A CIG Ensino critica que a Consellaría non presente o currículo das materias optativas autonómicas no borrador do Anteproxecto de Decreto do currículo de Bacharelato remitido para o Consello Escolar

Afecta tanto a materias do primeiro como do segundo curso do Bacharelato

Despois de non incluír ningunha mellora substancial, discriminar a nosa lingua e cultura e incrementar a burocracia cos novos currículos, a Consellaría non presenta, no Anteproxecto de Decreto enviado ao Consello Escolar, o currículo das materias de Anatomía aplicada, Antropoloxía, Cultura científica, Literatura galega do século XX e da actualidade, Tecnoloxías da información e da comunicación I e Segunda lingua estranxeira I, materias optativas autonómicas do primeiro curso do Bacharelato; Métodos estatísticos e numéricos, Psicoloxía, Segunda lingua estranxeira II, Tecnoloxías da información e da comunicación II e Xeografía, historia, arte e patrimonio de Galicia, materias optativas autonómicas do segundo curso.

A Consellaria criticou, con acerto, o retraso por parte do Ministerio na publicación dos Reais Decretos de Secundaria e Bacharelato, mais agora é a Xunta quen, a falta de poucos meses para o inicio do curso no que se comezarán a aplicar os novos currículos, non publica os das materias optativas autonómicas, nas que ten plenas competencias.

Dende a CIG-Ensino abrimos un prazo até o mércores día 1 de xuño, para recibir todas a achegas que queirades facernos (galiza@cig-ensino.gal) a fin de emendar o Anteproxecto, que se debaterá proximamente no Pleno do Consello Escolar de Galiza.

Volver