A CIG-Ensino criticou na Mesa Sectorial a raquítica oferta de emprego e esixiu que a Consellaría se negue a aplicar a taxa de reposición

A CIG-Ensino esixiu a non aplicación da LOMCE na orde que regula o nomeamento das direccións dos centros educativos

Na Mesa Sectorial de hoxe, martes 11 de marzo, tratouse a proposta de convocatoria de oposicións para 2014. A CIG-Ensino criticou novamente a escaseza de prazas ofertadas, 93 na quenda libre e 24 na de promoción interna, unha escaseza continuada ao longo de varias convocatorias que está repercutindo negativamente na dotación de profesorado nos centros. No interior da nova tes acceso a toda información relacionada coa Mesa Sectorial.

A CIG- Ensino criticou o seguidismo da Consellaría que non discute a imposición da taxa de resposición do Goberno central, en virtude da cal se están deixando de convocar miles de prazas do profesorado que se xubila. Por este mesmo motivo, a CIG- Ensino reclamou que as prazas de promoción interna que non se cubran se acumulen á quenda libre, en contra do criterio da Consellaría que di que as prazas de promoción interna que non se cubran perderanse.


A CIG-ENSINO propuxo que se eliminase a diferenza na ponderación entre as dúas partes da primeira proba da oposición, que na proposta da Consellaría o exame teórico supoñía o  30% e o práctico o 70%,. A CIG-ENSINO esixiu que as dúas partes da oposición tivesen o mesmo valor e por tanto que supuxesen cada unha o 50% da puntuación. Ante a demanda, a Consellaría modificou a ponderación das dúas que quedou nunha distribución do 40% a teórica  e o 60 %, a práctica. A Consellaría tamén aceptou a proposta da CIG-ENSINO de que a puntuación da formación sexa de 0,1 puntos cada 10 horas, e non de 0,01 como figuraba no borrador.


Nomeamento de Direccións

Na Mesa tratouse a orde de nomeamento da Direccións. A CIG-Ensino rexeitou a proposta da Consellaría e manifestou a súa oposición a unha orde que, de acordo co marco lexislativo que inaugurou a LOMCE, consolida un modelo de xestión dos centros antidemocrático e calcado da empresa privada en que o director ou directora é propiamente un xerente que, coa nova lei, será directamente nomeado pola Consellaría, aínda que formalmente se convoque unha comisión, pois nela a Administración ten representación maioritaria.

A CIG-ENSINO manifestou ante a Consellaría que vai tentar dentro das nosas posibilidades facer imposíbel a aplicación desta norma. A CIG-ENSINO esixiu da Consellaría que cedese a potestade da súa maioría ao centro e que a comisión actuase de acordo coa vontade dos órganos colexiados, Consello Escolar e Claustro, pois desde a CIG-Ensino consideramos que a persoa directora debe ter o aval maioritario da comunidade escolar, e deste xeito estariamos evitando a aplicación dunha norma tan nociva coma esta.

A CIG-ENSINO propuxo que o único requisito para ser director ou directora dun centro sexa só ser profesor con destino definitivo no centro e criticou que, mentres se limita que o profesorado poida ser elixido, se abra a man para que unha persoa que vén de fóra do centro, e non sempre doutro centro educativo, poida facelo.

Formación en linguas estranxeiras

Nesta Mesa tamén se tratou a orde para a mellora da competencia lingüística en linguas estranxeiras. A CIG-Ensino denunciou que esta orde segue sendo un instrumento para os obxectivos políticos do PP, exclusivamente interesado en formar o profesorado en lingua inglesa para potenciar os centros plurilingües, mecanismos adoptados no Decreto de uso do galego, declarado ilegal polo TSXG, para reducir a presenza da nosa lingua nas aulas.

A CIG-Ensino reclamou unha maior aposta pola lingua portuguesa. No proxecto presentado pola Administración, a oferta de formación en portugués non acada nin sequera o 10 % das prazas (10 sobre 140), cando a Consellaría debería facer unha aposta por unha lingua que, cunha pequena formación, ofrece unha grande competencia lingüística, habida conta da proximidade coa nosa lingua propia. O incremento da oferta de portugués non só sería moi rendíbel formativamente senón que abriría un amplo espazo de comunicación, pois o portugués é unha lingua falada por máis de 200 millóns de persoas e é lingua de 11 estados repartidos por todos os continentes. Por outro lado a aprendizaxe do portugués é un mecanismo de reforzo e prestixio da lingua propia.

A CIG-Ensino criticou que a Consellaría siga a manter a redución da oferta en formación que é dun 32% respecto do ano 2012, e de máis do 65% respecto de 2011. Só se limita á elaboración de materiais dixitais, pensados para o proxecto Abalar, e desterrando calquera tipo de formación no ámbito pedagóxico-didáctico, da galeguización dos currículos, formación en contidos transversais. Eliminou as licenzas por estudo para elaboración de tese, licenciatura e as de duración anual e semestral limitándoas exclusivamente a unha temporalidade de un a tres meses. A Consellaría tamén marxina a unha boa parte do profesorado que non vai poder solicitar as licenzas.

ACCEDE DESDE AQUI A INFORMACIÓN DA MESA SECTORIAL

Volver