A CIG-Ensino cualifica este curso escolar como “o peor dos cursos nunca lembrados”

Rolda de prensa de balance do curso

A CIG-Ensino fixo hoxe, en rolda de prensa, unha moi negativa valoración do curso escolar que vén de rematar. Para Anxo Louzao, secretario nacional, a actuación do conselleiro e do seu equipo estivo caracterizada por unha agresión permanente á nosa lingua, ao servizo da privatización do ensino, desviando millóns de euros á privada e á concertada; por un deterioro do ensino público, por mor da redución do profesorado, dos medios e dos recursos; por un desprezo polo profesorado e os órganos de negociación e participación e por unha actitude autoritaria e involucionista “ateigada de actuacións ilegais, abuso de poder, baseado na propaganda partidaria, na mentira e na demagoxia”.
 
A actuación do conselleiro e do seu equipo merece, non só un suspenso, senón un moi deficiente
 
A CIG-Ensino cualifica este curso escolar como “o peor dos cursos nunca lembrados”

A CIG-Ensino fixo hoxe, en rolda de prensa, unha moi negativa valoración do curso escolar que vén de rematar. Para Anxo Louzao, secretario nacional, a actuación do conselleiro e do seu equipo estivo caracterizada por unha agresión permanente á nosa lingua, ao servizo da privatización do ensino, desviando millóns de euros á privada e á concertada; por un deterioro do ensino público, por mor da redución do profesorado, dos medios e dos recursos; por un desprezo polo profesorado e os órganos de negociación e participación e por unha actitude autoritaria e involucionista “ateigada de actuacións ilegais, abuso de poder, baseado na propaganda partidaria, na mentira e na demagoxia”.
 
“Nunca se lle fixo tanto dano ao ensino público en tan pouco tempo”. Con esta afirmación resumía o secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao, a valoración do curso escolar que vén de rematar.
 
Respecto da persecución ao galego, resumiu a actuación da consellaría en doce actuacións concretas: desmantelamento das galescolas; a redución do número de proxectos de innovación; no atraso e redución das axudas aos equipos de normalización lingüística nun 20%; a redución dos programas de apoio ao noso idioma na liquidación, en 47 centros, do programa de inmersión lingüística en Educación Infantil. Actuacións que acabaron pro provocar a dimisión dos coordinadores provincias dos equipos de normalización.
 
A iso engadiu a eliminación da obriga de realizar no noso idioma a presentación da programación nas oposicións; a publicación do decreto do plurilingüismo que por primeira vez na nosa historia explicita a prohibición de impartir as matemáticas, a física e química e a tecnoloxía en lingua galega. “Un goberno que se chama galego o primeiro que fai é, non só reducir a presenza do galego nas propias aulas senón mesmo expulsar o galego das materias científico-técnicas do sistema educativo” e de Educación Infantil.
 
Neste sentido, denunciou o malgasto de entre 5 a 7 millóns de euros porque “non lle serven os libros no noso idioma”, co único obxectivo de promover o seu desprestixio, para que acabe sedo unha lingua de “vitrina”.
 
Comportamento autoritario
 
Louzao tamén denunciou o comportamento autoritario e intransixente da consellaría, da que dixo que amosou unha total desconsideración con todos os órganos de negociación e participación, como a mesa sectorial ou o Consello Escolar.
 
Desconsideración que provocou que en 3 ocasións a CIG-Ensino tivera que levantarse da mesa sectorial, á que se lle subtraeron competencias, porque non se levaron, como sería preceptivo, temas como a circular 5/2009, da que xa se denunciou no seu momento que afectaría á calidade do ensino público nas EEOOII e que incidiría coa publicación de oferta de FP e EPA sen previa negociación que comporta a redución de postos de traballo e oferta educativa.
 
Esa desconsideración fíxose extensiva tamén, segundo explicou Louzao, ao profesorado, co abandono da súa formación, o que supuxo a redución dun 26% das prazas nos centros de formación e a eliminación de máis de 100 cursos e grupos de traballo.
 
O secretario nacional de CIG-Ensino lembrou ademais que a actitude da consellaría xa provocou que ao principio de curso numerosos interinos quedaran sen traballo e, a medida que este avanzaba, que o profesorado padecera unha “campaña de difamación para xustificar o seu favoritismo coa privada-concertada”.
 
A política de dilapidación ilustrouna tamén coa grande cantidade de cartos que Educación puxo ao servizo da propaganda, desde a súa páxina web, até os cartos destinados a vender o decreto de plurilingüismo, as enquisas aos pais e eliminar os libros en galego de Matemáticas, Tecnoloxía e Física e Química. En total 10 millón de euros de malgasto. .
 
Fronte a estes gastos, Anxo Louzao salientou os atrasos nos pagamentos dos trienios e sexenios ao profesorado, o atraso no pagamento dos orzamentos destinados a gastos de comedores, os recortes dos orzamentos para o funcionamento dos centros, que supuxo unha maior carga de traballo burocrático para os equipos de dirección dos centros ou mesmo a recente eliminación de servizos como comedores escolares no rural.
 
Actuacións ilegais
A estas actuacións Louzao engadiu numerosas actuacións que cualificou como “ilegais”, como a circular referida as Escolas de Idiomas; o decreto de plurilingüismo; o apoio explícito a concertos educativos dos centros que segregan por razón de sexo; a orde referida á Formación Profesional; o apoio aos centros plurilingües ou as prazas creadas para asesores “ad personam”, ou sexa, feitas a medida de quen querían colocar.
 
Apoio ao profesorado que manteña o galego
O secretario nacional de CIG-Ensino reiterou o apoio da central sindical ao profesorado que siga utilizando o galego como lingua vehicular no ensino e denunciou que a única actuación ilegal, tal e como constataron multitude de organismos, desde o Consello da Cultura até o Consello Consultivo, pasando pola Academia, é o que mantén o conselleiro e o Secretario Xeral de Política Lingüística, porque lembrou, as súas actuacións contra o galego vulneran, desde o estatuto de Autonomía até a Lei de Normalización Lingüística.
 
Anxo Louzao rematou lembrando a convocatoria dunha concentración que terá lugar mañá, 29 de xuño, ás 11:30 horas, diante da Consellaría de Educación, en San Caetano, para denunciar os recortes de postos educativos e laborais e para exixir a súa revisión.

Volver