A CIG-Ensino demándalle á Consellaría que aboe sen máis demora os descontos das baixas superiores a 90 días

Así mesmo insta á Xunta a que, de cara ás baixas actuais e futuras, este pagamento se faga de oficio.

Esta situación derívase de que a administración galega excluíu o persoal mutualista do complemento que debe aboar para que a contía das baixas, a partir do cuarto mes, se equipare ao 100% do salario. Varias sentenzas obrigan á administración a pagar este complemento, para non discriminar o funcionariado adscrito a MUFACE con respecto ao que pertence á Seguridade Social.

Ante as dúbidas xeradas sobre a recuperación das cantidades descontadas nos últimos cinco anos ao estar de baixa durante máis de tres meses, a CIG-Ensino vén de remitirlle un escrito á Consellaría no que a insta a aboar canto antes as contías devindicadas. Neste sentido, desde o sindicato explican que, tras unha baixa de 90 días, as mutualistas de MUFACE pasan a cobrar de dous pagadores. Por un lado, cobran da Consellaría de Educación as retribucións básicas e, por outro, un “subsidio” de MUFACE consistente na maior das contías entre as seguintes:

  • 75% das retribucións complementarias do 3º mes de baixa.
  • 80% das retribucións básicas incrementadas cunha sexta parte dunha paga extra correspondente ao 3º mes de baixa.

Coa entrada en vigor da Lei 1/2012, na que figuran os descontos que nos fan por enfermar, indícase que a partir do día 21 de baixa os e as funcionarias cobrarán o 100% das súas retribucións. Porén, o persoal de MUFACE quedou excluído desta situación, ao non recoller a Administración galega o pagamento dun complemento a partir do día 91 de baixa, que serviría para cubrir a diferenza existente entre o que suma o subsidio de MUFACE máis as nosas retribucións básicas e o que percibiriamos de estar en activo. 

Cómpre ter en conta que esta diferenza foi especialmente avultada entre os anos 2012 e 2016 pola eliminación no subsidio de MUFACE do complemento específico da paga extra. No ano 2017, coa recuperación do específico completo nas extras as diferenzas son menores mais, sexan cales sexan, unha recente sentenza ditaminou que a partir do 4º mes de baixa temos que cobrar o 100% das nosas retribucións e que, se non alcanza co subsidio de MUFACE, debe ser a Xunta quen pague esa diferenza.  

A Consellaría, disposta a aceptar as reclamacións en vía administrativa, mais con problemas para xestionar eses pagamentos

En maio de 2017 a CIG-Ensino solicitoulle á Consellaría que lle recoñecese a todo o profesorado galego os efectos da xurisprudencia que obrigaba á administración educativa a pagarlle ao profesorado de MUFACE un complemento que cubrise a diferenza entre o 100% das retribucións e a contía que se percibe cando se entra no 4º mes de baixa. A Consellaría negouse até o momento a facelo de oficio con carácter retroactivo. O único paso positivo dado foi a información de que está disposta a pagar esa diferenza, sempre e cando as persoas afectadas presenten unha reclamación en vía administrativa. Sen embargo, problemas internos na Xunta están provocando que non se estea a pagar con axilidade esas reclamacións. Desde o sindicato vimos de solicitarlle que resolvan os atrancos internos e que paguen con celeridade a quen reclame. 

A CIG-Ensino pide o pagamento de oficio nas baixas actuais e de futuro

Desde a CIG-Ensino vimos tamén de demandarlle á Consellaría que faga as xestións oportunas para pagar de oficio esa diferenza co subsidio de MUFACE a todas as persoas que agora mesmo entraron no 4º mes de baixa ou que o vaian facer no futuro. Sería un despropósito que todas as novas baixas tivesen igualmente que seguir reclamando cando hai un mandato xudicial claro a este respecto. 

Que facer se estamos nesta situación?

Se nos últimos 5 anos (sempre contados desde o día no que se rexistre a reclamación) unha mutualista tivo unha baixa que se prolongou máis alá dos 3 meses pode presentar unha reclamación para que lle aboen as diferenzas. 

Se está actualmente de baixa a recomendación, de momento, é non facer nada á espera de ver se a Xunta atende a nosa solicitude e paga de oficio sen ter que reclamar. Hai que ter en conta que o prazo para facelo é de 5 anos. No caso de que non haxa novidades nas próximas semanas e se remate a situación de incapacidade temporal, desde a CIG-Ensino animamos a todo o persoal afectado a que presente igualmente unha reclamación.

A CIG-Ensino demándalle á Consellaría que aboe sen máis demora os descontos das baixas superiores a 90 días

Documento


Volver