A CIG-Ensino denuncia a arbitrariedade da Xunta no IES Antón Fraguas de Santiago á hora de non concederlles docentes de reforzo

Esta mañá representantes do sindicato participaron na concentración convocada pola ANPA e as familias do alumnado de 1º de Bacharelato afectado pola semipresencialidade de acudir en días alternos ao centro

Malia contar con espazos  suficientes para desdobres e dispoñibilidade do centro para axustar horarios e grupos, a Consellaría de Educación non lle concedeu os seis docentes que se pedían para garantir o ensino presencial dos catro grupos de 1º de Bacharelato e equipararse así á maior parte dos institutos de secundaria de Galiza.

A piques de se cumprir o primeiro mes desde o inicio de curso as carencias formativas fanse máis que evidentes naqueles centros nos que non se atenderon as demandas de maior dotación de profesorado. É o caso do IES Antón Fraguas de Santiago que leva todo este tempo co alumnado de 1º de Bacharelato acudindo en días alternos ao centro, en concreto unha semana os luns, mércores e venres e á semana seguinte os martes e xoves. Esta situación está a provocar unha discriminación con respecto ao resto de centros nos que o ensino deste nivel educativo é 100% presencial e mesmo dentro do propio alumnado do IES Antón Fraguas porque non todo el ten acceso á conexión e ás tecnoloxías precisas para seguir o fío das clases nos días nos que permanecen no seu domicilio. 

Hoxe representantes da CIG-Ensino, entre eles o secretario de Acción Sindical, Diego Boquete, e o secretario comarcal, Rubén F. Monteagudo, participaron na concentración convocada pola ANPA e as familias afectadas para esixirlle á Consellaría que rectifique e conceda os 6 docentes necesarios para garantir a presencialidade de todo o alumnado deste curso de Bacharelato. Desde o sindicato consideran que “habendo espazos e dispoñibilidade do centro non se entende a actuación da Consellaría se non é por cuestións arbitrarias dependendo do centro do que se trate” e instan a que se rectifique e non se discrimine máis a un alumnado que ten que ter os mesmos dereitos que o do resto de Galiza.

 

Volver