A CIG-Ensino demanda da consellaría de educación unha maior implicación na posta en marcha do decreto que regula o uso e promoción da lingua galega no sistema educativo

Normalización lingüística

A CIG-ENSINO demanda unha maior implicación da Consellaría de Educación na posta en marcha do Decreto 124/2007 que regula o uso e promoción da lingua galega no sistema educativo, pois ten detectado algúns feitos que poñen en entredito o compromiso da Consellaría e que deberían ser mellorados.

O problema fundamental vén da inexistencia de asesoramento e comunicación cos Equipos de Normalización Lingüística para a posta en marcha do Decreto. Desde a CIG-ENSINO consideramos que a Consellaría debeu contactar cos Centros Educativos ao finalizar o curso pasado para comunicarlles os trámites necesarios para a aplicación efectiva do Decreto. Unha vez máis Educación delegou no voluntarismo do profesorado e non se preocupou de que todos os centros educativos adoptasen os mecanismo necesarios en tempo e forma para que o Plan Lingüístico de Centro, documento en que figura a relación de materias a impartir en galego, poida estar presentado ante a inspección o 30 de setembro tal e como recolle o Decreto. Mais esta xestión sería tamén necesaria para garantir que na mesma data en que se inicia o curso, o 12 e o 19 de setembro, todo o profesorado coñeza se a súa materia vai ser ou non de impartición en galego, algo que a data de hoxe non está garantido.
 
Estamos a falar dun Decreto chave para a normalización do noso idioma, empresa que require do compromiso activo e constante da Consellaría de Educación, pois sabemos que esta falta de compromiso pode implicar, como implicou no seu día, e incumprimento do Decreto e, por tanto, que non sirva para frear o proceso de desgaleguización que viven as xeracións máis novas.
 
Por outro lado, a existencia de casos puntuais de incumprimento do Decreto xa nestas datas, como acontece na EOI de Ribadeo, onde os impresos de matrícula non se axustan estritamente ao que regula o artigo 2.2. do Decreto antedito, poñen de manifesto que a Consellaría debería implicarse moito máis nesta tarefa.
 
Desde a CIG-ENSINO facemos un chamamento á Consellaría de Educación para que adopte un papel activo nesta tarefa que supoña o cumprimento do Decreto, informando e formando o profesorado e asesorando os Equipos de Normalización, en definitiva, poñendo cantas ferramentas sexan necesarias para a mellor posta en marcha e o cumprimento efectivo do que no Decreto se recolle.

Volver