A CIG-Ensino denuncia a obriga de acudir aos centros a conviventes de casos sospeitosos que se contradí coas recomendacións de Sanidade

O sindicato cualifica de temeridade esta decisión e pide que se rectifique de inmediato a última versión do protocolo.

O cambio introducido por Educación o 4 de novembro obedece a un novo bandazo, neste caso da Consellaría de Sanidade, que está a causar moitas dúbidas e indignación entre a comunidade educativa ao ser diferente das indicacións para a poboación xeral tanto do Ministerio como da propia Consellaría de Sanidade.

Na reunión co conselleiro de Educación do pasado 2 de novembro desde a CIG-Ensino interpelamos ao conselleiro pola contradición existente entre o protocolo que naquel momento tiña o SERGAS na súa web para a xestión dos contaxios nos centros educativos e o protocolo de Educación. O criterio do SERGAS (que conviventes de persoas con sintomatoloxía compatíbel coa Covid non garden corentena á espera de resultados) cambiara recentemente. Na opinión da CIG-Ensino a decisión adoptada por Educación era máis favorábel para a protección ante o risco de contaxio e, por tanto, é a que debe prevalecer. Xa naquela reunión se nos indicou que en breve se faría unha unificación de criterios e que primaría o “sanitario”. Na Mesa Sectorial desta mesma semana reiteramos a nosa queixa e instamos a Educación a manter o criterio actual. A resposta da administración foi negativa.

Unha vez publicada a actualización do protocolo de Educación non podemos máis que criticar a decisión adoptada, amosando a nosa preocupación e a estrañeza a que sexan criterios “sanitarios" os que moven á Xunta a obrigar a conviventes en contacto con persoas con sintomatoloxía compatíbel coa Covid-19 a acudir ao centro de ensino. Parécenos unha exposición gratuíta e innecesaria a un risco que, de se realizar unha PCR con rapidez, non debería dar maior problema por manter a unha persoa convivente, sexa docente ou alumna, na súa casa. Cun sistema áxil de seguimento e detección do virus, do que hoxe aínda carecemos (hai PCR que se fan de inmediato, outras que tardan días e outros casos nos que nin sequera se fan), os confinamentos á espera de resultados do contacto serían breves. Porén, ir ao centro educativo sen saber se a persoa coa que convives deu positivo, é un risco non só para a persoa senón para o resto das persoas coas que traballa ou está na aula. 

Contradición coas recomendacións da propia Consellaría de Sanidade 

Esta decisión da Consellaría de Sanidade de influír para modificar o Protocolo de Educación está causando moito malestar e indignación entre a comunidade educativa, profesorado, alumnado e familias, porque choca frontalmente coas recomendacións que se manteñen para a poboación xeral e que veñen de ser referendadas no DOG ese mesmo día, o 4 de novembro. Na Orde pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia di textualmente o seguinte:

Así pois, os conviventes dun caso sospeitoso, como contacto estreito que son, teñen que permanecer no domicilio mentres non se obtén un resultado negativo da correspondente PCR. Así o establece a Consellaría de Sanidade nesta Orde para o conxunto da poboación galega e así esiximos que sexa tamén no que ten que ver cos centros educativos que nestes momentos xa albergan 1 cada 8 casos positivos do total en Galiza. 

Contradición coas recomendacións do Ministerio de Sanidade. 

En contra do criterio que indica o SERGAS e aplica desde agora Educación tamén figuran as indicacións que proporciona o Ministerio de Sanidade, que claramente mantén o criterio de gardar corentena en casos de conviventes de persoas con sintomatoloxía susceptíbel de ser Covid á espera de resultados.

Que se facía até agora e en consiste o cambio?

ATÉ O 5 DE NOVEMBRO.

"Se algunha persoa do núcleo familiar é sospeitosa de padecer a COVID-19, o alumnado ou o persoal do centro que convivan con elas non poderán acudir ao centro ata que se coñeza o resultado da proba e sexa negativo. A persoa afectada ou a súa familia comunicarán o resultado á persoa coordinadora COVID do centro".

 

DESDE O 5 DE NOVEMBRO.

Os conviventes dunha persoa con síntomas compatibles coa COVID (alumno/a ou profesional) que se encontre á espera do resultado, evitarán as interaccións sociais que sexan prescindibles ata que se confirme o resultado, pero non será necesario que garden corentena no domicilio, podendo acudir tanto á escola como ao seu posto de traballo.

Nun escrito remitido conxuntamente aos conselleiros de Educación e de Sanidade a CIG-Ensino denuncia esta contradición e insta ao departamento de Sanidade a unificar os criterios co obxectivo de reducir o risco de contaxio que debe ser o criterio sanitario a aplicar nestes momentos.

CIG Informa sobre o recurso xudicial contra o plan de ensino virtual e a actualización do protocolo

Documento


Volver