A CIG-Ensino demanda o remate do boicot da Xunta ao galego nas materias científicas

Nestes últimos días a Real Academia Galega vén de incorporar e actualizar 168 termos matemáticos no seu Dicionario grazas á colaboración dun grupo de persoas expertas a raíz dun encontro sobre terminoloxía matemática.

O sindicato saúda os traballos para poñer en valor e actualizar a terminoloxía matemática e anima o profesorado a impartir as materias técnicas na nosa lingua.

A Real Academia Galega vén de incorporar  168 termos matemáticos no seu Dicionario froito do traballo dun grupo de especialistas nesta área. Unha medida normal, nun país normal onde o persoal docente e técnico especialista das diferentes materias achegan o seu saber ao acervo común do noso idioma. Unha ferramenta, por outro lado, moi útil para o alumnado e o profesorado galego. Este traballo únese a moitas actividades e iniciativas que, a título individual ou no seo de colectivos e asociacións, se levan desenvolvendo no noso país para dotarnos de recursos propios na nosa lingua en todos os campos do coñecemento, tamén nos técnicos e científicos.

Mais nunha realidade paralela, o goberno da Xunta segue proscribindo o noso idioma das aulas galegas en materias como as Matemáticas, a Física e a Química ou a Tecnoloxía desde o inicio da ofensiva do PP co Decreto de Plurilingüísmo. Unha norma que trata con desleixo o traballo de moitos homes e mulleres que apostan por un idioma vizoso, que se move coa sociedade actual e ao que lle furtan a posibilidade de calcular hipotenusas e raíces cadradas ou traballar con polinomios empregando a nosa lingua.

Despexemos a incógnita: multipliquemos a forza do noso idioma

A solución ao problema provocado pola acometida da Xunta ao galego precisa de varios compoñentes: temos profesorado e temos idioma mais non temos ferramentas e escasean os materiais porque están secuestrados por unha Consellaría que leva o noso idioma cara un barranco. Mais é unha realidade que a suma dos tres factores supón un efecto multiplicador para romper as barreiras que a política da galegofobia impuxo. Por iso, desde a CIG-Ensino animamos a todo o profesorado a impartir as aulas en galego nas materias nas que a Xunta lexisla a súa desaparición e a que dotemos o noso alumnado de todas as posibilidades para medrar e desenvolverse en galego. Só así conseguiremos que poidan converxer o que hoxe son rectas paralelas: a política lingüística da Xunta por un lado e, por outro, as potencialidades que o noso profesorado é quen de desenvolver para pór en valor a lingua galega.

A CIG-Ensino demanda o remate do boicot da Xunta ao galego nas materias científicas

Documento


Volver