A CIG-Ensino defende no Parlamento que o ensino non foi unha prioridade durante a pandemia para a Xunta a quen acusa de deixar abandonado o profesorado e o alumnado
O secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, compareceu esta tarde na Comisión para a reactivación de Galiza fronte á Covid-19 na que lembrou que Feijóo foi o único presidente autonómico que pediu destinar os fondos para educación a outros fins.
O sindicato maioritario no ensino público galego fai un balance moi negativo da xestión da Consellaría de Educación e da Xunta de Galiza desde a irrupción da pandemia en marzo. Ademais da ausencia total de negociación e dos continuos bandazos dados pola administración galega, o máis preocupante segue a ser o desamparo e a falta de seguridade que se vive nos centros educativos galegos que hoxe en día non son lugares seguros fronte á Covid-19 ao non se garantir a distancia social, a ventilación, o material de protección axeitado e a transparencia na comunicación e no rastrexo dos casos, así como no decreto de corentenas e illamentos preventivos.
Para visualizar a intervención completa inicial e a réplica do secretario nacional da CIG-Ensino podes premer nas seguintes imaxes:
A CIG-Ensino, por voz do seu secretario nacional, Suso Bermello, repasou esta tarde no Parlamento galego os oito meses que levamos xa de xestión educativa da pandemia da Covid-19 por parte da administración galega facendo fincapé nunha idea chave: o ensino non foi en ningún momento unha prioridade nin para a Consellaría de Educación nin para a Xunta de Galiza. Esta actitude viuse referendada pola petición do propio presidente Feijóo nunha conferencia de presidentes autonómicos de poder dedicar os fondos destinados a previr a expansión do coronavirus no ámbito educativo a outros fins.
Esta intencionalidade manifesta levou a que hoxe en día exista unha desigualdade moi importante entre centros e etapas educativas. Mentres que en Primaria, Educación Especial e Educación Infantil maioritariamente se manteñen avultadas ratios de 25 alumnos e alumnas por aula, en Secundaria e FP concedéronse, grazas á presión social, sindical e das direccións dalgúns centros de secundaria, algúns desdobres que diminúen o número de alumnado nas aulas. Sen embargo, pódese asegurar que na maior parte do País non se cumpre a indicación da OMS e doutras organizacións científico-sanitarias de que a distancia mínima nun lugar concorrido, neste caso as aulas, deber ser cando menos de 1,5 metros. Isto permite concluír que, lonxe da mensaxe que transmite continuamente o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, “os centros de ensino non son nestes momentos lugares seguros porque non se tomaron as medidas necesarias para minimizar o máximo posíbel os riscos e neles concorren unha serie de circunstancias que os fan especialmente proclives aos contaxios: espazos de pouco tamaño con alta densidade de persoas nos que se fala e se convive durante varias horas, con bastante interacción social pola mobilidade de profesorado e servizos como o transporte escolar e os comedores, con deficiente ventilación… Así pois, a CIG-Ensino puxo de manifesto que a Consellaría sempre foi detrás de todas as recomendacións científico-sanitarias, como acontece agora mesmo coas últimas evidencias sobre os contaxios a través dos aerosois, e que segue resistíndose a implementar todas aquelas medidas necesarias para reducir as probabilidades de gromos nos centros educativos.
Indefensión e abandono
Pero ademais, nestes momentos o persoal docente e a comunidade educativa séntense totalmente abandonados pola administración o que obrigou á CIG-Ensino a denunciar ante a Inspección de Traballo dúas vulneracións da Lei de PRL e ante o xulgado o novo Plan de ensino virtual e a última actualización do protocolo no que se ditamina que as persoas conviventes de casos sospeitosos deben ir igual aos centros educativos. Ao respecto da última cuestión, a comunidade educativa mantén desde o inicio de curso a súa indignación tanto polas deficiencias nos rastrexos dos contactos como no que ten que ver coa indicación de probas PCR e de realizar corentenas ou illamentos preventivos. A Consellaría non está a actuar nin dilixentemente nin con transparencia e iso crea malestar e desconfianza entre as familias, o alumnado e o profesorado. O feito de que até fai pouco fora a CIG-Ensino a que publicara os datos de casos positivos nos colexios e institutos do país é boa mostra desta situación. A última decisión con respecto ás persoas conviventes de casos sospeitosos ou a prohibición de que os médicos e médicas de familia poidan prescribir a realización de PCR preocupan moito ao sindicato por ser unha auténtica temeridade e non estar aplicando o máximo principio de precaución para frear as posibilidades de contaxio.
Con respecto ao plan de ensino virtual, o profesorado tamén veu conculcados os seus dereitos laborais. Existe nestes momentos unha sensación de afogamento burocrático e de esixencia abafante de carga de traballo que é inasumíbel sobre todo cando a administración galega nestes oito meses apenas fixo nada para mellorar a formación do seu persoal para afrontar o ensino telemático nin para suplir as carencias de material e de conexión que teñen as familias e tamén o propio profesorado. A última ocorrencia da Consellaría sobre os horarios espello é imposíbel de materializar se non hai realmente unha dispoñibilidade horaria ampla do profesorado para poder realizar ese traballo de adaptación e de levar á práctica o ensino telemático. Suso Bermello detallou en sé parlamentaria o resultado da enquisa realizada pola CIG-Ensino no confinamento a finais do curso pasado que revelou a fonda fenda social e tecnolóxica que existía no noso país e que non se veu solventada todos estes meses, máis ao contrario aínda se viu agrandada pola crise económica que está castigando especialmente a algunhas familias.
Tirando daquel inquérito no que participaron 6.350 docentes púidose comprobar como o 61% tivera problemas para conectarse co seu alumnado, unha situación que castigou especialmente ao que tiña necesidades especiais ou específicas de atención educativa. A axuda e asesoramento naquel momento por parte da administración foi nulo ou case nulo e oito meses despois o panorama preséntase idéntico co agravante de que agora xa non se pode dicir que os confinamentos parciais neste curso colleran por sorpresa a ninguén.