A CIG-Ensino denuncia a actitude prepotente e autoritaria da Consellaría de Educación e a negociación á marxe da Mesa Sectorial dos criterios de agrupamento en infantil e primaria

Agrupamentos de alumnado de infantil e primaria

Comunicado da CIG-Ensino no que se denuncia publicamente a actitude escurantista que está a presidir a negociación sobre os agrupamentos. Por outro lado a CIG quere denunciar a actitude prepotente e autoritaria da Consellaría nas Mesas de Negociación.
A CIG-Ensino denuncia a actitude prepotente e autoritaria da Consellaría de Educación e a negociación á marxe da Mesa Sectorial.
 

A CIG-Ensino denuncia publicamente a actitude escurantista que está a presidir a negociación sobre os agrupamentos, con reunións á marxe da Mesa Sectorial, e deixando fóra á CIG, que representa a mías do 40% do profesorado do ensino público non universitario. Fronte á postura de CCOO, UGT, ANPE e STEG, que aceptaron a proposta da Consellaría, a CIG rexeitou o acordo porque entendeu perfectamente que estabamos ante un acordo pensado exclusivamente para reducir unidades, mais que en ningún caso sería utilizado para reducir as rateos que seguen en vigor (neste mesmo momento están establecendo unidades de infantil con 25 alumnos da mesma idade).

A CIG-Ensino reclamou desde o primeiro momento que os agrupamentos deberían ter carácter excepcional e que se debía contar coa opinión dos centros baixo criterios pedagóxicos e non economicistas, ademais tamén reclamamos a redución das rateos. A CIG xa denunciou no seu día (Ver Informa) que estabamos ante un acordo que non supoñía avance ningún na calidade do ensino nin melloraba o que se viña facendo na actualidade. Ademais supón: 

  1. Establece o carácter obrigatorio dos agrupamentos.
  2. Mantén as rateos de 25 alumnos por aula, cando son da mesma idade, tamén en Infantil, malia figurar no programa do PP que a rateo debería de ser 15.
  3. Establece un número moi alto de alumnos para os agrupamentos entre ciclos de Primaria.
  4. Contempla a posibilidade de realizar agrupamentos entre diferentes etapas e entre os tres ciclos de Primaria.
  5. Non recolle a posibilidade de reducións das rateos establecidas para agrupamentos no caso de escolarizar alumnos con necesidades educativas, inmigrantes, apoios… Cuestión que está sendo confirmada polos propios inspectores estes mesmos días (supresións que se sumarán ás que xa estaban previstas) e non considera que os repetidores deban computar máis ca un alumno que non repite.

Agora as organizacións sindicais que se mostraron dispostas a asinar comproban o que a CIG xa denunciou. Por este motivo, desde a CIG facemos un chamamento a que non asinen este acordo e esixan que volva á Mesa Sectorial para que continúe a súa negociación. Podedes ler o CIG Informa coa postura da CIG Ensino de cara a non asinar o acordo de Agrupamentos de Infantil e Primaria: Ligazón

Por outro lado a CIG quere denunciar a actitude prepotente e autoritaria da Consellaría nas Mesas de Negociación. Na Mesa de hoxe a Consellaría negouse a responder que criterio vai seguir cos centros privados que segregan alumnado por sexos, e por tanto incumpren a LOE, e solicitaron concerto educativo. O Director Xeral de Innovación Educativa e FP chegou dicir que non tiñan por que darnos esa información na Mesa Sectorial, e así negouse a responder. Tamén se negaron a responder á cuestión que lle presentamos sobre que van facer agora coas enquisas sobre a utilización do noso idioma.

A súa actitude ditatorial e autoritaria quedou patente cando pretendeu interromper á CIG negándolle o seu dereito a pronunciarse sobre o programa de gratuidade de libros de texto, que de todas maneiras criticamos enerxicamente porque supón un grave retroceso, especialmente nun momento de crise económica, porque só se poderán acoller unhas poucas familias e porque, en contra do que se di, non vai supor ningún aforro para a Administración.

 
 
 
Santiago, 6 de xullo de 2009

Volver