A CIG-Ensino demanda a retirada dos novos temarios de oposicións

O MECD dá por pechada a negociación do sistema de acceso e ingreso na función docente. Previsíbelmente a modificación do Real Decreto publicarase en febreiro e os novos temarios non entrarían en vigor antes de 2020.

Cumpriuse o previsto. O MECD, que xa dera por rematada a negociación do Real Decreto de Acceso na última Mesa Sectorial do Estado o pasado 30 de novembro, negouse a reabrir un debate pechado en falso e sen acordo sindical, mesmo daquelas organizacións que lle brindaron un cheque en branco ao goberno do PP cun acordo que respecta os recortes desde 2010 e que só levanta o veto á eliminación da taxa de reposición nas OPE até 2019, aceptando que con posterioridade só se poidan ofertar as prazas por xubilacións do ano anterior. A intervención da CIG-Ensino na Mesa volveu centrarse na crítica ao MECD e ás organizacións sindicais asinantes (CC.OO., CSIF, UGT), demandando que se anule o acordo e que, tal e como aprobou o Consello Escolar do Estado a instancias da CIG-Ensino, se elimine de maneira permanente a taxa de reposición. Esta sería a única forma de que a Xunta, así como o resto das administracións con competencias educativas, poida decidir sobre as súas ofertas de emprego sen os límites impostos unilateralmente polo Estado.

Unha vez pasado tamén o trámite do Consello Escolar do Estado, a modificación do Real Decreto verá a luz seguramente no mes de febreiro. Nesta Mesa Sectorial de Madrid do 17 de xaneiro só se falou, por tanto, dos novos temarios propostos polo MECD. O Ministerio confirmou que a súa intención é que os temarios entren en vigor no ano 2020. A CIG-Ensino, recoñecendo que nalgunhas especialidades os temarios están obsoletos, criticou que desde o ano 2012, no que o goberno de Rajoy anulou os temarios publicados no ano 2011, tivo tempo dabondo para dar un paso que agora resulta totalmente inoportuno.

O sindicato nacionalista, en consecuencia, solicitou na reunión a retirada dos textos polos seguintes motivos:

  • Durante as convocatorias nas que se levanta o veto á taxa de reposición (OPE 2017 a 2019, con convocatorias que poderían chegar a 2021*) deben manterse os mesmos temarios.
  • Os temarios, segundo confirma o MECD, implican tamén unha adaptación á LOMCE. É unha falta de respecto e, ao tempo, unha evidencia da estratexia do PP que, mentres negocia no Congreso un suposto Pacto Educativo para reformar a LOMCE, aplica uns temarios que parten dela.
  • Os temarios poderían morrer antes de entrar en vigor: o MECD recoñeceu que, entre os temas a debate sobre o futuro marco lexislativo da educación, estaría unha reforma en profundidade do sistema de ingreso na función pública, polo que non ten sentido manobrar agora cuns temarios que só crean incerteza e confusión entre as persoas que opositen nos próximos anos.
  • Os temarios parten dunha visión unitaria do Estado e non teñen en conta a realidade cultural, lingüística, política e social das diversas nacións e comunidades do Estado. Mesmo desde unha perspectiva do estrito cumprimento do marco autonómico actual, os temarios esquecen que hai unha parte do currículo que fixan as CC.AA. e que o lóxico e normal sería que esa realidade estivese presente nas normas que regulen o acceso á docencia. Por iso demandamos que, así como existe un reparto competencial á hora de fixar os currículos, os temarios tamén poidan ser adaptados á realidade de cada comunidade autónoma.

Só poderían entenderse modificacións puntuais, sen variar a estrutura e o número de temas dos temarios, para corrixir e actualizar contidos que están absolutamente desactualizados. E para iso non son precisos uns novos temarios senón unha mera corrección mínima e puntual dalgún deles, especialmente nalgunhas especialidade nas que mesmos os avances tecnolóxicos desde a década dos 90 aconsellarían que xa se tivesen feito hai tempo esas correccións.

Temarios descompensados nalgunhas especialidades

Existen, en determinadas especialidades, algúns desfases no reparto dos temas en relación ás materias, módulos, cursos ou ciclos que imparte o persoal docente de determinadas especialidades de FP e de Secundaria. Así, constatamos unha desproporción relacionada co peso de diferentes actividades industriais (Patronaxe e Confección), falta de adaptación a novos ciclos relacionados coas especialidades (Intervención Sociocomunitaria), reparto desigual de ámbitos científicos (Bioloxía e Xeoloxía) ou relegación de contidos ao respecto dos actuais temarios (os xogos e deportes tradicionais en Educación Física de Secundaria).

Mención á parte merece o feito de que non se aproveite un marco de actualización de temarios para pór ao día certas lagoas nos vixentes ou engadir novos contidos dentro dos temas propostos. Así acontece, por exemplo, no caso de Xeografía e Historia, onde se botan de menos, na nova presentación en epígrafes dos temarios, referencias concretas ao nacemento dos rexionalismos e nacionalismos, o movemento dos non aliñados, as novas experiencias políticas en América Latina ou a crise de 2008 como paradigma da globalización económica.

Unha visión unitaria que nega a diversidade e as competencias das CC.AA. 

A visión centralista do MECD evidénciase en aspectos relacionados coas linguas e que supoñen un retroceso mesmo ao respecto dos temarios actuais. Así, por exemplo en especialidades lingüísticas como Inglés, Francés, Alemán ou Italiano aparece nos textos en vigor a “comparación co sistema fonolóxico da lingua ou linguas oficiais da correspondente Comunidade Autonóma”. Sen embargo, na nova proposta do MECD só se menciona a comparación “co español” e os “sons que poden presentar dificultades para os hispanofalantes”.

Por outro lado son constantes, en numerosas especialidades, as referencias á lexislación  española, ben sexa educativa, do medio ambiente, do consumo ou da protección das e dos menores, por poñer só uns exemplos, sen que se acompañen da mínima mención, nin tan sequera xeral, ás normas legais propias do ámbito da Comunidade Autónoma, algo que a CIG-Ensino reclamou na Mesa.

 *A modificación do Real Decreto afectará tan só ás OPE (Oferta Pública de Emprego) de 2017 a 2019 (en Galiza a OPE de 2017 non se tería en conta). Porén, na Mesa Sectorial o MECD deixou claro que a idea do propio MECD e das CC.AA. era que esas OPE se puidesen “subdividir” en cinco convocatorias, polo que os cambios poderían estenderse até o 2021 ou quizais 2022. En todo caso, a propia inseguridade política a nivel do Estado fai que calquera previsión mereza ser tomada con cautela e desconfianza.

A CIG-Ensino demanda a retirada dos novos temarios de oposicións

Documento


Volver