A CIG-ENSINO denuncia a nula vontade negociadora da Consellaría, ao fixar a data de emendas ao proxecto de decreto para o Consello Escolar de Galiza antes de que se celebre a Mesa Sectorial

Proxecto de decreto do galego

A CIG-Ensino denuncia a total falta de vontade negociadora na Consellaría de Educación, pois, non só enviou xa o borrador do Decreto aos membros do Consello Escolar de Galiza, senón que mesmo fixou como data tope de achega de emendas o día 24 de marzo, é dicir, o día anterior á Mesa Sectorial Docente, primeiro paso preceptivo polo que debe pasar o Decreto para logo pasar ao Consello Escolar de Galiza, coas achegas realizadas polas organizacións sindicais
A CIG-ENSINO DENUNCIA A TOTAL FALTA DE VONTADE NEGOCIADORA DA CONSELLARÍA DE EDUCACIÓN
 
A Consellaría fixa a data de emendas ao proxecto de decreto para o Consello Escolar de Galiza antes de que se celebre a Mesa Sectorial
 
A CIG-Ensino pedirá a retirada dun anteproxecto que desautoriza o profesorado e traslada á familia a potestade de fixar a lingua vehicular dos centros
 

A CIG-Ensino denuncia a total falta de vontade negociadora na Consellaría de Educación
, pois, non só enviou xa o borrador do Decreto aos membros do Consello Escolar de Galiza, senón que mesmo fixou como data tope de achega de emendas o día 24 de marzo, é dicir, o día anterior á Mesa Sectorial Docente, primeiro paso preceptivo polo que debe pasar o Decreto para logo pasar ao Consello Escolar de Galiza, coas achegas realizadas polas organizacións sindicais.
 
O procedemento fixado pola Consellaría pon de manifesto que a súa intención é que a Mesa Sectorial sexa un simple trámite no que non ten intención de recoller as achegas das organizacións sindicais, é dicir, dos representantes lexítimos dos traballadores e traballadoras que logo terían que aplicar esa norma. Unha vez máis a Administración de Feijoo dá mostras do seu talante autoritario e antidialogante e de oposición á nosa lingua, dando pasos para vulnerar os dereitos dos órganos de negociación, e demostrando a súa falta de respecto polos mesmos.
 
O xoves 25 está convocada a Mesa Sectorial docente. Nela tratarase como único punto na orde do día o Anteproxecto de Decreto do Plurilingüismo, un documento que fai retroceder a nosa lingua á situación anterior á Lei de Normalización lingüística. Se analizamos a proposta que a Secretaría Xeral de Política Lingüística fai, etapa por etapa, comprobaremos que retrocede máis alá do Decreto do 95, cun documento que demostra cal é a preocupación da Administración de Feijoo, o emprego do español, xa que por primeira vez, e nunha norma que ten que regular o uso do galego, aprovéitase para fixar a impartición obrigatoria do español ou regular a implantación do inglés.
 
Cómpre reparar na filosofía que sustenta este documento, un borrador do que desaparece a palabra “normalización”, soamente mencionada para modificar o nome dos equipos, que deixan de ser normalizadores, para pasar a ser dinamizadores, obviando desta maneira sutil o seu cometido fundamental, que dimana dunha realidade diglósica do noso idioma. Aínda máis, por primeira vez, a Secretaría Xeral de Política Lingüística deixa fóra da regulamentación os centros privados, xa que, ao falar dos Equipos, dise que estes se constituirán nos centros sostidos con fondos públicos, é dicir centros públicos e privados concertados, mais non menciona os centros non concertados, co que, de ir adiante esta proposta, estaríamos ante centros educativos que poderían non aplicar ningunha medida normalizadora, toda vez que é o Equipo de normalización lingüística o encargado de elaborar o Proxecto Lingüístico de Centro que ordena a aplicación das normas sobre a lingua nos centros.
 

A CIG-Ensino esixirá a retirada deste anteproxecto, que desautoriza o traballo do profesorado e outorga ás familias a potestade de fixar a lingua vehicular do ensino.

Volver