A CIG-Ensino demanda ao Ministerio que negocie canto antes as titulacións de acceso ás especialidades de FP
A regulación das titulacións equivalentes a efectos de docencia para o ingreso nas especialidades até agora do corpo de PTFP é necesaria para os procesos selectivos que se convocarán neste ano 2022
O sindicato maioritario do ensino público en Galiza, á espera de que se produza a convocatoria da Mesa Docente solicitada por escrito o día 21 de marzo, e unha vez que se aprobou no Senado a LOFP, solicita que nesa proposta ministerial se incorpore a determinación das titulacións declaradas equivalentes a efectos de docencia para o ingreso nas diferentes especialidades vinculadas á Formación Profesional, tanto as que se integran no corpo de PES como as que pasan a formar parte do novo corpo de Profesorado Especialista en Sectores Singulares da FP. Así o fai constar Suso Bermello, o secretario nacional da CIG-Ensino, nun escrito dirixido ao Secretario Xeral Técnico do Ministerio de Educación e Formación Profesional á Secretaria Xeral de Formación Profesional.
O profesorado interino actual e as persoas que queiran acceder á función pública docente, precisan que esa regulación estea aprobada canto antes, xa que de non ser así, poñeríase en perigo a convocatoria dos procesos selectivos derivados da Lei 20/2021 para todas as novas especialidades do corpo extinguido de PTFP e que, en todo caso, deben publicarse antes de finalizar o ano 2022.
A posición da CIG-Ensino
A proposta do Ministerio de Educación é imprescindíbel para despexar calquera dúbida sobre as titulacións coas que se permita opositar ou continuar nas listas de contratación. A posición do sindicato, como xa lle consta ao ministerio, é clara: non se pode limitar a continuidade de quen veu desempeñando o seu traballo na FP, polo que se debe garantir, como mínimo, que as titulacións actualmente declaradas equivalentes a efectos de docencia se manteñan como válidas, con independencia de que se poidan incorporar outras melloras no proceso de negociación. Deste xeito, as diplomaturas e equivalentes nas especialidades que pasan ao corpo de PES, recollidas no actual Anexo V do RD 276/2007, e as titulacións de técnico superior de FP para as especialidades que pasan ao corpo de PESSFP, actualmente recollidas no Anexo VI, deben de seguir estando vixentes.
A CIG-Ensino tampouco se esquece daquel profesorado interino das especialidades que se integran no corpo de PES e que carecen da titulación declarada equivalente a efectos de docencia. O sindicato considera a necesidade de estabelecer un réxime transitorio durante o cal se poida acceder coa mesma titulación coa que se podía acceder ao corpo de PTFP, vinculado a unha experiencia docente neste corpo.
ESPECIALIDADES QUE PASAN A INTEGRARSE NO CORPO DE PES
Equipos electrónicos.
Instalación e mantemento de equipos térmicos e de fluídos.
Instalacións electrotécnicas.
Instalacións e equipos de cría e cultivo.
Laboratorio.
Máquinas, servicios e produción.
Oficina de proxectos de construción.
Oficina de proxectos de fabricación mecánica.
Operacións e equipos de elaboración de produtos alimentarios.
Operacións de procesos.
Operacións e equipos de produción agraria.
Procedementos de diagnóstico clínico e ortoprotésico.
Procedementos sanitarios e asistenciais.
Procesos comerciais.
Procesos de xestión administrativa.
Produción téxtil e tratamentos físico-químicos.
Servizos á comunidade
Sistemas e aplicacións informáticas.
Técnicas E procedementos de imaxe e son.
ESPECIALIDADES QUE PASAN A INTEGRARSE NO CORPO DE PESSFP
Cociña e pastelaría.
Estética.
Fabricación e instalación de carpintaría e moble.
Mantemento de vehículos.
Mecanizado e mantemento de máquinas.
Patronaxe e confección.
Peiteado.
Produción en artes gráficas.
Servizos de restauración.
Soldadura.