A CIG-Ensino demanda na Mesa de Educación do Estado a anulación definitiva da taxa de reposición no sector educativo e un novo sistema de acceso

Ante a incerteza xerada ao respecto da celebración das oposición este ano, o sindicato esixiralle á Consellaría de Educación, que é a que ten competencias sobre este tema, que tome unha decisión canto antes para despexar as dúbidas das persoas aspirantes

Nunha reunión por videoconferencia mantida na mañá do 20 de marzo o Ministerio de Educación presentou unha modificación do RD de acceso para garantir que as ofertas de emprego de 2020 teñan o amparo do acordo estatal. 

Convocadas polo Ministerio de Educación e FP (MEFP), a CIG-Ensino e as demais organizacións sindicais con representación na Mesa Sectorial de Educación do Estado (CCOO, STES, ANPE, CSIF, UGT e ELA), participamos na mañá do 20 de marzo nun encontro virtual por videoconferencia no que o Subsecretario de Estado do MEFP deu unha serie de informacións sobre a situación actual da pandemia do coronavirus e a súa afectación no eido educativo.

Neste sentido, o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, criticou a descoordinación da Consellaría de Educación nas primeiras 72 horas da aplicación da emerxencia sanitaria en Galiza, con instrucións contraditorias e que levaron ao sindicato a denunciar publicamente as decisións inicialmente adoptadas pola Xunta, cualificándoas de irresponsábeis e promovendo unha acción de presión nas dependencias de San Caetano até que finalmente a Consellaría ditou unha novas instrucións, claramente insuficientes, ao manter a obriga de que un membro do equipo directivo permaneza a diario en centros educativos sen actividade, feito que foi recorrido pola CIG-Ensino perante o Goberno español e a propia Xunta. A CIG-Ensino defendeu de novo que ningunha persoa deba ter a obriga de asistir ao centro educativo, para seguir coa indicación xeral de evitar os desprazamentos e respectar o confinamento e porque nos nosos centros non se está a desenvolver ningunha actividade que non se poida facer desde os domicilios, tanto polo conxunto do profesorado como polos integrantes dos equipos directivos.

Un cambio previsto no Real Decreto de acceso e ingreso que non garda relación coa crise do coronavirus.

O motivo central da convocatoria foi a necesidade do MEFP de modificar novamente o Real Decreto 276/2007 polo que se rexen as oposicións aos corpos docentes. A razón nace da contradición entre o texto reformado no ano 2018. O RD 84/2018 introduciu unha serie de cambios no sistema de ingreso con lixeiros retoques no baremo ou ampliación dos temas a sorteo, así como a extensión até a oferta de emprego de 2019 da posibilidade de ofertar máis prazas que as que son froito de xubilacións e defuncións (o que se denomina taxa de reposición), podendo ampliar a oferta con prazas estruturais ou vacantes ocupadas por persoal interino. Para que esa medida se poda estender ás OPE de 2020, o MEFP introduce agora esta modificación.

As oposicións docentes convocadas pola Xunta de Galiza están neste momento co prazo de presentación de solicitudes paralizadas pola situación de emerxencia e estado de alerta actual. A situación é moi diferente en cada comunidade. Hai quen ten prazos xa pechados, que os ten paralizados como Galiza e quen aínda non  publicou a convocatoria. De aí que a CIG-Ensino entenda, fronte a opinión dalgúns sindicatos, que debe ser cada administración a que decida que facer cos seus procesos selectivos e deixarmos de apelar constantemente a un “liderado” do Ministerio que por lei non lle corresponde. O propio Subsecretario remarcou que o MEFP non vai entrar nesa decisión e que será en cada ámbito territorial onde se decida. 

Por tanto, a dúbida que neste momento temos todas e todos sobre que vai pasar finalmente coa celebración dos procesos selectivos en Galiza non era tema desta Mesa, xa que nada ten que dicir  o MEFP ao ser competencia exclusiva da Consellaría de Educación, a quen a CIG-Ensino xa se dirixiu para que a decisión que se adopte a este respecto sexa prudente e respectuosa cos tempos, evitando que se estenda a incerteza das persoas aspirantes, para o que a Xunta ten que ter claro xa nestes momentos cal é o prazo límite para tomar a decisión e facelo canto antes.

A CIG-Ensino critica que se manteña unha situación restritiva de cara ás administracións autonómicas e esixe a anulación da taxa de reposición no ámbito educativo.

Como fixeramos no momento no que se aplicou no ensino público o acordo das organizacións sindicais CCOO, UGT e CSIF co anterior goberno de Rajoy, a CIG-Ensino volveu centrar as súas críticas no feito de que a superación da taxa de reposición teña un carácter puntual. Para o sindicato maioritario en Galiza a taxa de reposición debe ser suprimida para podermos voltar á situación previa a 2010, cando cada comunidade autónoma tiña plena competencia para ofertar as prazas docentes que considerase oportuno, sen estar atada pola taxa de reposición.  Todo o demais serán, como esta modificación, parches insuficientes.

O Subsecretario limitouse a expresar o seu desexo de que se poida acadar un pacto similar ao actual para vindeiros anos, dado que a porcentaxe media estatal de persoal interino é aínda moi elevada. Desde a CIG-Ensino incidimos en que dar unha resposta xeral a situacións diferentes é un erro e unha inxustiza. Nin é igual a situación de temporalidade no ámbito sanitario, o educativo ou da administración xeral, nin teñen nada que ver as cifras de interinidade nas diferentes nacións ou rexións do Estado.

A necesidade dun novo sistema de acceso que teña en conta a situación do persoal interino.

A CIG-Ensino voltou pór enriba da mesa a necesidade de adoptar medidas extraordinarias que permitan que se dean as máximas garantías tanto ao persoal interino que durante os anos da crise foi encadeando contratos de prazas vacantes e que deberían ter sido ofertadas nas OPE de cada ano, como tamén as de todas as persoas que acceden sen experiencia previa no ensino público.

Se desde o sindicato xa levamos anos instando ao Goberno a que se introduza nunha Lei Orgánica (e a próxima negociación da LOMLOE no Congreso pode permitilo de novo) a dobre vía como mecanismo excepcional para o ingreso na docencia, cun sistema simultaneo de convocatorias que atenda, por un lado, ao recoñecemento do profesorado interino do ensino público (nas prazas estruturais que veñen ocupando desde hai anos) e do conxunto de persoas aspirantes (para a taxa de reposición).

Os continuos vaivéns da xustiza, incluída a sentenza do TXUE do 19 de marzo, que deixa nas mans dos tribunais españois a decisión de como sancionar o abuso na contratación temporal, son ademais un argumento de total relevancia para adoptar esta medida extraordinaria. Por tanto, e en opinión da CIG-Ensino, fóra deste parche puntual que presenta o MEFP, debe abrirse canto antes unha negociación, tanto no ámbito lexislativo como no sindical para adoptar unha reforma que responda a estas demandas.

O Subsecretario afirmou novamente que non é intención do Ministerio abordar vías de ingreso como as que propoñemos e que se limitarán de momento a esta modificación puntual, para posteriormente negociar na Mesa un Estatuto Docente que partiría do texto que o propio PSOE xa deseñou no ano 2007, así como a un novo sistema de acceso.

Volver