A CIG-Ensino denuncia a manipulación e a intoxicación de Galicia Bilingüe nun centro escolar da Coruña

Continuas as agresións á nosa lingua

A CIG-ENSINO denuncia que Galicia Bilingüe e dona Begoña Folgar están manipulando a realidade e intoxicando respecto do ensino da área de coñecemento do medio, que se imparte tal e como fixa a lexislación vixente en galego, nunha aula de primeiro de Educación Primaria do CEIP “María Pita” da Coruña.

A CIG-Ensino declara que baixo ningún concepto se pode consentir a utilización de falsidades para difamar gratuitamente ao profesorado co único obxectivo de obter eco mediático e atacar o noso idioma. Non se pode admitir de ningún xeito que a fobia contra a nosa lingua se traduza na persecución dunha profesional que cumpre escrupulosamente co seu traballo e se atén á lexislación vixente.

Especialmente graves resultan as acusacións públicas que a antedita nai fai sobre a actividade docente da profesora. Non se poden consentir afirmacións tales como “le obliga, a gritos”, "Siento que mando a mi hijo al campo de batalla" e outras que pretende pór en dúbida a labor docente da mesma. Grave é tamén a actitude dunha nai que se nega a que o seu fillo adquira as nocións máis elementais do idioma propio do lugar en que vive, privándoo de coñecer a realidade que o rodea. Sería a mesma a súa actitude se a materia se impartise en inglés? Nese caso esta nai compraría o libro en castelán e queixaríase de que ao seu fillo se lle entregasen fichas de traballo na aula no idioma en que a materia se imparte?
A profesora está cumprindo a normativa vixente de xeito exemplar, tal e como lle consta á nai denunciante, que confunde os seus desexos coa lexislación educativa e ignora, intencionadamente, que existe xurisprudencia sobre este tema. Cumpre tamén co currículo de Educación Primaria que entende que a materia de coñecemento do medio é unha das que lle permite ao alumnado adquirir as destrezas necesarias para traballar en equipo ou integrarse na sociedade da que forma parte.

Dende a CIG-ENSINO manifestamos o noso total apoio á profesora e emprazamos á Consellaría de Educación a que tome, con toda celeridade, as medidas oportunas que lle garantan a esta profesora o exercicio da súa profesión e dos seus dereitos sen ter que sufrir ataques infundados, polo que a Consellaría debe manifestar publicamente o seu apoio á profesora e que esixir a Galicia Bilingüe que cese nesta actitude de amparar e difundir falsidades en detrimento do noso idioma e do sistema educativo galego.

Volver