A CIG-Ensino demanda o pagamento das subas salariais ao persoal das universidades con contratos de investigación

O sindicato considera non axustada a dereito calquera limitación na aplicación das subas salariais ao persoal vinculado ao convenio colectivo

As tres universidades galegas, con diferentes criterios e ritmos cada unha delas, non van facer efectivo con carácter universal o pagamento das subas salariais aprobadas para o conxunto do persoal do sector público ao seu persoal investigador en formación con contratos predoutorais nin tampouco ao persoal con contratos posdoutorais. Na mesma situación estaría o conxunto do persoal contratado con cargos a proxectos de investigación.

Estas subas salariais, claramente insuficientes e que condenan ás empregadas e empregados públicos a perder poder adquisitivo durante os anos 2022 a 2024, froito do “pacto de perdas” estatal, non se lle van aplicar a unha parte importante do persoal investigador e en formación contratado en réxime laboral nas tres universidades. Algunha das universidades decidiu aboar os atrasos do 1,5% de 2022 a unha parte do colectivo e outra decidiu non aboarllo a ninguén con esta modalidade de contratos.

Para a CIG-Ensino estas decisións son contrarias a dereito porque incumpren o Convenio Colectivo do PDI das tres universidades públicas galegas que recolle expresamente no seu artigo 33 o dereito a unha cláusula de revisión salarial , indicando que “onde non quede explicitado neste convenio, a contía das retribucións experimentará, durante a súa vixencia, as variacións que se aproben con carácter xeral para o persoal ao servizo do sector público”.

Para alén do propio Convenio Colectivo, a decisión das universidades galegas tamén iría en contra do ditame do Tribunal Supremo que, nunha sentenza vinculada a un caso idéntico relacionado cunha suba salarial nas universidades de Madrid, ditaminou que darlle un trato diferente ao colectivo de persoal investigador contratado con cargo a programas financiados por outras administracións é unha actuación inxustificada que supón unha vulneración do dereito á igualdade de trato entre todo o persoal amparado polo mesmo Convenio Colectivo. 

A CIG-Ensino vén de se dirixir aos tres reitores solicitando unha rectificación e, consecuentemente, o aboamento dos atrasos correspondentes ao 2022 e a suba do 2,5% do 2023. Que unha suba tan exigua, xa por baixo da evolución da carestía da vida que fai perder poder adquisitivo ao conxunto das traballadoras e traballadores das universidades públicas, non se lle aplique a contratados pre e posdoutorais non fai máis que incidir na precariedade salarial.

O sindicato apela á responsabilidade dos tres reitores aplicando a suba salarial para evitar unha nova xudicialización dun conflito laboral.

 

Volver