
A CIG-Ensino demanda a Consellaría de Educación por negarlle a revisión médica anual a preto de 33.000 docentes
Denuncia no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza este incumprimento flagrante da Lei de Prevención de Ricos Laborais
Este dereito, como non podía ser doutra maneira, ofréceselle a todos/as empregados/as da Xunta de Galiza, incluído o persoal funcionario e laboral non docente, pero exclúese do seu exercicio a preto de 33.000 docentes que desempeñan a súa función a cargo da Consellaría de Educación. Concúlcase así de maneira flagrante a Lei de Prevención de Riscos Laborais.
A CIG-Ensino xa ten esixido a cobertura deste dereito en repetidas ocasións á Consellaría de Educación sen que até o de agora fose atendida esta demanda. Por esta razón, no ano 2008, presentamos no Valedor do Pobo unha queixa, á que a Consellería de Educación respondeu que estaba a avaliar os custes e a catalogar os riscos para poder ofrecer ao persoal docente a posibilidade de facer revisións médicas.
Pasaron xa 3 anos e medio desde esa contestación ao Valedor do Pobo e Educación segue sen prestar a cobertura dese dereito, dispensando desta maneira un trato discriminatorio a un colectivo de aproximadamente 33.000 traballadores/as que non pode facer as revisións médicas que regula o artigo 22 da Lei.
Que a CIG-Ensino se vexa obrigada a presentar unha demanda de conflito colectivo ante o TSXG, é unha mostra máis da desconsideración e o desprezo co que esta Consellaría trata aos seus traballadores e traballadoras, pois, nin sequera, posibilita o exercicio dun dereito -o da revisión médica- que desde hai 17 anos, a lexislación laboral obriga a cumprir a todas as empresas e administracións.