A CIG-Ensino denuncia a irrelevancia do Consello Galego de Convivencia para a Consellaría de Educación
Logo de case dous anos sen reunirse, a reunión deste órgano foi tratado pola Consellaría, como é habitual, como un mero trámite
O Consello Galego de Convivencia levaba desde outubro de 2022 sen reunirse e a xuntanza deste 11 de xuño serviu unicamente para que a Consellaría lle fixese chegar ás persoas e entidades que o integran o mesmo que un día antes presentara publicamente: o informe da diagnose da convivencia e hábitos sociais 2023. Unha vez mais, a administración non enviou previamente a documentación, facendo entrega dela na propia reunión, o que imposibilita ser analizada con tempo. Como mostra de desinterese polo propio Consello, a Consellaría xa colgara o documento na súa web o día anterior.
Unha vez máis o Consello Galego de Convivencia queda convertido nun mero “paripé” sen intención de ofrecer ningún tipo de participación a quen o integra. Nesa lóxica de prescindir efectivamente da función supostamente consultiva que o Consello ten, podían directamente enviar por email o resultado da enquisa entregada na reunión. Na práctica, sería o mesmo.
A CIG-Ensino reiterou as mesmas demandas que repiten reunión tras reunión:
- que se envíe a documentación con suficiente antelación
- que se dote de contido real a este Consello
- que se dote de medios e recursos aos centros educativos para realizar todo o traballo de convivencia que cada día é maior e está sobrecargando ao profesorado
- redución de 3 horas lectivas para a persoa responsábel de benestar
- homologación retributiva coa xefatura de departamento e as coordinacións oficiais
- creación oficial da figura de responsábel de coeducación e igualdade tamén con liberación horaria e complemento retributivo
- a elaboración dos plans de igualdade nos centros educativos
- a importancia de ter presente e realizar actuacións reais en todo o relacionado coa saúde mental.
A administración educativa quédase unicamente na análise dunha enquisa que, podendo ser un punto de partida, non pode ser o obxectivo último. Ademais, a CIG-Ensino considera que se debera dar un segundo paso de profundización na veracidade ou certeza real das respostas dadas na propia enquisa. Sabemos que na percepción que se pode ter sobre determinados temas como poden ser o acoso, o machismo ou a xenofobia xogan moitos factores que poden provocar respostas que non son reais, ao partiren de preconceptos que inflúen nesa resposta.