A CIG-Ensino critica unha vez máis as formas opacas da Xunta á hora de implantar o Plan Acompaña
O sindicato remitiralle un escrito á Consellaría de Educación pedindo explicacións sobre o criterio para a selección dos centros e sobre a xestión dos fondos
Unha vez máis a Xunta actúa con improvisación, anunciando o propio presidente Rueda un plan do que non hai ningunha información oficial, contactando cos centros dous días antes dos chamamentos e sen aclaracións previas para o persoal substituto sobre o tipo de prazas e de contratos ofertados.
A Consellaría de Educación volveu actuar de novo con improvisación e falta de transparencia no anuncio dun novo programa de reforzo, o Plan Acompaña, por parte do presidente Rueda o pasado martes sen antes trasladarllo á representación do profesorado. Todo o que sabemos deste novo “parche” é o que aparece na nota de prensa da Xunta publicada ese día na que se falaba da contratación de 100 novos docentes para atención á diversidade en educación infantil e nos dous primeiros ciclos de educación primaria en 100 centros de todo o país por unha contía de 2,25 millóns de euros. O seguinte paso dado pola Consellaría foi contactar cos centros o mércores, indicándolles que foran seleccionados para dito programa e hoxe venres 10 comezouse coa adxudicación das prazas, maioritariamente das especialidades de Pedagoxía Terapéutica e en menor medida de Audición Linguaxe.
Todo isto a CIG-Ensino foi sabéndoo polo contraste cos centros educativos e pola aplicación que xestiona as substitucións de profesorado na web da Consellaría. Desde o sindicato maioritario no ensino público galego non se entende como se pode actuar de novo con tanta improvisación e opacidade, sen coñecer de forma oficial os detalles deste Plan, cales foron os criterios para a selección dos centros que, polo que temos contrastado tampouco contaron cun informe previo da inspección educativa, e como se van distribuír os fondos dado que as contas non quedan claras: 2,25 millóns de euros para a contratación desde o día 13 de febreiro a finais de curso de 100 docentes a tempo completo parece unha cantidade superior ao que custa realmente o salario do profesorado e as cargas sociais que ten que afrontar a Consellaría.
Ante esta mostra de novo de opacidade e de falta de transparencia a CIG-Ensino remitiralle hoxe mesmo á Consellaría de Educación un escrito para pedir explicacións sobre a xestión deste Plan e para que aclare cales foron os criterios para seleccionar os centros, dado que semella que se trata dunha decisión de pura improvisación. Neste sentido, hai algún dato que chama poderosamente a atención, como que tan só foran seleccionadas dúas escolas infantís en Lugo e catro centros en Ourense ou que quedaran excluídos centros que solicitaron no seu día tanto vía oficial como a través de reclamacións sindicais nas Xuntas de Persoal e na Mesa Sectorial persoal de atención á diversidade polas problemáticas concretas que teñen este curso académico.
En resumo, desde a CIG-Ensino non entendemos como a Xunta pode facer un anuncio deste tipo a mediados de curso, sen achegar ningunha información previa e por suposto sen negociala coas organizacións sindicais e sen que existan informes previos e esixe da administración educativa que dea explicacións públicas de todo o que de momento ocultou a todo o profesorado e comunidade educativa.