A CIG-Ensino denuncia a diminución do horario de impartición en lingua galega provocado pola LOMCE

A CIG-Ensino denuncia tamén a marxinación do noso idioma na Circular dirixida aos auxiliares de conversa

A modificación da carga lectiva dalgunhas materias que provocou a implantación da LOMCE ten como consecuencia a diminución do horario de impartición en lingua galega, xa de por si moi reducido por mor da imposición do Decreto 79/2010. Por esta razón, a CIG-Ensino vén de exixirlle ao conselleiro de Educación unha actuación de urxencia para que a Xunta adecúe as áreas que hai que impartir obrigatoriamente na nosa lingua e levante o veto para impartir certas materias en galego, nomeadamente Matemáticas, Física e Química e Tecnoloxía. A CIG-Ensino advirte que, se esta corrección non se produce, levará a cabo os procedementos legais correspondentes.


Coa LOMCE, a anterior materia denominada Ciencias Naturais, con 7 sesións lectivas (4 en 1º da ESO e 3 en 2º) pasa agora a desagregarse en Bioloxía e Xeoloxía e Física e Química, reducindo a súa carga lectiva a seis sesións: 4 en 1º da ESO e 2 en 2º, no caso de Bioloxía e Xeoloxía, e ningunha en Física e Química, materia para a que o Decreto 79/2010 prohibe o uso da nosa lingua.  Esta situación provoca a diminución do horario en lingua galega, xa de por si moi reducido por mor da imposición do Decreto 79, sen que a Consellaría teña adoptado ningunha medida para garantir o emprego da nosa lingua na xa exigua carga lectiva que lle permite o dito decreto.



Circular enviada aos centros en español


A CIG-Ensino reclama tamén a rectificación urxente da Dirección Xeral de Educación que dirixiu unha circular aos centros, dirixida aos auxiliares de conversa escrita exclusivamente en español. “Trátase dunha decisión totalmente desapropiada, mesmo porque esta circular en español até lles foi enviada aos auxiliares de conversa en portugués –explica Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino- Significa unha renuncia ao noso idioma , un incumprimento da normativa no relativo á lingua oficial da Administración e unha decisión interesada ao ocultarlle ás persoas que realizan este labor a existencia e o estatus da nosa lingua propia”.


“Todas estas actuacións son novas mostras do desleixo da Consellaría de Cultura e Educación co noso idioma, desentendéndose e mesmo actuando en contra do que debe ser a súa obriga primeira: velar pola normalización plena e efectiva da lingua de noso. Por isto, a CIG-Ensino esixe a rectificación inmediata, ampliando as materias a impartir en lingua galega, e o envío da circular no noso idioma”, engade Anxo Louzao.

Volver