A CIG-Ensino denuncia a inadecuación de varias probas de avaliación de diagnóstico

A calidade do ensino

A CIG-Ensino faise eco das denuncias recibidas do profesorado sobre as probas de avaliación de diagnóstico. Nestas probas participaron 23.265 alumnos e alumnas de 2º da ESO, correspondentes a 500 centros de Secundaria e 21.999 alumnos e alumnas de 4º de primaria correspondentes a 840 centros. Estas probas están destinadas a avaliar as competencias do alumnado en diferentes materias e ámbitos e, segundo indica a propia Consellaría: “busca coñecer o nivel de desenvolvemento das capacidades básicas do alumnado ao remate dos devanditos cursos”.

A CIG-Ensino denuncia que a falta de adecuación observada en distintas probas non vai permitir ter un coñecemento real e obxectivo desas capacidades.

A CIG-Ensino denuncia un exceso de traballo burocrático que debe desenvolver coincidindo, precisamente, co final de curso e cando moitos centros non contan con persoal administrativo.

O profesorado da Primaria denuncia a inadecuación ao nivel de 4º de Primaria dos contidos dos exames e dos tempos establecidos para os mesmos:

  • No caso de Competencia en Comunicación Lingüística é excesivo o traballo a realizar en 60 minutos. Por outro lado, as cuestións propostas eran abertas, polo que se poderían responder de diferentes xeitos, mais non é axeitada a proposta de avaliación para estas cuestións, pois no caso concreto do exercicio sobre unha receita de figos máxicos, só se lle pode admitir como válida a resposta se inclúe a palabra “marmelada”. O profesorado pregúntase se non poderían valer outras palabras, especialmente o xenérico “compota”.

  • No caso de Competencia Matemática detéctase unha mala organización e presentación das actividades así como unha asignación de tempo insuficiente o que provoca que para rematar o exame moito alumnado dea respostas ao chou.

  • Nos caderniños de Competencia no Coñecemento e na Interacción co mundo físico destacaban as preguntas pouco claras, provocando o cansazo e o desinterese no alumnado. Unha vez máis, os tempos eran insuficientes.

En xeral o profesorado traslada que as probas non avalían as competencias dos nenos/as destas idades, por mor dos seus contidos, tipo de exercicios, lecturas propostas, vocabulario inadecuado, resultando a desmotivación evidente do alumnado ante as probas.

En Secundaria, concretamente nas probas de comunicación lingüística, apreciáronse desequilibrios entre as probas para galego e para castelán (cuestión xa denunciada pola CIG-Ensino no seu día). Mentres no caso de Lingua galega o tipo de texto proposto e as cuestións sobre el realizadas eran totalmente axeitados, o texto en español era dunha tipoloxía e unha especificidade coa que o alumnado non traballa habitualmente nese nivel e con preguntas moi subxectivas e abertas, como por exemplo: “¿Estás de acuerdo con la afirmación de que “Internet es una de las fuerzas propulsoras de la globalización?” Este é o tipo de preguntas dirixidas ao alumnado de segundo da ESO, que ten 12 ou 13 anos.

Neste caso, o profesorado trasladounos a súa preocupación, que tamén é a nosa, polo feito de que obxectivamente se pode dar o caso, á vista dos textos e das preguntas realizadas, de que os resultados das probas se queiran utilizar para dicir que o alumnado galego precisa reforzar o ensino en español, cun novo e retorto argumento destinado, unha vez máis, a lle restar horas ao noso idioma, para alén da valoración implícita de que para tratar cuestións de carácter científico e de actualidade a lingua a empregar é o español.

Ante este cúmulo de despropósitos, a CIG-Ensino esixe que cando a Administración realice a corrección de contraste destas probas teña en conta a inadecuación manifestada en todos os casos e que, de cara ao futuro evite estes desaxustes nas probas para que non se utilicen os resultados de maneira perversa e si sirvan para dar conta dunha maneira obxectiva e real, do nivel de competencia do alumnado galego

Volver