A CIG-Ensino defende o mantemento da teledocencia até finais de curso e avoga porque sexa o criterio docente o que determine a presencialidade do alumnado nos centros educativos
Coas medidas organizativas presentadas hoxe pola Consellaría de Educación desbótase todo o esforzo realizado pola comunidade educativa para a implantación da teleformación, incluída a recente adaptación das programacións didácticas
O único cambio que fixo a Consellaría foi a rectificación, despois das críticas da CIG-Ensino e outros sindicatos, no referente á incorporación do profesorado de grupos vulnerábeis mentres non se produce o informe da Inspección Médica, o cal non implica que se o informe é negativo non se vaia obrigar a que se incorpore, polo que a CIG-Ensino amosou a súa desconformidade, xa que entendemos que debe existir un compromiso expreso de que non se van ter que incorporar.
Tamén rectificaron á hora de eximir da reincorporación presencial aos centros daquel profesorado que teña a obriga de custodiar a fillos ou fillas até os 12 anos incluídos así como persoas maiores dependentes a cargo.
A mesa continuará o martes que vén, coa orde de prórroga das direccións, a información sobre as oposicións e os varios
O título do borrador da Resolución é case unha demostración de como deseñou a Consellaría este documento: “reinicio da actividade lectiva”. Que pensa a Consellaría que estivo facendo o profesorado nestes dous meses? Dicímosllo nós: cargando cunha responsabilidade enorme, readaptándose por completo e sen o apoio da administración, asumindo unha sobrecarga de traballo enorme, en moitos casos con horarios disparatados. Nestes dous meses, con todos os problemas e eivas que a CIG-Ensino denunciou tras as respostas do profesorado na macroenquisa sobre a teledocencia, o profesorado xa estivo e está con actividade lectiva. O que agora pretende a Consellaría é romper o que se está facendo.
O sindicato insistiu na Mesa en aproveitar o mes que queda para planificar correctamente como se vai desenvolver o próximo curso e cualifica de temeridade a intención da administración de "dar sensación de normalidade" coa presencialidade xeral do profesorado nos centros, que pon en risco a saúde de familias enteiras nun momento no que a pandemia aínda está sen controlar. Así mesmo, lembra que o protocolo de medidas de protección incumpre a Lei de PRL e insta á Consellaría a facer unha avaliación individualizada dos riscos existentes en cada centro de cara a ter claras as adaptacións de espazos e de equipamento que hai que realizar antes do mes de setembro. O documento que presenta a Consellaría contén instrucións de carácter organizativo para o profesorado e un Protocolo de medidas prevención para a reapertura dos centros educativos. En ningún momento ten en conta a opinión dos equipos docentes sobre a eventualidade e conveniencia da incorporación do alumnado, con que condicións e para que cometido.
Desde o punto de vista sanitario, o protocolo da Consellaría incumpre a Lei de PRL por, entre outras cousas, nons ser capaz nestes dous meses de facer unha avaliación de riscos dos centros educativos, cando menos pola súa tipoloxía.
Desde o punto de vista sanitario a proposta de Protocolo non cumpre coa Lei de Protección de Riscos Laborais ao tratar a todos os centros por igual e sen partir dunha análise pormenorizada de riscos en función dos diferentes centros, cando menos por tipoloxía, alegando a imposibilidade de facer esa avaliación neste final de curso, cando hai que lembrar que levamos nesta situación desde hai máis de 2 meses e nada se fixo ao respecto. A propia Xunta determinou para a incorporación do persoal da administración xeral que se fixese un informe previo durante unha semana para programar a incorporación aos postos de traballo, as adaptacións deses postos cando fose posíbel e o mantemento do teletraballo cando fose necesario.
É certo que o protocolo da Consellaría parte dun documento previo do MEFP, que xa foi contestado pola CIG-Ensino. Mais os erros do Goberno español non teñen porque ser reproducidos pola administración educativa galega, que ten as mans libres e toda a competencia para ampliar a protección do seu persoal e do alumnado.
A CIG-Ensino considera que a Consellaría está actuando con temeridade e cunha absoluta falta de rigor. Os esforzos que a comunidade educativa en xeral (profesorado mais tamén alumnado e familias) tiveron que facer nestes dous meses desbótase agora por completo xa que coas propostas desta Resolución o que fai a Xunta é desmantelar o que está funcionando coas dificultades xa denunciadas. Onde debería poñer o foco a administración é precisamente nas eivas do actual funcionamento telemático, e tendo en conta as propias instrucións da Consellaría ser consecuente: de existir unha volta ás aulas esta debe centrarse basicamente no alumnado de 2º de BAC que vaia concorrer á ABAU e só para casos nos que o profesorado teña detectado desconexión ou necesidades de apoio presencial, nunca como unha sorte de volta por completo ás aulas se así é a vontade do alumnado. En menor medida esa volta só ten sentido na FP para casos moi puntuais e segundo os criterios do profesorado que lles imparte aulas.
A administración está actuando con temeridade. A reincorporación de forma xeral para os cursos afectados e non excepcional pode poñer en risco a saúde de familias completas.
As medidas apuntadas pola Consellaría poden poñer en risco a saúde de familias completas. A reincorporación ao traballo en multitude de sectores laborais estase a producir mais en moitos deles, e mesmo na Xunta, segue a ser o teletraballo unha opción válida. Con carácter xeral debe rematarse o curso como está: NON PODE HABER UNHA INCORPORACIÓN ÁS AULAS REVESTIDA DUNHA FALSA NORMALIDADE. A presencialidade non debe implicar desfacer o feito e comezar como se nada: debe ser absolutamente excepcional e cunha función de apoio e titorización cando así o considere o equipo docente.
Baixo ningún concepto aceptaremos, se a Consellaría mantén esta orde, que se produza unha nova sobrecarga de traballo para o profesorado. Non se pode simultanear traballo presencial con teledocencia. O ensino a distancia demostrou que é altamente esixente, ampliou os horarios do profesorado, contestando correos a todas horas e adaptando a súa metodoloxía e recursos á nova realidade. Pretender desfacer todo é unha mostra de irracionalidade.
Visto o despropósito da Consellaría e o caos que vai ocasionar no alumnado e profesorado hai que facerse varias preguntas: para que se quere incorporar ao alumnado nestas condicións? Vai implicar melloras ou vantaxes ou estamos só ante a aparencia da falsa normalidade? Con certeza e por desgraza, todas as respostas pasan polo interese do actual presidente da Xunta nunha data, o 12 de xullo.
Medidas organizativas
A norma proposta pola Consellaría fixa a incorporación presencial ás aulas do alumnado de 2º de Bacharelato e de 2º de Ciclos Formativos con carácter voluntario, mais en ningún momento permite que sexa o equipo docente quen fixe criterios de incorporación, tanto en función dos recursos humanos dos que se dispoña como da realidade do alumnado ou do aproveitamento que o profesorado considere que pode ter para cada aula ou alumno e alumna en particular esta reincorporación.
No documento fálase da incorporación de docentes que non imparten 2º Bacharelato ou 2º de CF se así o determina a dirección. De novo ponse por diante aparentar normalidade fronte á organización efectiva dos recursos que temos. A Consellaría esquece de novo que o profesorado está teletraballando.
A Consellaría deu o dato de que o número máximo de profesorado que se tería que incorporar sería de 7.484 docentes, que son os que imparten algunha hora en 2º de BACH ou 2º de Ciclo Medio e Superior en IES, CIFP´s ou centros concertados. Para evitar calquera confusión, esixímoslle que eliminen do texto esa referencia de que os equipos directivos poderán requirir da presenza doutros membros do departamento do profesorado afectado ou mesmo doutros niveis educativos.
Neste sentido, e desde o punto de vista da organización docente, a CIG-Ensino fixo as seguintes consideracións, dando cumprida resposta a cada apartado das instrucións.
Sobre o alumnado que pode volver ás aulas
- A organización docente derivada destas instrucións vai ser un caos: non se regula nada agás a voluntariedade do alumnado e así é imposíbel organizar nada. Unha cousa é que se lle dea liberdade ao alumnado para volver ás aulas e outra é que a organización dun centro dependa desa voluntariedade.
- O alumnado que podería incorporarse, tería que estar vinculado exclusivamente á ABAU e seguindo os criterios do profesorado, que ten nestes momentos elementos dabondo para saber se quen tivo máis problemas para conectarse ou para obter a titulación ten algunha carencia que poida, cando non solventarse, si polo menos atenuarse de cara ás probas de acceso á universidade. Por tanto, debe ser o profesorado de cada centro quen determine como se debe facer a reincorporación e, respectando a voluntariedade do alumnado, quen fixe como se debe producir.
- A incorporación do alumnado non pode estar directamente relacionada coa docencia presencial “como se nestes dous meses non pasase nada”.
Sobre a docencia presencial
Evidénciase un desprezo polo traballo feito até agora polo profesorado. Con estas instrucións organizativas desbótanse todos os esforzos feitos para adaptarse á teleformación, incluída a recente planificación de reforma das PD.
No bacharelato.
- As avaliacións en 2º BACH son ao redor do 7 e 8 de xuño. Non ten sentido romper a dinámica actual antes desa data. A actividade docente debe seguir o proceso actual, por teledocencia. Non se pode desmontar do día para a noite o inxente traballo feito. A Consellaría cargou de burocracia ao profesorado e ás direccións, obrigando a facer modificacións nas programacións que agora non serven para nada. É unha mala improvisación continua.
- A Consellaría parece esquecer que boa parte do profesorado que imparte 2º de Bacharelato tamén imparte 1º ou ESO. Afirmar que impartirá as aulas no seu horario habitual é un despropósito. Non se pode propoñer en serio unha sorte de “volta á normalidade” nestas condicións. Hai que ter en conta que moito profesorado modificou os seus horarios para poder atender ao seu alumnado telematicamente.
- A proposta da Consellaría vai provocar efectos moi prexudiciais, xa que vai desatender a teledocencia alí onde funcionaba e non vai garantir un mellor aproveitamento das aulas.
- Cónstanos que algúns docentes de Bacharelato trasladaron ao seu alumnado que vai haber exames presenciais obrigatorios. A administración ten que ser clara ao respecto.
Na Formación Profesional.
- No caso dos Ciclos Formativos hai que ter en conta que a FCT, na que debería estar agora mesmo todo o alumnado de Ordinario de 2º, vai implicar un problema de coordinación do profesorado en función da opción que tomase o alumnado (proxecto, adiar a FCT, etc…). Polo tanto, un retorno a un horario lectivo ordinario non ten ningún sentido. Pode haber módulos para os que non se requira a presencialidade e outros nos que o profesorado entenda que son precisas probas teórico-prácticas ou o uso dos talleres. Que sentido ten que alumnado que ten aprobados os módulos e só está pendente da FCT se poida incorporar? O único sentido que pode ter a incorporación nestes momentos está precisamente vinculada cunha atención personalizada e que debe depender da opinión do profesorado.
- Menos sentido ten aínda a incorporación na oferta modular onde estritamente non se pode falar de 1º ou 2º curso xa que o alumnado pode matricularse indistintamente dos módulos que queira sen ter en conta a orde habitual. En todo caso, tamén debe ser o profesorado do departamento quen identifique se existe algunha necesidade e non a dirección dos CIFP. Neste sentido, o director xeral de Educación e FP confirmou que só se requiriría a incorporación daqueles módulos adscritos a segundo curso.
- Hai direccións de CIFP que xa mandaron onte mesmo orde de que se incorpore todo o profesorado ao centro o luns 25. Soamente algunhas direccións, por fortuna poucas, chegan ao nivel de irresponsabilidade da Consellaría.
- Preocúpanos a información que recibimos sobre a realización de probas de acreditación de competencias. Solicitamos información e que se regule tamén un protocolo específico, sobre todo tendo en conta que en moitos caso sería preciso manter contacto físico coas persoas que se presenten ás probas.
A obriga de atender a todas as necesidades
A Consellaría debe ter en conta a posibilidade de contratar persoal substituto para o que queda de curso se segue adiante coa súa proposta de reincorporación, xa que en moitos casos se vai desatender un alumnado para poder facer o que a Consellaría pretende. É obvio que a solución non pasa por aquí e que debe ser previa, minimizando a presenza do alumnado e tendo tempo suficiente para ordenar os efectivos, mais se ao final a Consellaría mantén o seu criterio vai acrecentar o caos.
Nova ocorrencia: agora, en streaming
Non estamos de acordo con esa proposta híbrida de levar ao profesorado á aula para seguir facendo o que xa facía, simultaneando presencial e “streaming”. Iso non é o que se demanda desta Consellaría. É consciente que preparou este texto da complexidade que supón tirar pola borda o traballo feito, volver á presencialidade voluntaria e sen control e aínda por riba, facermos unha retransmisión en directo do que facemos? Retransmitir clases non é teledocencia e, en todo caso, a Consellaría ten os deberes sen facer canto á protección de datos, gravación de clases ou videoconferencias, etc. Debe regularse.
Sobre a teledocencia
- Debe autorizarse con carácter xeral a teledocencia desde as casas sempre que así o solicite o profesorado. A Consellaría está a aforrar recursos que está a poñer o propio profesorado con cargo aos seus ingresos (computador, conexión a internet.. como se evidenciou na enquisa realizada pola CIG-Ensino). Estamos nunha situación excepcional á que houbo que facer fronte da noite á mañá mais a Consellaría deberá acometer medidas de cara ao curso que vén e o futuro inmediato para poder dar resposta a unha eventual suspensión das aulas ou, agardemos que así non sexa, a aposta por un modelo híbrido de teledocencia e presencialidade. Non pode ser que o profesorado teña que soportar economicamente as carencias da administración. Cando se obriga a teletraballar a empresa debe dotar dos recursos necesarios ao seu persoal. Isto debe terse en conta para o curso 2020/21.
- O retorno presencial do profesorado debe ser absolutamente excepcional.
- O persoal vulnerábel e aquel coa obriga de custodiar a fillos ou fillas menores ou maiores dependentes debe ter dereito a non se incorporar.
- Para todo o relacionado con reunións (claustros, consellos, departamentos, etc..) primarase que se realicen a distancia ou simultaneando a presencialidade e a videoconferencia.
Sobre a recollida e devolución de material (libros de texto).
- Deben extremarse as medidas sanitarias e, sempre que for posíbel, a organización da recollida con cita previa, se así o decide a dirección, ben sexa polo número de alumnos e alumnas ou por outros factores a ter en conta.
- Hai algún centro de Primaria no que a dirección comunicou ás mestras e mestres que teñen que ir ao centro. A Consellaría debe cortar de raíz estas actuacións temerarias e dar unhas instrucións claras.
Sobre a provisión de materia de protección.
- Estamos totalmente en contra de que o aprovisionamento dos equipos de protección ou outro material hixiénico (xel hidroalcólico, papeleiras de pedal, máscaras, pantallas, etc…) teñan que ser realizados polos centros educativos. Isto pode ocasionar un caos e unhas diferenzas enormes en función da capacidade de cada centro para facerse con eses recursos, o que irá en detrimento do profesorado e outro persoal do centro así como do alumnado. É unha insensatez e unha vergoña absoluta. Xa o foi a semana pasada coa incorporación dunha pequena parte do persoal e vaino ser máis agora. A Xunta debe proporcionar TODO o material de protección necesario. Resulta insultante que a Xunta se lave as mans e derive a súa responsabilidade nos centros.
- Os gastos derivados desa compra de material non poden ir con cargo aos orzamentos ordinarios dos centros, xa de por si moi reducidos, senón a un plan de continxencias xeral da Xunta para afrontar a pandemia.
- Non se pode permitir que se produza a incorporación de máis persoal sen que os centros estean totalmente adaptados.
Medidas sanitarias. O protocolo de medidas de prevención
Tendo en conta a situación actual de teledocencia, con todas as eivas que como CIG-Ensino xa salientamos logo do informe feito a raíz da macroenquisa entre o profesorado galego, e dado o momento do curso escolar, debe primarse que esta alternativa se manteña para todo aquel profesorado que así o solicite.
- A CIG-Ensino reitera que o persoal que é grupo de risco debe ser eximido de volver aos centros. Hai unha clara discordancia en dúas partes do texto, cando nun apartado se exclúe a mulleres embarazadas e persoal maior de 60 da relación de grupos vulnerábeis e noutro apartado si aparece. Aquel que teña algunha das patoloxías citadas no texto debería ser de oficio, e o profesorado maior de 60 sen patoloxías por petición propia. Ao tempo, todas as alegacións doutras patoloxías deben ser revisadas e avaliadas. Foi neste apartado no que se produciu o único movemento relevante da Consellaría, rectificando sobre a intención inicial e indicando o seguinte:
- O profesorado que teña crianzas até 12 anos (inclusive), menores con discapacidade (pendente de aclaración na redacción final) ou maiores dependentes a cargo (tamén pendente de redacción final) non terán obriga de incorporación aos centros educativos. Terán que solicitarllo mediante escrito á dirección do centro.
- O profesorado que pertenza a outros grupos vulnerábeis (diabetes, enfermidade cardiovascular, incluída hipertensión, enfermidade pulmonar crónica, cancro en fase de tratamento activo, inmunodeficiencia, embarazo e maiores de 60 anos) poderá solicitar a non incorporación e non terá que facelo mentres o servizo de inspección médica provincial non emita un informe). No caso de que ese informe fose negativo e entendese que non existe risco, terían que incorporarse unha vez recibida a resolución. A CIG-Ensino considera que nestes casos debe autorizarse sempre a non incorporación.
- A posibilidade de contaxio é o que fai variar toda a perspectiva sobre a saúde dunha persoa no traballo. Entendemos que se parte dun erro enorme cando se fala das patoloxías en función do posto de traballo que se ocupa e se indica expresamente que “se as circunstancias do posto de traballo non variaron respecto á situación previa da pandemia do coronavirus, non existe no/a traballador/a maior sensibilidade que a que existía con anterioridade”. Unha profesora xestante podía traballar con normalidade hai 3 meses mais sería temerario facela ir traballar agora. O mesmo se pode dicir dunha persoas don dificultades respiratorias ou con inmunodeficiencia: o que cambiou non foi a súa doenza nin o centro no que vai traballar; o que mudou é que estamos nunha pandemia na que Galiza ten un baixo nivel de inmunidade de grupo e na que día si, día tamén, se nos insiste en tomar todo tipo de prevencións. Que haxa profesorado que poida seguir na teledocencia e a quen se lle faga ir ao centro é unha imprudencia.
- A opción non debe ser ter baixa médica, senón manter a teledocencia. No apartado do Protocolo relacionado coa tramitación de solicitudes perante o SPRL, copiado directamente dun ámbito moi diferente ao educativo, dáse como única opción no caso de que o SPRL acepte a non incorporación ao centro, a tramitación dunha baixa por IT, cando o que se debe primar, sempre que se poida, é manter a teledocencia. É un sen sentido obrigar a coller unha baixa a quen pode e quere seguir traballando desde casa.
- O procedemento de valoración por parte do Servizo de Prevención de Riscos Laborais (SPRL) vai dificultar cando non impedir unha correcta revisión das solicitudes. Vai pasar todo polo servizo central e despois vai ser revisado por unha entidade privada. A iso leva a privatización dos servizos públicos, cando o que debería facer a Xunta é ampliar a inspección médica das Xefaturas Territoriais e que fosen empregados sanitarios públicos quen fixesen os informes. Esta foi a segunda rectificación da Consellaría. Modifica o procedemento so seguinte xeito:
- Quen queira solicitar a valoración de adaptación do posto de traballo terán que presentar un escrito dirixido á dirección do centro. Non se axuntará, como solicitamos, ningunha documentación médica, por protección de datos relacionados coa saúde dos docentes
- A dirección remitirá o escrito á inspección médica de cada XT, que emitirá un informe sobre se debe existir incorporación ou non. En principio, só estarán exentos de incorporarse aquelas persoas que forman parte dos grupos vulnerábeis.
- A inspección médica provincial poderá solicitar o asesoramento do servizo de prevención alleo.
- A incorporación progresiva do diferente persoal que traballa nos centros educativos debe vir precedida dunha valoración dos postos e espazos de traballo, así como das eventuais situacións de risco do persoal catalogado como grupo vulnerábel, coas previas adaptacións dos postos de traballo que proceda e, se estas non son posíbeis, pola concesión da dispensa correspondente, primando en todo caso a opcionalidade da teledocencia, especialmente nos casos do persoal vulnerábel. Deberanse implementar as medidas necesarias para minimizar o contacto entre persoas traballadoras e o potencial público que poida concorrer no centro educativo.
- O principal para a Xunta é non aumentar persoal. Canto ás medidas xerais de hixiene e limpeza chama a atención que a Xunta tome a decisión de negar a posibilidade de dotar de máis persoal de limpeza, ao indicar expresamente que o traballo a facer non “implique a petición de novos efectivos”. Solicitamos que se especifique que é preciso unha limeza extraordinaria con antelación ao inicio de cada actividade, para o que dubidamos que os actuais cadros de persoal de limpeza sexa suficientes. Pedimos tamén aclaración sobre a recomendación sanitaria de que non se pode estar nunha aula ou espazo no que se fixo limpeza con dilucións de lixivia durante un mínimo de media hora.
- En todo caso, todo o que ten a ver coas condicións de reincorporación do persoal non docente e que figura expresamente nesta orde (limpeza, administración, coidador) non é do ámbito de negociación desta Mesa e debe ser negociado na Mesa Xeral, non nesta Mesa que é exclusivamente para o persoal docente. Con independencia de que o Protocolo pase polo Comité Intercentros de Seguridade e Saúde Laboral do venres 22, debe negociarse onde corresponde.
- No caso de que se produza unha volta parcial ás aulas, deberá verificarse en cada centro cunha semana de antelación que se dan todas as circunstancias e se poden cumprir todas as medidas de protección e, no caso de que non sexa así, comunicar a deficiencia ao SPRL para que se dispoñan as actuacións necesarias para que se corrixa. Este prazo temporal é o mesmo que a Xunta puxo para as dependencias administrativas do seus edificios.
- No documento figuran referencias expresas a niveis educativos e alumnado a quen non lle afecta o presente Protocolo. Para a CIG-Ensino o texto ten que ter como caducidade o presente curso escolar, polo que sobran todas as alusións a infantil, primaria, etc.. No caso do transporte pasa exactamente o mesmo. Non o hai gratuíto para Bacharelato e FP polo que non ten sentido que se inclúa. A Consellaría deberá presentar posteriormente un novo protocolo para a incorporación xeralizada no novo curso escolar, xa adaptado á situación que se vaia producindo.
- Ao respecto do alumnado con NEE entendemos que non de pode cargar a responsabilidade na persoa A orientación educativa ten unha función perfectamente definidas e entre elas non está a formación e os coñecementos necesarios sobre saúde e prevención de riscos. Tal e como está redactado, a Consellaría deriva a responsabilidade nestas compañeiras e compañeiros.
- Hai contradicións no texto, como a referente ao encerado. Nun apartado dise expresamente que serán usados unicamente polo profesorado e noutro que o alumnado teña o seu propio xiz ou rotulador de encerado se precisa achegarse a el.
- Para a atención ás familias ou persoas alleas ao centro primarase a utilización da atención telefónica ou por correo electrónico así como o estabelecemento de mecanismos de organización da presenza física como a cita previa.
- A todo o persoal que estivese en contacto estreito con casos probábeis ou confirmados de infección por SARS-CoV-2 deberá realizárselle un test PCR antes da súa incorporación ao posto de traballo.
- Deben facerse tomas de temperatura á entrada dos centros.
Outros asuntos tratados na Mesa Sectorial
- EOI´s. As probas de certificación están aprazadas. O máis probábel é que sexan en setembro. Están elaborando unhas instrucións específicas para este tipo de ensinanzas. Xa prevén que se poida realizar a matrícula despois da súa realización.
- Probas de acceso a ciclos de FP. Comentan que no protocolo enviado polo MEFP para a celebración das ABAU xa se establece que este pode ser extensíbel á realización doutro tipo de probas de acceso. Están planificando cando poderían realizarse. Se puideran celebrarse en xuño optarían por ese mes para non colisionar cos prazos de inscrición.
- Probas de acceso aos CMUS. Nos estudos daqueles instrumentos para os que haxa concorrencia competitiva poderá haber probas presenciais aínda que priorizarán que se fagan de xeito telemático sempre que se poidan.
- Acreditación de competencias profesionais. Publicarase a semana que vén a continuidade do proceso e cando se poidan reanudar as avaliacións intentarán que se fagan só de xeito telemático.