A CIG-Ensino cualifica de “burla” para o profesorado o Plan de simplificación burocrática da Consellaría

Nunha primeira valoración sorprende que se venda como un logro que se reduzan as horas dedicadas a estas tarefas en 120.000 nun curso cando iso supón unha media de 4 horas menos por docente

O sindicato critica que a maioría das medidas anunciadas van implicar que o traballo recaia nas persoas administradas e que quen máis se verá beneficiada é a propia administración, pero non así nin profesorado, nin alumnado, nin familias. Ademais bota en falta para poder ponderar a relación custe/obxectivos a canto vai ascender a implantación deste plan, dado que con esa partida podería incrementarse a contratación de máis persoal nos centros educativos.

Outra fraude máis, e xa son incontábeis, derivada do Acordo de supostas melloras para o persoal docente e para o ensino público galego. A Xunta anunciou onte, por boca do seu presidente Rueda, un Plan de simplificación de tarefas burocráticas a dous cursos vista que, como moi cedo, empezará a implantarse cando se cumpran dous anos da sinatura do acordo (en outubro de 2025). Ademais, para o sindicato maioritario no ensino público galego, non deixan de ser unha “burla” as medidas avanzadas porque “maioritariamente non supoñen ningunha simplificación dos traballos para o persoal docente, senón para a propia administración que verá como cada vez máis serán familias e alumnado quen teñan que realizar por si mesmas toda a tramitación dos procedementos” e no que faltan as principais demandas da comunidade educativa: redución horaria para a realización deste traballo tanto para equipos directivos como para titorías, coordinacións... e aumento de persoal administrativo nos centros.

A Consellaría goberna de costas á comunidade educativa

“O primeiro que sorprende”-afirma a secretaria nacional da CIG-Ensino, Laura Arroxo- é a capacidade da Consellaría para cuantificar o número de horas que unha docente vai ver reducido no seu traballo burocrático”. Unha cifra que, segundo Rueda, vai significar un total de 120.000 horas por curso académico. Redondeando o número de docentes a 30.000, aínda que contando o persoal interino e substituto o que está en activo sempre é superior, daría unha media de 4 horas de redución nun curso por cada profesional, “o que é igual a nada”, en opinión de Arroxo. Porén, un dato que non deu o presidente é canto vai custar este plan até 2027 e como se vai executar, se coa subcontratación de servizos externos á administración ou con recursos propios. Sorprende que no mesmo Consello da Xunta si cuantificara canto vai custar outro plan semellante que vai licitar o SERGAS, en concreto 1,3 millóns de euros, polo que está claro que hai unha maior opacidade por parte da Consellaría de Educación sobre como se vai desenvolver. Para Arroxo é moi necesario coñecer estes detalles “porque ao mellor coa cifra que se vai destinar non se aforra moito e si se podería contratar todo o persoal que demandan actualmente os centros para un mellor funcionamento”.

Neste sentido, salientou que unha das medidas que se inclúen no plan é mellorar as canles de comunicación coas familias, “cando o que precisan os titores e titoras non é isto, senón dispor de máis horas para poder atendelas correctamente. En canto a impulsar a dixitalización de moitos procesos, facer nun aplicativo o que até agora se fai en papel non ten por que significar menos traballo burocrático e, pola contra, moitas veces significa máis rixidez, como se puido ver coa aplicación PROENS para a realización das programacións didácticas ou coa xestión académica a través da plataforma XADE, e polo tanto menos adaptabilidade a cuestións específicas. Noutros casos resulta absurdo que se precise dun soporte informático, como pode ser  a comunicación coa inspección. O que fai falta mellorar neste caso é a comunicación en si e non o soporte”, indicou.

Unha aplicación de contratación que non reduce burocracia ao profesorado

Sobre o anuncio estrela da aplicación para a xestión de substitucións cómpre incidir en que isto non supón menos burocracia para o persoal docente, senón menos traballo de xestión para a Consellaría e que, polo tanto, non debera encadrarse neste plan. “O uso de plataformas de contratación é moi común noutras administración e o estraño é que a Xunta venda este sistema como un avance revolucionario. É máis”, -destaca Arroxo-, “chama a atención que nas súas declaracións Rueda diga que vai evitar que as persoas interesadas teñan que estar pendentes do teléfono”, á vez que se pregunta “onde van consultar entón este aplicativo e como se vai evitar que os problemas de cobertura aínda existentes en Galiza non discriminen o persoal que vive no rural”.

En calquera caso, dado que esta medida afecta directamente ás condicións de traballo do persoal substituto, a CIG-Ensino esixirá a súa negociación na Mesa Sectorial e presentará todas as achegas que considere oportunas para que sexa unha ferramenta eficaz que permita cubrir canto antes as vacantes que se produzan ao longo do curso. Neste punto é onde situou o foco do problema a responsábel da CIG-Ensino, “dado que moitas veces os centros solicitan vacantes cunha duración menor de 15 días que son borradas directamente pola administración ou que se non se cobren de forma inmediata tamén se eliminan, ademais da paralización dos chamamentos varias semanas antes do inicio do período non lectivo do Nadal ou de Semana Santa”.

Máis persoal e tempo para atender o alumnado en lugar de IA e aplicacións

A CIG-Ensino destaca que no documento de 44 páxinas, que con esa extensión xa non fai gala de simplificación, recóllense medidas como a creación dun contorno de traballo específico para os departamentos de Orientación, Galiorienta, para a toma de datos e rexistros de actuacións. “Aínda que este persoal é dos máis afectados por protocolos, informes e burocracia en xeral, a solución á saturación que padecen non está na creación deste contorno, por útil que sexa, senón na necesidade de contar con especialistas suficientes para atender a diversidade nas aulas, a comezar por respectar a recomendación da UNESCO de que exista un ou unha profesional de Orientación por cada 250 estudantes. Esta demanda xunto coa dotación de máis persoal para a atención a diversidade é o que realmente precisan os centros mais as políticas da Consellaría van no sentido contrario coa non convocatoria de prazas de atención preferente, os atrancos para solicitar profesorado de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe, incluídos nas instrucións do vindeiro curso, e incrementar o número de unidades que pode atender o departamento de Orientación (até 30 nun único centro e até 18 se comparte varios).

Para o colectivo de FP, outro dos grandes afectados pola burocracia excesiva, non hai ningunha soa medida relacionada con simplificar o sistema Educalidade que tantas críticas ten acumulado nos últimos anos por limitar a liberdade docente e detraer moito tempo para a preparación e impartición das clases. Ademais apóstase polo uso da Intelixencia Artificial tanto para o ensino do inglés nestas ensinanzas, despois de eliminar as licenzas por formación para a creación de materiais didácticos, como para deseñar o plan formativo do alumnado na empresa no réxime dual intensivo e simplificar a adaptación curricular ás demandas do mercado grazas á análise de datos, o que deriva nunha supeditación absoluta da FP ao sector privado.

Sobre a última liña de acción que se destaca no plan, a actualización do marco normativo, non é tampouco en si mesma unha simplificación burocrática “senón unha necesidade imperiosa dunha administración que non está adaptada aos tempos, comezando polos Regulamentos Orgánicos de Centro que teñen case trinta anos e están totalmente desfasados. Reiteramos que se precisa dunha lexislación que regule coordinacións e xefaturas de departamento así como outras normas que están lastrando o normal funcionamento dos centros”, sentenciou.

Volver