A CIG-ENSINO denuncia a persecución da Xunta de Galiza ao programa Preescolar na Casa que pode supor o despedimento de 42 traballadoras e traballadorase a liquidación da atención educativa a 4.000 familias

A consellaría de Traballo retira todas as subvencións abocando este servizo público ao peche e os seus traballadores ao paro

Tras do anuncio do PP de eliminar o programa de Preescolar na Casa, deixando a máis de 4.000 familias sen este servizo e abocando aos seus 42 traballadores/as ao paro, membros do Comité de Empresa, acompañados polo secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao e polo secretario comarcal da CIG de Lugo, Xosé Ferreiro, anunciaban, esta mañá, en rolda de prensa, a presentación dunha Iniciativa Lexislativa Popular para demandar do Parlamento galego a aprobación dunha lei pola que se acorde que a Xunta de Galiza absorba tanto o servizo como aos seus traballadores/as. Así mesmo, informaron tamén da convocatoria dunha manifestación para o día 26 de novembro, en Lugo, que vai contar co apoio da CIG.

Preescolar na Casa é un programa educativo que naceu en Galiza no ano 1977 co obxectivo de contribuír á formación de pais que teñen nenos e nenas entre 0 e 6 anos. Organízase, preferentemente, no medio rural e outros medios desfavorecidos, intentando apoiar ás familias na educación e crianza dos seus fillos nos primeiros anos de vida. 

Para o seu funcionamento contaba, até o de agora, con subvencións das consellarías de Política Lingüística, Educación e Traballo e Benestar. Porén, nos últimos anos o PP foi reducindo a súa contía o que provocou a presentación dun ERE, con vixencia até o 29 de febreiro de 2012, que afecta a 38 traballadores/as. 

Segundo explicou o secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao, as achegas públicas eran de 615.000 €: 90.000 de Política Lingüística, 70.000 da consellaría de Educación e o resto da consellaría de Traballo e Benestar. Destas, Educación retirou o total da axuda, Política Lingüística limitouna a 45.000 € e Traballo e Benestar liquidou a súa na súa totalidade. 

Xosé Expósito, presidente do Comité de Empresa explica que con isto e coa redución de persoal -20 suspendidos e 18 con redución de xornada- víronse obrigados a limitar o servizo a 1.000 familias. Denuncia ademais, que nin sequera recibiron os 200.000 € previstos para acabar este ano e que agora presenta un novo ERE que suporía a redución de dous terzos do persoal, e a extinción de 27 postos de traballo. 

Para Expósito, a intención da Xunta de Galiza é “deixar morrer o programa” porque con tan pouco persoal “é imposíbel desenvolver o servizo”. Intención que deixou clara o propio PP na resposta á pregunta presentada polo BNG no Parlamento galego o pasado día 3 de novembro.

Anxo Louzao, secretario nacional de CIG-Ensino denuncia que así se priva ás máis de 4.000 familias que viñan facendo uso deste programa a quedar sen un servizo público para o que non hai ningunha alternativa no medio rural onde se deberían garantir “os mesmos servizos, nas mesmas condicións e coa mesma calidade que nas zonas urbanas”.

O secretario nacional de CIG-Ensino considera que alén dos recortes que o PP vén facendo en todos os servizos públicos, alegando unha suposta política de austeridade, neste caso inflúe tamén o feito de que, nos seus 35 anos de historia, este programa se  desenvolvera integramente en galego. “É unha mostra máis da política de combate permanente, de exterminación do noso idioma desta Xunta de Galiza”. Louzao asegura ademais que se realmente quixera ser austero, o PP podía eliminar o Plus de Altos Cargos, destinando unha parte a manter este programa e aforrando a outra.

Ante a gravidade da situación, Xosé Ferreiro, secretario comarcal da CIG de Lugo, explicou que coa convocatoria da manifestación para o día 26 de novembro preténdese amosar o apoio social a este programa e reclamar o seu mantemento, así como o dos postos de traballo.

Ferreiro lembrou tamén que a CIG está dando apoio xurídico e sindical ao persoal para levar ao Parlamento unha Iniciativa Lexislativa Popular co obxectivo de que a Xunta de Galiza absorba o programa e aos seus traballadores.

Xunto a isto denuncia o paradoxo de que sexa a consellaría de Traballo, que “debería velar polo mantemento do emprego”, quen promova un ERE que “será ela mesma quen teña que resolver, converténdose en xuíz e parte”. 

Volver