A CIG-Ensino demanda un maior apoio da Consellaría de Educación ás Escolas de Arte de Galiza
O sindicato detecta carencias na promoción destas ensinanzas e falta de coordinación nas probas de acceso
As Escolas de Arte e Superiores de Deseño de Galiza carecen, a día de hoxe, dunha auténtica política de promoción por parte da Consellaría de Educación.
Os estudos destes centros educativos, nos que se imparten titulacións equivalente a graos universitarios ao tempos que ciclos formativos de FP, non teñen a mesma visibilidade que as ensinanzas universitarias ou a Formación Profesional, o que provoca que non se atopen en pé de igualdade con elas. A este respecto, a CIG-Ensino quere manifestar o seguinte:
A Consellería de Educación non publicita debidamente estes estudos contribuíndo á súa posta en valor, como así fai con outros ciclos de Formación Profesional e Graos Universitarios.
Hai que ter en conta que os estudos de deseño teñen a consideración de Grao Universitario, mais a Consellaría fai coincidir as probas de acceso para as Escolas coa ABAU, como aconteceu este mes de setembro, ou poñéndoas inmediatamente antes como fixo en xuño, pechando deste xeito unha posibilidade para que o alumnado poida optar por eles.
O sistema educativo galego ten que optimizar os seus recursos, ampliando o abano de opcións para o estudantado. Polo tanto, debe tomar as medidas oportunas para que non coincidan as datas destas probas, ao mesmo tempo que se implica activamente para dalos a coñecer entre o alumnado.