IES CHAN DO MONTE

A oferta ordinaria presencial (que o centro solicitara que pasase a modular) pasa a distancia: Desenvolvemento de aplicacións multimedia

PONTEVEDRA

NIGRÁN

IES ESCOLAS PROVAL

A oferta modular presencial de Electrónica pasa a distancia

PONTEVEDRA

PONTEVEDRA

CIFP A XUNQUEIRA

Suprimen un ciclo de FP básica, un ciclo superior de integración social de ordinario diúrno pasa a distancia e o ciclo de superior de igualdade de xénero ordinario pasa a distancia con oferta parcial. Peche de 6 aulas.

PONTEVEDRA

PONTEVEDRA

IES LUÍS SEOANE

A oferta modular presencial de Xestión Administrativa pasa a distancia.

PONTEVEDRA

REDONDELA

IES CHAPELA

A oferta modular presencial de Infantil pasa a distancia

A oferta modular presencial de Dietética pasa a distancia

PONTEVEDRA

VIGO

IES A GUÍA

A oferta modular presencial de Transporte e loxística pasa a distancia

Eliminan a oferta presencial de Comercio

PONTEVEDRA

VIGO

IES POLITÉCNICO

A oferta modular presencial de Obra Civil pasa a distancia.

PONTEVEDRA

VIGO

IES RICARDO MELLA

A oferta modular presencial de Xestión Administrativa pasa a distancia.

PONTEVEDRA

VIGO

IES TEIS

A oferta modular presencial de Informática pasa a distancia.

PONTEVEDRA

VILAGARCÍA

IES ARMANDO COTARELO VALLEDOR

A oferta modular modular pasan a distancia: Administración de sistemas informáticos  e Desenvolvemento de páxinas web

 

Volver