A CIG-Ensino denuncia a “ruta de exterminio” do galego e aposta por un Plan de Normalización que teña o ensino na nosa lingua como eixo

Fai un chamamento a participar na manifestación convocada por Queremos Galego! Para o vindeiro día 8 de febreiro en Compostela

O secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao, compareceu esta mañá en rolda de prensa xunto con Marta Dacosta, membro da executiva da federación, para analizar a situación na que se atopa o galego no ensino e presentar toda unha serie de medidas imprescindíbeis para mudar a “dramática” situación na que se atopa a nosa lingua tras 30 anos de gobernos do PP. Un período no que se aplicou unha política lingüística “contranatura” que tiña como obxectivo acelerar o proceso de “españolización” e conseguir unha “total asimilación lingüística, nomeadamente da mocidade”.

Louzao lembrou que todos os estudos que hai dan conta da perda acelerada de galego falantes. Unha situación que se viu confirmada cos datos máis recentes do informe do IGE, no que se constata, entre outras cuestións, que o 75% de menores de 15 anos non falan nunca en galego. 

Para o secretario nacional da CIG-Ensino esta situación é consecuencia de 30 anos de políticas lingüísticas do PP contra a nosa lingua, cun punto de inflexión no ano 2009, no que aínda se endureceron máis.

A este respecto foi Marta Dacosta quen fixo un percorrido desde esa data para lembrar os ataques sistemáticos infrinxidos contra o galego no ensino. Así sinalou que a primeira medida que adoptou o Partido Popular ao mes seguinte da súa toma de posesión, en abril dese ano, foi a eliminación da proba de galego para acceder á función pública. Unha medida que viu acompañada doutras, como a supresión do requisito da presentación de proxectos en lingua galega nos diferentes concursos aos que pode participar o profesorado na consellaría de educación.

Ao tempo, sinalou Dacosta, eliminaba as axudas económicas ás liñas en galego en educación infantil –que foron posteriormente suprimidas- e ao mes seguinte, en xuño poñía en marcha as “enquisa trampa” nas que se lle prohibiu ao profesorado explicar como había que cubrilas, que significaban e a onde conducían. De seguido comezou co desmantelamento das galescolas e no curso seguinte, 2009-2010, a partir do mes de setembro, reducíronse os premios aos proxectos de innovación en lingua galega; comezaron os recortes aos equipos de normalización lingüística e en decembro, presentábanse xa as bases para o novo Decreto de Plurilingüismo.

A partir de febreiro de 2010 comezouse a eliminar toda referencia á nosa lingua durante a negociación dos procedementos orgánicos dos centros; eliminouse a palabra ‘normalización’ do nome dos equipos que pasaron a chamarse equipos de dinamización lingüística e eliminouse tamén a súa función de promoción da lingua galega.

En xuño, como consecuencia da prohibición de impartir Matemáticas, Física e Química e Tecnoloxía na nosa lingua, “dilapidáronse entre 5 e 8 millóns de € para comprar libros en español nesas materias”.

No curso seguinte 2010-2011, púxose en marcha unha campaña de acoso e persecución dos/as responsábeis dos equipos de normalización lingüística e publicouse a Orde de Centros Plurilingües como “estratexia para reducir a presenza da nosa lingua”. Logo aprobouse a LOMCE e todos os seus decretos, e en 2014 despediron ao profesorado dos CELGA.

Ruta de exterminio

Para Louzao todas estas medidas responden ao obxectivo de “combater o idioma” porque iso “é combater a cohesión nacional”. Neste sentido, o secretario nacional de CIG-Ensino considerou que o idioma “é imprescindíbel para fortalecer a conciencia de sermos donos do noso futuro como pobo”  e que o obxectivo do PP é “destruír toda diferenza e a viabilidade de exercermos como galegos/as”. 

Xunto a isto denunciou a campaña de “engano e mentira” deseñada polo PP baseada en tres “falacias”: a da imposición do galego; a da liberdade de elección de idioma e a do trilingüismo. “É un mundo ao revés, porque un idioma propio nunca se impón”, explicou Louzao quen engadiu que “o noso idioma, non só foi historicamente o idioma marxinado, proscrito, perseguido e prohibido, senón que indirectamente continúa a estar nunha situación de febleza absoluta e nunha desigualdade explícita que impide que haxa liberdade de elección”.

Considerou que o PP ten deseñada unha “ruta do exterminio” do noso idioma e presentou toda unha serie de propostas imprescindíbeis para que o galego sexa unha lingua “normal” de uso social.

Cambio de rumbo

Para Anxo louza esta situación evidencia que para garantir un futuro para o noso idioma precísase un cambio de rumbo na política lingüística e mudar o marco legal que lle garanta ao galego os mesmos dereitos que ten calquera lingua nun país normalizado. Nese sentido sinalou como medidas imprescindíbeis comezar por mudar o artigo 3.1 da Constitución española e derrogar o Decreto 79/2010.

Demandou a aplicación inmediata do Plan Xeral de Normalización Lingüística que contempla, entre outras, que como mínimo téñense que impartir o 50% das aulas en galego, que nos ámbitos español falantes a educación infantil ten que ser impartida nun 50%, como mínimo, en galego e que as Matemáticas teñen que ser impartidas en lingua galega: Xunto a isto considerou imprescindíbel derrogar a LOMCE.

Subliñou a necesidade de estabelecer Plans Plurianuais de formación do profesorado, co obxecto de acadar a normalización lingüística con dúas variantes: unha que ten que ver coa formación específica de cada unha das materias do currículo e outra de programas de formación que ademais de estender o coñecemento da nosa cultura, da nosa historia, da nosa sociolingüística, da nosa economía, realmente faciliten que todo o profesorado teña unha predisposición ao ensino en galego.

Exixiu retomar a obriga de coñecemento que ten que amosar toda persoa que queira ser empregado/a pública en Galiza, realizando, como mínimo, unha proba en galgeo; dotar a todos os centros de material complementario no que ten que ver coa produción bibliográfica, documental, audiovisual, informática, científica; fixar materias en lingua galega na FP e nas Ensinanzas Artísticas e que haxa libros de texto de todas as materias e en todos os módulos de FP; potenciar e reforzar os equipos de normalización lingüística con maior dotación económica e con máis recursos didácticos e pedagóxicos e fixar que, como mínimo, se impartan o 50% das materias en galego.

Malia isto, Louzao concluíu que “non conseguiremos a plena normalización lingüística no ensino até que se imparta totalmente no noso idioma e se galeguicen os currículos” porque, para a CIG-Ensino, “só así se pode conseguir que o galego sexa visto e socialmente asumido como lingua normal”. Por iso chamou a participar na manifestación convocada para o vindeiro 8 de febreiro por Queremos Galego “Polas fillas dos noso fillos”.

Volver