
A CIG-Ensino demanda liñas políticas básicas da Consellaría de Educación ao respecto da Saúde laboral e a Prevención de Riscos
Saúde laboral
CIG-Ensino demanda actuacións claras na prevención de riscos e saúde laboral no ensino
Despois de meses de parálise, a
Consellaría dá tímidos pasos para cumprir os compromisos acadados para este
curso, en materia de Prevención de Riscos e Saúde Laboral.
-Dos 55 centros que estaban previstos avaliar non se fixo nin a metade, e dos que se fixeron non temos información clara. Tamén houbo acordo en visitar aqueles centros que estaban en obras, para resolver aspectos de seguridade antes de rematalos. Non cumpriron o acordado.
-A Consellaría comprometeuse a impartir 4 cursos de formación para delegadas/os de prevención nas catro provincias, no primeiro semestre do 2007. Rematamos o curso e non se celebrou ningún. Segundo as últimas informacións,
teñen previsto realizalos o curso que ven, (para persoal docente e non docente),
mediante un convenio co EGAP . En consecuencia, un retraso importante, tendo en conta que os delegados e delegadas de prevención constitúen os Comités Provinciais desde hai un ano.
-As futuras coordinadoras e coordinadores de seguridade dos centros educativos seguen sen nomearse, cando estaba comprometido ter para o curso que ven o seu perfil de funcións, a formación semellante ós delegados/as de prevención e un estudio coa Subdirección Xeral de Persoal para afrontar un posible crédito horario. Nada de isto está feito.
-Fixéronnos entrega dos modelos dos PLANS DE AUTOPROTECCIÓN que están enviando ós centros. Desde a CIG, reiteramos a nosa crítica a que sexan os equipos directivos os máximos reponsables para cumprimentalos. Hai aspectos técnicos que deben recaer nos servizos que para tal efecto posúe a Consellaría.
-Outro dos compromisos era elaborar diversas publicacións e páxina web para, entre outros obxectivos, dar a coñecer o servizo e “difundir a cultura preventiva”. Parece ser que, para o próximo curso haberá algún díptico xeral e un específico para automoción. Na CIG cremos que a estas alturas é insuficiente e teríase que poñer en marcha campañas máis activas dirixidas a prevención de riscos específicos e emerxentes.
Por outra banda, parécenos inaceptable, que despois de ter pedido en reiteradas ocasións, neste comité e nos comités provinciais,os datos ó respecto das baixas dos docentes e non docentes, a Consellaría as faga públicas nun xornal( La Voz, domingo 3 de xuño 2007) antes de entregárllelos oficialmente ás centrais sindicais. Extraoficialmente, parece que hai algunha organización que xa os ten.
Comparativamente coa Administración Pública e con Sanidade, a situación no ensino é vergonzosa, é así seguirá nos próximos anos, tendo en conta o retraso dos 13 anos desde que se aprobou a Lei de Prevención e a dotación de medios e orzamento das que dispón o servicio de Prevención. Parece que os traballadores do resto da Admón. Pública teñen a consideración necesaria para manter o seu dereito á axustar o horario no verán e mellorar paulatinamente no eido da saúde laboral. No ensino esta situación non se da.
No que respecta ó persoal non docente, non está claro se este ano van ter vixilancia da saúde, xa que a Administración Xeral, que era a que o viña facendo nos últimos anos, decidiu que se fixera cargo a Consellaría de Educación , xa que é a verdadeira responsable. Son precisos informes xurídicos para saber se a Mutua Gallega pode asumilo xa que non ten relación contractual coa Consellaría de Educación.
A vixilancia da saúde para o persoal docente está en punto morto. Non parece que sexa unha prioridade para esta Consellaría.
Por todo isto, a CIG-ENSINO quere propoñer:
1. Renegociar o acordo do 2004 e melloralo.
2. Traer a debate para o próximo Comité Intercentro, un documento onde se plasme claramente as liñas política básicas da Consellaría de Educación ó respecto da Saúde laboral e a Prevención de Riscos do persoal que traballa nos centros de ensino. Este documento deberá recoller propostas das dúas partes do Comité, acordalas e facelas públicas.
3. Elaborar un plano de prevención marco, onde aparezan as liñas mestras aprobadas no anterior documento, un manual de Seguridade e saúde, unha planificación preventiva anual, avaliación de riscos e a vixilancia da saúde, así como as memorias que se vaian xerando. A avaliación de riscos debería centrarse, fundamentalmente, nos riscos ergonómicos e psicosociais, xa que son os de máis incidencia no sector docente.
4. Dotar con orzamentos e medios humanos o servizo de PRR e Saúde Laboral para poder acordar obxectivos moito máis ambiciosos e avanzar a bo ritmo cara unha mellora na saúde laboral do sector docentes.
Así mesmo, crear os servizos de prevención nas catro Povincias e nas cidades de Ferrol e Vigo, con dotación suficiente para desenvolver axeitadamente o traballo.
5. Aprobar un calendario de execución para chegar a tódolos centros educativos do país.
6. Reconsiderar o programa de formación para as delegadas/os de prevención e as coordinadoras/es para axustarse ó espírito da Lei, e posteriores documentos, onde queda claro, que a formación debe estar deseñada para o sector, e así facela práctica e útil:
· artigo 19 da Lei de Prevención di que a formación teórico-práctica será “suficiente e axeitada” .
· Na modificación posterior recollida na Lei 54/2003 reitera dun xeito contundente que “quedan proscritas” aquelas ensinanzas que só cumpren función documental sen adaptarse ó sector ó que vai dirixido.
· Na adaptación da Lei de Prevención a Administración Publica no artigo 7 punto 2 fai referencia ó Anexo III, onde describe os criterios básicos singulares para a formación dos distintos sectores.
· Nas Estratexias Comunitarias de Saúde e Seguridade no traballo para o 2007-2012 da U.E. pide “promover os cambios de comportamento”, tamén na formación.
Dende a CIG entendemos que os programas formativos deben axeitarse, o máis explicitamente, ó desempeño do traballo no centro, non sendo igual para os distintos tramos educativos nin para todo o persoal.
7. Garantir que para o próximo curso, que os delegados e delegadas de prevención teñan o seu nomeamento e abonados os desprazamentos feitos, así como un protocolo normalizado para solicitalo.
8. Presentar as alternativas posibles para a liberación horaria das delegadas e delegados de prevención.
9. Poñer en marcha a vixilancia da saúde do profesorado, ó máis tardar, para o primeiro semestre do curso que ven, a través dos mecanismos que a Consellaría, previa aprobación no Comité Intercentros, ten a súa disposición.