A CIG-Ensino defendeu no Consello Escolar do Estado a recuperación de dereitos do profesorado e un maior apoio ao ensino público

O pleno do CEE volveu evidenciar as profundas diferenzas existentes en temas como a privatización da educación, o marco competencial, o investimento público, a carreira profesional e a xerarquización do profesorado ou o sistema de acceso

O Pleno do Consello Escolar do Estado debateu na súa sede madrileña o denominado Informe 2019 sobre o sistema educativo, un documento cunha parte descritiva e na que abondan datos estatísticos e comparativas con outros estados europeos  e unha parte propositiva na que se recollen “propostas de mellora” que o Pleno do CEE eleva ao Ministerio para a súa toma en consideración. Ao texto sometido a debate presentáronse 110 novas propostas, moitas reiterativas, e 76 emendas.

A CIG-Ensino centrou as súas emendas e propostas en procurar modificar unha orientación claramente favorábel á privatización do ensino público, a evitar a burocracia e xerarquización do profesorado con postulados que reforzaban a concepción das direccións como un ente practicamente segregado do profesorado, así como a defender un marco competencial que respectase e potenciase a capacidade das Comunidades Autónomas fronte a unha vocación claramente recentralizadora presente en boa parte das organizacións presentes no Pleno.

Varias das propostas da CIG-Ensino contaron co voto afirmativo da maioría do Pleno, polo que pasan a incorporarse ao texto final do Informe:

  • A necesidade de que aumente a oferta de centros públicos na etapa de 0-3 anos de Infantil.
  • O incremento das cifras actuais de profesorado e a diminución das ratios como única garantía para reforzar a atención á diversidade e a acción titorial.
  • O incremento progresivo do investimento en educación, superando unha cifras que actualmente roldan o 4%do PIB e deben recuperar inmediatamente o 5% para situarnos nas cifras de gasto previas á crise, consolidando o 6% que marcan os Obxectivos 2020 da UE e así camiñar cara o 7% do PIB a medio prazo.
  • A recuperación da xubilación anticipada aos 60 anos con carácter xeral para todo o profesorado ou a xubilación parcial de relevo no ensino privado, superando a fenda actual derivada da reforma das pensións pactada co sindicalismo estatal e a obriga de todas aquelas persoas que accederon como funcionariado de carreira após xaneiro de 2011 ou son interinas a xubilarse con 67 anos con carácter xeral.
  • O reforzo dos claustros e do profesorado como auténticos equipos docentes fronte a unha concepción xerárquica na que se fomenta o “liderado” das direccións en detrimento do conxunto de docentes do centro, pasando pola elección democrática da dirección, a redución de burocracia, o reforzo das tarefas de coordinación coa redución das horas de docencia directa ou a formación para cargos directivos aberta a todo o profesorado.

Porén, outras medidas propostas pola CIG-Ensino non contaron cos votos suficientes. Entre elas salientamos a defensa dunha reforma legal no sistema de acceso á función pública que diferencie na oferta de prazas e nas condicións para acceder aquelas que son froito de xubilacións ou falecementos (e que sería  propiamente taxa de reposición) daquelas outras que son vacantes estruturais e están ocupadas desde hai anos por profesorado interino.

Outras propostas rexeitadas partían dunha concepción descentralizada do Estado e respectuosa co carácter plurinacional e competencial no deseño de futuras leis ou pactos tanto de carácter regulador do sistema educativo como das condicións de traballo e da carreira profesional do profesorado do ensino público.

Un dos temas centrais das emendas da CIG-Ensino foi o ocupado en procurar desmontar toda unha serie de propostas encamiñadas a ampliar aínda máis os concertos educativos e a rede de concertos. Así, o sindicato defendeu a negociación dun Plan de Integración de centros concertados na rede pública e o incremento de prazas escolares nos centros públicos, co obxectivo de situar as cifras do Estado español en cifras homologábeis cos países europeos, cando hoxe España é, despois do Reino Unido, o estado cunha maior porcentaxe de centros privados. maioritariamente concertados, na educación obrigatoria.

Unha chamada á reflexión: para que serve o Consello Escolar do Estado?

Unha das propostas que forman parte do texto sometido a debate e que finalmente volverá de novo a formar parte do Informe é a demanda de que o Ministerio de Educación elabore un informe sobre o seguimento e toma en consideración das numerosas proposta que se lle trasladan desde o CEE. A realidade é clara: hoxe en día o CEE limítase a aprobar centos de propostas, algunhas contraditorias e reflexo da diversidade e frontal oposición dos diferentes colectivos que o conformamos (desde o empresariado da CEOE e dos centros privados e concertados ás confederación de pais e nais a sindicatos ou persoas nomeadas polo goberno) mais sen ningunha incidencia real nas políticas educativas. Tan só se teñen usado como argumento para levar adiante medidas que os responsábeis do Ministerio xa prevían aplicar mais nunca se converteron en tema de incidencia real nas políticas educativas. De aí que nos preguntemos cada vez que participamos nestes debates se serve de algo, mais alá de observar nestes últimos anos unha deriva recentralizadora e privatizadora en moita das propostas que se debaten.

Volver