A CIG-Ensino demanda a actualización da relación de centros de especial dificultade
A CIG Ensino insta a actualizar a listaxe de arredor de 200 centros que cumpren este requisito en Galiza para que o persoal docente vexa recoñecida a súa puntuación a efectos de Concurso Xeral de Traslados
A CIG Ensino vén de remitirlle á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación un escrito no que a insta a modificar a Orde do 18 de outubro de 2010 pola que se dispoñen os centros e postos de especial dificultade de Galiza para que o profesorado que traballa neles poida ver recoñecida a súa puntuación a efectos de Concurso Xeral de Traslados.
Segundo esta Orde defínense como postos de difícil desempeño os que se prestan nos centros de educación permanente de adultos, nas institucións penitenciarias, nos centros de educación especial, nas aulas específicas de educación especial nos centros ordinarios e nas escolas unitarias. A impartición de docencia nestes centros ten un recoñecemento con puntuación no concurso de traslados de 2 puntos por ano. Pero a Consellería non modifica a normativa desde 2010 quedando totalmente obsoleta a relación de centros, o que supón un agravio para o profesorado afectado.
Desde a CIG-Ensino esíxese a redacción dunha nova Orde e que a Consellería faga pública a relación de centros e a súa actualización constante na web para que todo o profesorado poida participar en igualdade de oportunidades no Concurso Xeral de Traslados. Nestes últimos anos creáronse aulas específicas de educación especial en centros ordinarios e outros pasaron a ser escolas unitarias, debido aos recortes educativos no medio rural, a pesar do cal non aparecen na Orde vixente. A CIG-Ensino demanda que esa modificación se faga á maior brevidade posíbel para que xa teña efectos no vindeiro concurso de traslados.
Anexamos o escrito presentado na Consellaría o 11 de setembro de 2017.