A CIG-Ensino denuncia a culminación dun proceso ilexítimo pensado para rebaixar a presenza do noso idioma no ensino

Entrega dos inquéritos nas delegacións provinciais

Vén de rematar o prazo de entrega do Inquérito-trampa realizado pola Consellaría de Educación. Desde o momento en que a Consellaría anunciou a súa intención de realizar unha enquisa e moito máis unha vez que a tivemos na nosa man, a CIG-Ensino denunciou a ilexitimidade do proceso, a súa inadecuación e ausencia de garantías e que estabamos por tanto ante unha manobra deseñada expresamente para xustificar a postura intransixente da Consellaría empeñada na derrogación do Decreto 124/2007 de uso da nosa lingua no ensino, para reducir a presenza do galego no ensino.

A CIG-Ensino denuncia a culminación dun proceso ilexítimo pensado para rebaixar a presenza do noso idioma no ensino


A CIG-Ensino fixo concentracións simbólicas nas catro Delegacións Provinciais da Consellaría de Educación para chamar a atención sobre a fraude que representou a enquisa contra o galego, presentando un escrito á Consellaría en que lle transmitiamos o seguinte:


Vén de rematar o prazo de entrega do Inquérito-trampa realizado pola Consellaría de Educación. Desde o momento en que a Consellaría anunciou a súa intención de realizar unha enquisa e moito máis unha vez que a tivemos na nosa man, a CIG-Ensino denunciou a ilexitimidade do proceso, a súa inadecuación e ausencia de garantías e que estabamos por tanto ante unha manobra deseñada expresamente para xustificar a postura intransixente da Consellaría empeñada na derrogación do Decreto 124/2007 de uso da nosa lingua no ensino, para reducir a presenza do galego no ensino.

O desenvolvemento do proceso deulle a razón á CIG na súa denuncia. Foi un proceso inzado de incidencias, en que se foron visibilizando unha a unha todas as irregularidades que o poñen en entredito e que puxo de manifesto a clase de goberno que temos que non ten reparo ningún en chegar enviar instrucións anónimas e ameazantes contra a comunidade educativa, instrucións que foron postas en cuestión polo auto do TSXG ao recoñecer que non se pode impedir o dereito de opinión, información ou reunión.

A CIG-Ensino denuncia que a Consellaría de Educación tentou vulnerar os dereitos fundamentais e pretendeu converter os centros nun canle de pensamento único e adoutrinamento parcial e sesgado.  Tentou que non se puidese informar sobre o verdadeiro carácter da consulta e do que significaba con respecto ao Decreto en vigor, pois isto entraría en contradición coa súa postura de insistencia na mentira da imposición e contraria ao Decreto, malia que a súa  legalidade foi confirmada polo propio Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.

A Consellaría usou de xeito partidista a educación e tentou censurar opinións diferentes á súa, que o único que procuraban era dar outra opinión a quen se lle pedía que participase nunha consulta amañada, prohibindo que se dera información da propostas das organizacións sindicais e movementos de renovación pedagóxica, equipas de normalización lingüística, ANPAS, etc... contradicindo o que reflicten os preceptos legais de promoción e uso do galego recollidos na actual normativa, e incumpríndoa ao non enviar a documentación e as instrucións tal e como recolle o artigo 2.1. que establece que a Administración Educativa usará a lingua galega nas súas comunicacións orais e escritas.

A irresponsabilidade da Consellaría de Educación fíxose visíbel tamén en que obrigou á realización deste proceso no momento de máis traballo nos centros, coincidindo co fin de curso, cargando sobre as direccións, en contra da súa vontade, encomendas que lle son alleas e mesmo contrarias aos seus cometidos, esixíndolle ao mesmo tempo a custodia destes documentos e obrigándoos  a recoller datos  que poden conculcan a Lei de protección de datos.

            Non nos cabe dúbida de que a Consellaría realizou este inquérito tendencioso, que impide expresar a vontade dos que están a favor do ensino en galego, co único obxectivo de xustificar a involución na normalización lingüística, única preocupación da Consellaría de Educación que está a desatender outras cuestións fundamentais do ensino. Anuncian austeridade e aforro, mais non teñen ningún problema en gastar grandes sumas de euros nesta enquisa, unha enquisa amañada para sacar adiante un Decreto que pretenden que reduza a presencia do noso idioma no ensino.

            Por último non estamos ante un tema que só afecte ao sistema educativo como servizo público. O dereito á escolarización e os obxectivos que debe procurar a educación e a vehiculización do ensino en galego son cuestións que afectan ao conxunto da sociedade e non exclusivamente aos pais e ás nais.

 

Volver